Jorge Duarte: “Sorprende a facilidade coa que Bugallo quere crear unha empresa municipal de vivenda mentres se pecha á xestión pública da auga”

Compostela Aberta emenda a proposta do alcalde para esixir que Emuvisa “sexa unha ferramenta áxil para a xestión da cidade noutras cuestións como o ciclo da auga ou as obras e o mantemento
  • O concelleiro de CA lamenta que o Goberno “aprobara o estudo de detalle sobre Ultreia antes de escoitar as demandas da veciñanza en materia de mobilidade e estacionamento”

O concelleiro de Compostela Aberta Jorge Duarte cuestionou hoxe “a dobre vara de medir de Bugallo, que leva semanas presumindo da súa vontade de recuperar a empresa municipal de vivenda, Emuvisa, ao tempo que rexeita radicalmente a xestión pública dun ben esencial como é a auga”. Para o edil, “é case unha burla que o PSOE leve ao Pleno deste xoves a constitución dunha Comisión de Expertos para avaliar a posta en marcha desa sociedade mercantil, mentres segue sen cumprir os acordos plenarios e sen escoitar ao tecido asociativo que reclama que se avalíe o modelo de xestión da rede de abastecemento e saneamento”

Duarte deu conta da emenda que CA vai presentar á proposta de alcaldía sobre o inicio do procedemento de creación da Sociedade Mercantil Pública Urbanística e nomeamento da Comisión de Expertos ao respecto. O obxectivo da achega é que “esa sociedade mercantil que pretende poñer en marcha Bugallo non limite a súa actuación á actividade urbanística, tal e como se recolle na proposta do Goberno”. Así, Compostela Aberta demanda que “a nova Emuvissa sexa tamén a responsable dunha parte importante da xestión de servizos da cidade, entre eles o ciclo integral da auga, isto é, da recollida, depuración e subministración de auga potable, así como da recadación de tarifas e prezos públicos ou privados que sexan aplicables no servizo”. Ademais, CA aposta porque a mesma sociedade mercantil se ocupe tamén das obras e do mantemento do medio urbano e do rural, especialmente das obras de reurbanización que respondan á iniciativa do Concello e doutras administracións públicas. En definitiva, sinalou Duarte, “consideramos que nesta nova etapa Emuvissa pode ser unha ferramenta útil para a xestión da cidade, máis alá da vivenda, e en cuestións fundamentais como a auga”.

Jorge Duarte incidiu en que “Compostela Aberta comparte os motivos polos que o Goberno pretende recuperar Emuvisa, e entendemos que a vivenda é un dos asuntos que máis lles preocupa á veciñanza de Santiago, moita dela expulsada por mor dos elevados prezos e da pouca dispoñibilidade de residencias”. “O que xa nos custa máis comprender”, apuntou o concelleiro, “é que Bugallo apure todos os trámites para crear unha comisión de expertos sobre esta  empresa municipal, mentres segue poñendo escusas para non constituír a comisión que lle temos reclamado para analizar a xestión da auga”, Duarte mostrou o seu convecemento de que “este modus operandi fainos pensar que nin as intencións coa recuperación de Emuvissa son tan boas como nos pretenden facer crer, nin a creación dunha comisión de expertos e dunha empresa que xestiona a auga é tan imposible como sinala Bugallo, que tan só quere disimular a falta de interese político que tén para escoitar o que lle vimos pedindo desde Compostela Aberta e tamén desde o tecido veciñal”.

Solución integral e participada para o barrio de Ultreia

Doutra banda, Compostela Aberta anunciou a presentación dunha emenda á moción que o BNG levará ao Pleno en relación ao barrio de Ultreia, “para demandar que o Goberno teña en conta as alegacións da Plataforma Ultreia, constituída nestes días pola veciñanza da zona, ao estudo de detalle para a dotación de accesibilidade aos inmobles de vivenda colectiva emprazados na Praza de Ultreia, aprobado polo Goberno”. Jorge Duarte lamentou que “o Goberno de Bugallo aprobou este estudo de detalle e deulle conta desta decisión á veciñanza sen ningún contacto e sen ningunha reunión informativa previa na que recoller as demandas dos e das principais afectadas pola reordenación que se prevé para o barrio”. De feito, salientou, “a última xuntanza cos residentes foi en abril de 2019, sendo eu ainda o concelleiro de Urbanismo, e este Goberno decidiu tirar para diante sen escoitar e sen dialogar coa veciñanza”. Por este motivo, na emenda reclámase a celebración dunha reunión aberta da veciñanza con representantes técnicos e políticos do Goberno,”para coñecer en detalle o proxecto e para solventar as moitas dúbidas ao respecto que se veñen coñecendo nos últimos días”. Nesa liña, Duarte incidiu en que “CA cre que a participación nestes procesos é fundamental, e por iso hoxe mesmo imos manter unha reunión coa Plataforma Ultreia, porque ninguén sabe mellor que os residentes cales son as solucións máis acaídas para a zona”.

Na emenda que CA presenta á moción do Bloque, “demándase que Ultreia sexa declarada como Área de Rexeneración e Renovación Urbana, unha figura que permitiría acceder a maiores subvencións e axudas para melloras de accesibilidade, así como a ampliación dos prazos para poder presentar alegacións formais ao documento do estudo de detalle”. En materia de mobilidade, Compostela Aberta advirte da necesidade de “darlle unha resposta ás necesidades de estacionamento dos vehículos privados, porque falamos dunha zona que xa presenta un enorme déficit de prazas e é preciso procurar solucións que poderían pasar por incorporar o tramo máis próximo de Xoán XXIII á reflexión urbanística sobre o barrio de Ultreia”. Para Jorge Duarte, “Xoán XXIII debe reducir os seus carrís de circulación, priorizando o tránsito peonil, e habilitando nesta avenida a bolsa de estacionamento que desaparecería na zona de Ultreia, mesmo coa creación dunha nova área de aparcamento nos espazos que hoxe non están incorporados aos parques da valgada de Vite”. Tamén en Xoán XXIII, reclámase que se estude a incorporación de dúas novas rotondas, unha para regular os accesos de Ultreia e das rúas Lino Villafinez e Modesto Brocos, que permitan un calmado do tránsito rodado e que se regule moito mellor as entradas e saídas de vehículos nestas zonas do barrio.

Para Compostela Aberta, concluiu Duarte, “o máis importante é que a veciñanza estea plenamente informada e poida participar de todo o proceso de transformación do seu barrio, porque os plans do Goberno incidirán directamente na vida diaria dos e das residentes”. Por iso, o concelleiro esixiu que o Goberno elabore un cronograma e unha planificación clara, antes de comezar calquera actuación na zona de Ultreia.

PODES CONSULTAR AQUÍ A EMENDA DO GRUPO MUNICIPAL DE COMPOSTELA ABERTA Á PROPOSTA DE INICIO DO PROCEDEMENTO DE CREACIÓN DA SOCIEDADE MERCANTIL PÚBLICA URBANÍSTICA E NOMEAMENTO DA COMISIÓN DE EXPERTOS

PODES CONSULTAR AQUÍ A EMENDA DO GRUPO MUNICIPAL DE COMPOSTELA ABERTA Á MOCIÓN DO BNG PARA DOTAR DUN ESPAZO ALTERNATIVO DE APARCAMENTO PARA A VECIÑANZA DE ULTREIA E DO BARRIO DA AVENIDA DE SALAMANCA

Novas
relacionadas

María Rozas asina o acordo entre o Foro Cívico e as forzas políticas municipais para atender os retos de Santiago  

A candidata de Compostela Aberta cualifica de “moi positivo que se poña o foco sobre cuestións que van alén das grandes infraestruturas, e das que CA leva falando xa moitos anos como a gobernanza o turismo”

CA creará unha nova empresa municipal de vivenda que actúe tamén no mercado do alugueiro

Compostela Aberta propón que a nova empresa municipal “promova a construcción de vivendas a prezo taxado nos solares municipais, pero sobre todo que poña vivendas baleiras no mercado do alugueiro, a prezos sociais”

María Rozas: “Os remanentes de 2022 son a última demostración de que Bugallo é un alcalde incapaz”

A portavoz de Compostela Aberta cualifica de “escandaloso que o Goberno peche o ano con 24 millóns de euros sen gastar e 14 millóns de gastos pendentes”

CA propón un Plan de Rehabilitación de Vivendas para o alugueiro “para que os universitarios non sexan expulsados de Santiago”

A candidata de Compostela Aberta compromete a creación dunha rede de alugueiro de bicicletas eléctricas con tarifas especiais para a comunidade universitaria, no debate preelectoral organizado pola Universidade de Santiago

PARTICIPA

gRUPOS
DE TRABALLO

Selecciona a túa preferenza*
Podes participar en varios Grupos de Traballo