CA abre as portas a unha disposición transitoria na modificación do PXOM que lle dea respostas “aos propietarios e propietarias das VUT que foron vítimas dunha situación de inseguridade xurídica creada pola Xunta”
Compostela Aberta seguirá facendo propostas para mellorar a modificación do PXOM no que ten que ver coa revisión dos usos “porque entendemos que o texto que irá ao Pleno da próxima semana segue presentando moitos puntos débiles, froito da falta de impulso político do Goberno de Bugallo”. Anunciouno o concelleiro Jorge Duarte, que explicou que CA volverá pedir nunha moción que se impulse unha nova revisión “que teña en conta cuestións das que alertamos a través das alegacións, como a necesidade de revisar o plano de zonas sensibles para que a regulación das vivendas de uso turístico teña en conta as diferentes realidades dos distintos puntos da cidade”. Ademais, o edil apostou por estudar “a introdución dunha disposición transitoria que avalíe a situación de inseguridade xurídica creada pola Xunta”.
Jorge Duarte explicou que esta mañá celebrouse unha comisión de Urbanismo na que se deu conta do rexeitamento das alegacións que Compostela Aberta tiña presentadas á modificación puntual do PXOM que fora aprobada inicialmente no Pleno de setembro. O concelleiro insistiu en que “CA tén claro que é preferible unha regulación mellorable á ausencia de regulación, e de feito foi o noso Goberno o que iniciou este proceso pensando en dúas problemáticas: a das vivendas de uso turístico e a das gasolineiras en solo comercial, de actualidade pola sentenza xudicial que anula a licenza do equipamento xa construído en Brandía”. A partir de aí, indicou, “o Goberno debe exercer a súa responsabilidade de introducir criterios políticos nunha proposta que ata agora se limitou a cuestións técnicas”.
Moción no Pleno
Por iso, Compostela Aberta pedirá no próximo Pleno que o Goberno impulse unha nova revisión dos usos do PXOM, “para atender cuestións que propuxemos nas nosas alegacións á modificación, e que entendemos que son posibles técnicamente sempre que conten co impulso político que lle falta ao Goberno de Bugallo”. Así, Jorge Duarte insistirá na necesidade de mudar o plano de zonas sensibles establecido na modificación do Plan Xeral, “para garantir unha regulación máis acaída para a realidade de cada ámbito, porque non tén sentido que se lle dea o mesmo tratamento á zona histórica, onde xa existe un problema de sobresaturación, que a puntos da cidade como Santa Marta ou Vista Alegre”. CA tamén aposta por permitir a implantación de vivendas de uso turístico máis alá da planta baixa ou primeira, sempre que exista autorización da comunidade de propietarios e cando se respecte a limitación do número máximo e a porcentaxe de VUTs no edificio.
Ademais, o concelleiro de Compostela Aberta insistiu en que “urxe afrontar unha regulación dos usos que atenda outras cuestións máis alá das VUT, como é o límite ás tendas de souvenirs e a promoción do comercio tradicional no ámbito do recinto intramuros da cidade histórica e nas zonas que a modificación do PXOM en trámite define como conectores urbanos”.
Por último, na moción que se debate no Pleno da próxima semana, Compostela Aberta insta á Xunta a “cumprir a súa propia normativa sobre as vivendas de uso turístico, dándolle cumprimento á iniciativa aprobada por unanimidade no Parlamento, e a revisar o seu decreto sobre as VUT con fórmulas que permitan limitar o número de vivendas por persoa propietaria, para que cada persoa non poida ter máis de dúas vivendas con este uso.
Disposición transitoria
Ademais, Jorge Duarte indicou que “é o momento de estudar algunha disposición transitoria que permita desenmarañar a situación creada pola Xunta de Galicia, que utilizou a problemática das vivendas turísticas como arma contra o Goberno de Compostela Aberta inscribindo no seu rexistro aquelas que non tiñan autorización municipal”. Para o concelleiro de CA, “débese avaliar a introdución dunha disposición transitoria na modificación do PXOM que permita legalizar aquelas vivendas de uso turístico que figuren dadas de alta no rexistro da Xunta que non estean situadas en planta baixa ou primeira, sempre que se garde a proporción establecida dunha VUT por cada seis vivendas en cada edificio ou quinteiro”. Deste maneria, sinalou Duarte, “daríaselle unha resposta a moitos propietarios e propietarias que foron vítimas do mal facer da administración autonómica, e tamén do pasotismo nestes tres anos e medio do Goberno de Bugallo”.
PODES LER AQUÍ A MOCIÓN DO GRUPO MUNICIPAL DE COMPOSTELA ABERTA PARA INICIAR UNHA NOVA REVISIÓN DOS USOS NO PXOM, QUE PERMITA UNHA REGULACIÓN CONSENSUADA PARA OS PROBLEMAS DA VIVENDA, DO COMERCIO E DOS USOS TURÍSTICOS