María Rozas: “A concellería de Educación leva tres anos improvisando e sen ter en conta as necesidades das familias”

  • A concelleira de Compostela Aberta denuncia que “ainda hoxe se abra un escaso prazo de sete días para inscribirse no programa de conciliación de Verán, mentres as familias de Teo e Ames xa saben a estas alturas se teñen praza en actividades equivalentes”
  • Rozas sinala que “a estas alturas xa ninguén dubida da incapcidade de Rubén Prol, e a FANPA leva meses denunciando a súa inacción”

Compostela Aberta lamentou hoxe que “despois de tres anos de mandato, a concellería de Educación siga sen ser quen de convocar en tempo e forma o programa de conciliación de verán, sen importarlle os perxuízos que esa improvisación lles causa ás familias compostelás”. A concelleira María Rozas explicou que “hoxe, un de xuño, ábrese un escaso prazo de sete días para a inscrición nesas actividades, das que nada se sabía ata este luns”. Mentres, en concellos próximos como os de Ames ou Teo, as familias xa saben se están ou non admitidas para programas de conciliación equivalentes na súa primeira quenda do mes de xuño.

María Rozas insistiu en que “a estas alturas xa ninguén dubida da incapacidade de Rubén Prol para xestionar a concellería de Educación, e de feito a Federación de ANPAs leva meses denunciando a inacción do concelleiro e pedindo que sexa apartado do cargo”. A concelleira de CA lembrou que “hai escasos días a FANPA remitiu un novo escrito á alcaldía nese sentido, lamentando a falta de avances en dúas cuestións sensibles para as familias: o novo prego do servizo de comedores escolares e o programa de conciliación de verán”. En resposta, o Goberno apurou os trámites “e o luns aprobou os prazos de inscrición no programa de conciliación, do 1 ao 8 de xuño”. María Rozas lembrou que o curso remata o día 22, “de xeito que as solicitudes quedarán resoltas a escasos días das vacacións, dándolle moi pouca marxe ás familias para procurar alternativas no caso de non conseguir praza no programa municipal”.

A concelleira explicou que no pasado mandato “o habitual era que o pograma de conciliación de verán se anunciara nos primeiros días de maio, e que o prazo de inscrición fora na segunda quincena dese mes”. Agora, sinalou Rozas, “nada se falou do programa ata o 30 de maio, e tan só se lles dá ás familias 7 días para realizar a inscrición, un prazo moi escaso sobre todo tendo en conta as dificultades que ten moita xente para acudir presencialmente ao Rexistro e dos problemas de operatividade que segue tendo a administración electrónica”. Fronte á situación que se vive en Compostela, salientou a concelleira de Compostela Aberta, “no concello de Ames a lista de admitidos para a quenda de xuño do programa de conciliación publicouse o pasado 24 de maio, e no de Teo as familias coñecen desde onte mesmo se obtiveron esa praza”. Para María Rozas, “é evidente que estes prazos facilitan verdadeiramente a conciliación, mentres que os que temos no concello de Santiago obrigan ás familias a buscar alternativas noutras institucións públicas ou privadas para non arriscarse a quedar sen opcións no caso de non obteren praza no programa municipal”.

Para María Rozas, “queda claro que o concelleiro de Educación só traballa in extremis e por reacción ás críticas, e que as familias temos que buscar alternativas sen agardar por un programa de actividades que nos últimos tres anos estivo rodeado de incertezas polos prazos, pola oferta de prazas, polos custos e mesmo pola súa localización”. “A estas alturas do mandato”, concluiu a concelleira, “é evidente que a este Goberno a conciliación impórtalle pouco, e que o departamento de Educación non tén a ninguén á fronte”.

Novas
relacionadas

Compostela Aberta chama a participar o domingo na Manifestación en Defensa do Mar

A manifestación partirá ás 12.00 horas da Alameda de Santiago para denunciar o desleixo da Xunta e reclamar transparencia na información sobre a vertedura dos pellets

CA esixe responsabilidade á Xunta diante do desastre dos pellets e solidarízase cos municipios afectados

Compostela Aberta denuncia a incompetencia da administración autonómica, que reaccionou tarde e mal, e parabeniza á sociedade civil que está a organizarse para a recollida desta vertedura, así como ao movemento ecoloxista e asociacións en defensa das rías.

CA, BNG e PSdeG-PSOE asinan un acordo orzamentario que pon por riba de todo os intereses da veciñanza de Santiago de Compostela

Goretti Sanmartín, María Rozas e Aitor Bouza coinciden en cualificar o orzamento municipal como social, igualitario e deseñado para o mantemento dos barrios e das parroquias

Moción conxunta para reclamarlle á Xunta que cumpra con Santiago e resolva o caos de tráfico e de falta de aparcadoiro no CHUS

María Rozas, Gonzalo Muíños e Míriam Louzao presentan unha iniciativa para que a Xunta asuma a súa competencia e realice o investimento necesario

PARTICIPA

gRUPOS
DE TRABALLO

Selecciona a túa preferenza*
Podes participar en varios Grupos de Traballo