“A dimisión de José Manuel Pichel era a única saída posible, pero non resolve as moitas dúbidas sobre a contratación irregular dun alugueiro denunciada por Compostela Aberta o pasado luns”. A portavoz municipal de CA, María Rozas, insidiu en que “o Goberno ten moitas explicacións que dar, porque as irregularidades neste expediente van máis alá da responsabilidade individual do ata hoxe concelleiro de Medio Rural”. A concelleira tamén incidiu en que “queda en evidencia Pichel, pero tamén queda en evidencia Bugallo, que hai menos de 24 horas defendía ao edil e arremetía contra CA por ter denunciado a situación”
O Goberno ten moitas explicacións que dar, porque as irregularidades neste expediente van máis alá da responsabilidade individual do ata hoxe concelleiro de Medio Rural
María Rozas explicou que “as irregularidades detectadas neste contrato non deixaban outra opción que a dimisión de José Manuel Pichel, pero cremos que esta renuncia chega tarde”. A portavoz de CA lembrou que “o xa exconcelleiro de Medio Rural tardou 24 horas en responder á denuncia de Compostela Aberta, e fíxoo onte cun comunicado no que negaba calquera relación con Desproi e nos acusaba de oportunistas e populistas”. Agora, transcorridas outras 24 horas, “xa fala de que cometeu un erro e recoñece a súa vinculación á empresa propietaria das instalacións alugadas para a súa concellería, ainda que nunha intervención que tamén consideramos moi imprecisa e pouco transparente”. Rozas tamén foi crítica coa actitude do alcalde, “que hoxe desde Madrid fala dun erro grave de Pichel, ao que onte defendía, tamén atacando a Compostela Aberta nunha actitude que evidenciou que non tiña argumentos a favor do seu concelleiro”.
Explicacións pendentes
A portavoz de Compostela Aberta insistiu en que a dimisión de Pichel non aclara todas as irregularidades que rodean o alugueiro da nave de Desproi para os departamentos de Medio Rural e Parques e Xardíns. Rozas lembrou que o Goberno estaba advertido pola Intervención municipal de que este contrato era nulo de pleno dereito e de que esa contratación debería facerse vía concorrencia pública. Ademais, incidiu en que o Goberno debe aclarar por que se fixo unha visita á nave alugada, cinco días antes de que se redactara o informe técnico sobre as necesidades de espazo que tiñan as concellerías de Medio Rural e Parques e Xardíns. Isto, salientou Rozas, “equivale a que se lle pida un curriculum a unha persoa, para despois elaborar as bases para unha oposición á que se presente esa persoa; e isto non se explica só coa dimisión de Pichel”
