María Rozas: “A Conta Xeral de 2021 constata o que levamos tres anos denunciando: a caída do mito dos bos xestores”

  • A voceira de Compostela Aberta denuncia o baixo nivel de execución dos orzamentos do ano pasado, “o que significa que Bugallo segue acumulando promesas incumprindas e facturas pendentes”
  • O Goberno gastou o ano pasado case 6 millóns de euros en contratos menores, “e xa vai polos 5,8 millóns neste ano”

“A Conta Xeral de 2021 é a confirmación definitiva da caída do mito dos bos xestores co que o PSOE regresou ao Goberno”. Así de contundente se mostrou hoxe a voceira de Compostela Aberta, María Rozas, que denunciou que o informe que será debatido no Pleno Extraordinario do próximo xoves inclúe datos moi preocupantes: o baixísimo grao de execución dos gastos, sobre todo no capítulo dos investimentos; o elevado número de facturas pendentes, que superan os 16 millóns de euros; ou o abuso dos contratos a dedo. A concelleira explicou que “detrás destes índices e números están os provedores que non cobran en tempo e forma, as asociacións e entidades que agardan polas súas subvencións e a veciñanza que non ve executados os proxectos que precisa e que Bugallo leva catro anos prometéndolle”.

Baixa execución

María Rozas explicou que dos máis de 160 millóns de euros do orzamento definitivo de 2021, o Goberno de Bugallo deixou sen gastar máis de 60 millóns de euros, “ao mesmo tempo que acumulaba as facturas sen pagar”. A concelleira sinalou que, deste xeito, “o grao de execución do orzamento de gastos quedou no 61 por cento, mentres que co Goberno de Compostela Aberta rondaba sempre o 75 por cento de execución”. No capítulo de investimentos, o grao de execución en 2021 é inferior ao de anos anteriores, quedando no 20 por cento. Tal e como indicou Rozas, “o Goberno do PSOE deixou sen gastar 36 millóns de euros de investimentos, e iso equivale a moitas promesas incumpridas por parte do alcalde, a primeira a de solucionar o problema estrutural do Concello de Santiago no que tén que ver coa execución dos investimentos”. A voceira de Compostela Aberta sinalou que “máis preocupante e incomprensible é que Bugallo executara menos do 70 por cento no capítulo do orzamento que inclúe os gastos correntes, mantemento, políticas sociais ou pago ás concesionarias, e no que a execución nunca baixa do 80 por cento”.

A voceira de Compostela Aberta urxiu ao Goberno a explicar “cales son os motivos da súa mala xestión, porque tén consecuencias directas para a veciñanza”. Así, lembrou a concelleira, “non se pagaron as subvencións a entidades culturais, deportivas e sociais, nin sequera se abonaron os convenios coas entidades sociais para os programas de atención ás persoas sen fogar”. Tampouco se executaron os grandes proxectos de investimentos vinculados á administración electrónica, orzados nun millón de euros, “e que permitirían avanzar na modernización do Concello, tan necesaria para mellorar a atención á veciñanza e a resolución dos seus trámites”. Ademais, chamou a atención sobre a baixa execución doutras partidas como a prevista para a rehabilitación de vías rurais, só cun 15 por cento investido; os investimentos en melloras no alumeado público, con só 9.000 euros gastados dos 800.000 orzados, ou o Plan de Sustentabilidade Turística, no que só se executou o 16 por cento do orzado. Fronte a iso, salientou, “no que sí executa o Goberno é no que ten que ver coa publicidade e propaganda, tanto que en 2021 volveron gastar máis diñeiro do que tiñan orzado”. Rozas denunciou que “a Conta Xeral demostra que para Bugallo, os orzamentos non serven máis que para vender grandes titulares, que despois quedan en nada, como quedaron en nada proxectos como a rehabilitación do río Sarela, a remodelación das zonas de xogo dos CEIPs de Santiago, ou actuacións da EDUSI como o Centro de Integración Social”. Deste xeito, explicou, “o ano pasado reduciuse notablemente o gasto por habitante, e incomprensiblemente ao mesmo tempo aumentou o endebedamento do Concello”.

Facturas pendentes

María Rozas tamén puxo o acento en que “a Conta Xeral tamén evidencia o que levamos meses denunciando: Bugallo fixo do Concello de Santiago unha administración mal pagadora”. Ao respecto, incidiu en que “o Goberno pechou 2021 con 16 millóns de euros de pagos pendentes, e cónstanos que a día de hoxe aínda teñen sen pagar máis dun millón de euros de facturas correspondentes ao ano pasado”. Para a voceira de Compostela Aberta, “este dato non nos sorprende, porque sabiamos que en 2021 o Concello de Santiago só cumprira no mes de decembro o Periodo Medio de Pago a Provedores, fixado en 30 días”. A concelleira aproveitou para denunciar “a mala evolución deste indicador tamén neste 2022, porque o Goberno non conseguiu cumprilo aínda ningún mes desta anualidade, e o último dato coñecido, o de xullo, fala dun Período Medio de Pago que supera os 77 días”.  Rozas lembrou que “a pésima xestión de Bugallo e a súa incapacidade manifesta para pagar as facturas en prazo só se ve disimulada grazas á suspensión das regras fiscais por mor da pandemia, porque de estaren vixentes o Concello de Santiago tería que destinar todos os seus remanentes a saldar débedas e non podería comprometer investimentos que son requiridos pola veciñanza”.

Servizos en precario e abuso dos contratos menores

María Rozas tamén se referiu á memoria de concesións e servizos incluída na Conta Xeral, que desvela que “un 30 por cento dos servizos concesionados estaban funcionando en precario a 31 de decembro de 2021, isto é, con ordes de continuidade e sen contrato en vigor”. Nesa situación atopábanse servizos tan importantes como o dos autobuses, a xestión das escolas infantís municipais, a conserxería e limpeza dos CEIPs dependentes do Concello, a conserxería e limpeza das instalacións deportivas, o mantemento e conservación dos campos de fútbol municipais,  ou a xestión do abastecemento e saneamento da auga. 

Tamen en relación aos contratos, María Rozas volveu denunciar “o abuso que fai este Goberno da figura dos contratos menores, con case seis millóns de euros gastados por esta vía no ano 2021”. A concelleira advertiu que “esta vén sendo a práctica habitual do Goberno desde o comezo do mandato, vén motivando numerosos reparos suspensivos da Intervención municipal, que xa ten lembrado en diferentes informes que non se poden utilizar os menores para atender necesidades do Concello que non son puntuais como está a facer Bugallo”. Ademais, a voceira de CA adiantou que “a situación non vai mellorar neste ano 2022, porque a día de hoxe xa temos constancia do gasto de 5,8 millóns de euros pola vía dos contratos menores, cifra á que haberá que sumar o gasto do último trimestre do ano”. María Rozas incidiu en que “o elevado número de servizos en precario e o abuso dos contratos a dedo son outra mostra da caída do mito dos bos xestores, porque Bugallo e Marta Abal levan todo o mandato sen ser quen de cumprir nin as súas promesas nin os seus Plans de Contratación, convertidos tan só en mera propaganda”.

Por último, María Rozas foi moi crítica co Goberno “pola súa permanente improvisación,” porque o Concello está obrigado a remitir a Conta Xeral ao Tribunal de Contas antes do 15 de outubro, “e ese prazo non se cumpriría se non fora porque os grupos da oposición facilitamos a convocatoria dun Pleno urxente para o próximo xoves”. A voceira de CA pediulle a Bugallo que “deixe de acusarnos de electoralismo, porque o certo é que estamos a ter unha actitude sumamente responsable para compensar a mala praxe do seu Goberno”.

 

Novas
relacionadas

María Rozas denuncia “a falta de impulso político e de capacidade de xestión da concellería de Deportes” nun encontro con entidades deportivas de Santiago

A candidata de Compostela Aberta considera que “remata un mandato en branco, sen avances nas novas infraestructuras deportivas nin en mantemento, e con continuos problemas na tramitación das subvencións municipais”

María Rozas no COAG: “Precisamos unha administración máis eficiente  e un Goberno máis dialogante para resolver os retos de Santiago”

A portavoz municipal mantén unha xuntanza cunha representación do Colexio Oficial de Arquitectos para presentar as propostas de Compostela Aberta en materia de mobilidade, mellora dos espazos públicos ou vivenda “despois dun mandato perdido para a veciñanza”

María Rozas: “Se quere pechar o caso Pichel, Bugallo perdeu onte unha gran oportunidade de dar explicacións e despexar dúbidas no Pleno”

A portavoz de Compostela Aberta lamenta que o Goberno non respondera a ningunha das preguntas que leva formulando máis de dez días

CA insta ao Pleno a defender os dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres e a rexeitar protocolos antiabortistas

Marta Lois advirte que “o acontecido en Castela e León semella non ser un caso illado senón responder a un intento de retroceder nas conquistas dos dereitos das mulleres co que o presidente da Xunta se tén mostrado comprensivo”

PARTICIPA

gRUPOS
DE TRABALLO

Selecciona a túa preferenza*
Podes participar en varios Grupos de Traballo