Compostela Aberta levará ao Pleno do próximo xoves unha moción na que pide a reprobación da Xerencia da Área Sanitaria de Santiago pola súa xestión do Psiquiátrico de Conxo, e na que urxe á Xunta de Galicia a solucionar as moitas deficiencias que se teñen detectado no hospital. A concelleira María Rozas denunciou que “a situación que se vive neste centro é insostible desde o punto de vista da dignidade e dos dereitos humanos, sen que a Xunta cumpra o seu compromiso e o seu deber de actuar para solventala”.
María Rozas explicou que “as denuncias sobre a situación do Psiquiátrico non son novas, pero as súas deficiencias non fixeron máis que agravarse e quedar en evidencia durante a pandemia da Covid-19”. Nesa liña, lembrou que “hai xusto un ano, no hospital detectouse un brote de coronavirus que lle afectou a case 40 persoas, e que revelou que no Psiquiátrico non existían nin medios nin un protocolo de actuación fronte á pandemia, tal e como denunciaron traballadores, sindicatos, e mesmo o Movemento Galego de Saúde Mental”. A situación, sinalou, “non semella ter mellorado transcorridos case dous anos da pandemia, e as persoas ingresadas no psiquiátrico seguen sen a recibir nin a protección nin o trato acaídos nestes momentos de incremento dos casos de Covid-19”.
Deficiencias recoñecidas pola Xunta
A concelleira de Compostela Aberta incidiu en que “os problemas no Psiquiátrico non comezaron coa pandemia, e de feito xa foron denunciados desde o ano 2017 polo Mecanismo Nacional de Prvención da Tortura, que exerce o Defendor del Pueblo”. Este organismo realizou dúas visitas sorpresas ao hospital de Conxo nos anos 2017 e 2018, nas que constatou cuestións como o trato discriminatorio ás mulleres ingresadas, un caso de violencia sexual tratado de maneira inadecuada, e diferentes irregularidades que se traduciron en 17 recomendacións ás autoridades sanitarias galegas “que nunca tiveron resposta, malia que o Sergas asegurou ter feito unha inspección propia e unha auditoría que, tal e como desvelou un medio de comunicación recentemente, non foi máis que un informe de catro páxinas”.
María Rozas explicou que a propia Xunta, a través da consellería de Sanidade, recoñeceu tras unha inspección realizada en setembro de 2021, que o Psiquiátrico non dispón dun protocolo propio sobre contención dos pacientes, que non conta cunha normativa escrita que regule a súa saída, e que existen deficiencias nas condicións do edificio. A concelleira incidiu noutras cuestións como a inexistencia dun protocolo para a prevención de suicidios no centro, ou a falta de medidas para abordar as adiccións das persoas ingresadas, “cuestións que mesmo levaron ao Defensor del Paciente a solicitar á Fiscalía Superior de Galicia a apertura dunha investigación”. Rozas sinalou que “a día de hoxe descoñécese que o Goberno Galego ou que a Xerencia da Área Sanitaria de Santiago teñan actuado para corrixir unhas eivas que se traducen nunhas peores condicións para as persoas ingresadas no Hospital de Conxo, que mesmo teñen sido denunciadas no Parlamento de Galicia, e fronte ás que a Xunta de Feijóo permanece impasible”.