- A portavoz de Compostela Aberta lembra que “Bugallo estaba máis que advertido de que debía estar moi vixiante neste procedemento, pero preferiu deixar facer e agora é previsible que o Concello teña que afrontar custosas indemnizacións
- A sentenza confirma o que CA e a veciñanza afirmaban e o Goberno poñía en dúbida: a actividade principal do proxecto de Brandía era a gasolineira e non o comercio
A portavoz municipal de Compostela Aberta reclamoulle hoxe ao alcalde que “asuma as súas responsabilidades” despois de coñecerse unha sentenza xudicial que anula a licenza concedida para a gasolineira de Brandía e que obriga á demolición da parte xa construída, que é a práctica totalidade das instalacións. María Rozas lembrou que “ese expediente estivo rodeado de polémica desde o principio, foi obxecto de numerosas alegacións e demandas xudiciais, e suscitou a mobilización da veciñanza fronte a un Goberno que asegurou non poder facer nada para evitar a construción da estación de servizo”. Agora, sinalou a concelleira, “queda claro que o único que tiña que ter feito Bugallo era cumprir coas súas obrigas”.
María Rozas lembrou que “Bugallo foi advertido reiteradamente pola veciñanza e tamén por Compostela Aberta da necesidade de que o Goberno estivera especialmente vixilante na tramitación da licenza da gasolineira”. A portavoz de CA sinalou que “o noso grupo municipal pediu no Pleno, xa en xuño de 2021, que se tiveran en conta as dúbidas sobre a legalidade e a seguridade das instalacións, manifestadas tanto polos residentes na urbanización de Brandía como polos responsables de negocios próximos”. Fronte a iso, lamentou, “o Goberno optou pola falta de transparencia con respecto a este expediente, e de feito nunca contestou ás preguntas por escrito que Compostela Aberta formulou en novembro de 2021, hai xusto un ano”.
Unha sentenza que cuestiona o papel do Concello
Con respecto á sentenza coñecida onte que anula a licenza e obriga á demolición da parte da gasolineira xa construída, María Rozas advertiulle a Bugallo “que non pode limitarse a afirmar que estamos diante dun preito sobre as competencias profesionais para elaborar proxectos de gasolineiras, porque iso non é o que di o Xulgado do Contencioso Administrativo número 1 de Santiago”. Nesa liña, a concelleira de Compostela Aberta explicou que, se ben o fallo xustifica a anulación da licenza no feito de que o proxecto foi elaborado por unha arquitecta e non por un enxeñeiro industrial como é legalmente esixible, o xuíz sinala en repetidas ocasións ao longo do fallo que “ninguén dubida que o Concello, antes de outorgar a licenza de obras, debe verificar que o proxecto presentado foi elaborado por técnico competente”, e que “a competencia do técnico redactor do proxecto, polo tanto, constitúe unha cuestión que entra de cheo no ámbito da fiscalización municipal á hora de resolver sobre a solicitude de licenza de obras”.
María Rozas tamén explicou que “a sentenza tamén desmonta o argumento que utilizou Bugallo en todo este procedemento fronte á oposición veciñal ao proxecto: que o Concello non podía negar a licenza solicitada porque se trataba dun complexo que tiña como obxecto principal a actividade comercial, e como accesorio o subministración de combustible”. Ao respecto, a sentenza sinala que “non quedou suficientemente acreditada esa relación de accesoriedade na medida en que non podemos ser alleos ao feito de que o proxecto actual viu precedido dun proxecto inicial deseñado por arquitecto que se limitaba á construción dunha estación de subministración, sen máis. Consciente da previsible ilegalidade da licenza outorgada en tales condicións, a codemandada (a empresa promotora) decide desistir dese proxecto inicial para o que incluso xa solicitara e obtivera a declaración de impacto ambiental, e presenta un novo proxecto co mesmo deseño en canto á referida estación pero esta vez aderezado cunha área comercial circundante de maior extensión e custo económico para, deste modo, tratar de eludir os posibles vicios de falta de competencia do arquitecto autor do proxecto, tratando de convertir o que orixinalmente era o principal en meramente accesorio”. Na mesma liña, o xulgado indica que “tamén debemos barallar outros criterios legais de extrema relevancia como son a preservación da seguridade dos consumidores e/ou usuarios deste futuro proxecto. En tal sentido non é o mesmo o risco potencial que para a seguridade e salubridade dos futuros usuarios representa a zona comercial do que representa a explotación da estación de subministración de combustible. Indubidablemente, o nivel de risco potencial para tales bens xurídicos é moi superior no caso da estación de subministración de combustible polo que, desde esta óptica, ben poderiamos considerar como elemento relevante ou principal de todo o proxecto o deseño da futura gasolineira fronte á superficie comercial”.
“O proxecto sí contou co favor do Goberno, e Bugallo minte”
María Rozas tamén foi moi crítica co comunicado emitido na web municipal sobre a sentenza, na que se sinala que o Goberno prevé non presentar recurso porque “se trata dun proxecto ao que se opón a veciñanza e que nunca contou tampouco co favor do equipo de Goberno”. A portavoz de CA insistiu en que “a propia sentenza deixa claro que o Concello non cumpriu co seu deber de fiscalización no proceso de concesión da licenza, co agravante de que neste caso o Goberno estaba máis que advertido das eivas do procedemento”. Ademais, insistiu a concelleira, a sentenza que se coñecía onte responde ao recurso contencioso-administrativo presentado polo Colexio de Enxeñeiros Industriais fronte a un acordo da Xunta de Goberno que desestimaba o recurso de reposición que o Colexio tiña presentado contra o acordo polo que se concedera a licenza da gasolineira. É dicir, salientou María Rozas, “se Bugallo tivera algún mínimo interese en frear a construción da gasolineira que agora di que non apoiaba, tivo ocasión de facelo, atendendo ás múltiples alegacións e reclamacións que o Goberno recibiu ao respecto”.
Outro exemplo de mala xestión que lle sairá caro á veciñanza
A concelleira de Compostela Aberta lamentou que “este novo exemplo da caída do mito dos bos xestores vaia saírlle previsiblemente moi caro a Santiago e á veciñanza”. María Rozas mostrou o seu convencemento de que “a paralización da gasolineira será obxecto aínda de novos procedementos xudiciais, porque o esperable é que a empresa promotora, que actuou seguindo unha licenza concedida polo Concello de Santiago, reclame agora algún tipo de indemnización”. A concelleira sinalou que “este proxecto vai camiño de convertirse no novo parque de bombeiros de Salgueiriños, outro proxecto de Bugallo polo que o Concello de Santiago tivo que pagar, previa sentenza xudicial, 1,3 millóns de euros á empresa construtora por un edificio do que tan só tivemos un esqueleto e ao que nunca se lle deu ningún uso”.