María Rozas: “Ao falar da oferta de conciliación, o Goberno demostra o seu descoñecemento ou trata de enganar ás familias”

A concelleira de Compostela Aberta acusa aos concelleiros de Educación e Centros Socioculturais “de intentar lavar a imaxe do Goberno presumindo de novas actividades de conciliación que son as dos últimos anos, pero empeoradas sustancialmente”

A concelleira de Compostela Aberta María Rozas acusou hoxe ao Goberno “de intentar tomarlle o pelo ás familias de Santiago ou de descoñecer todo o que se tén feito antes neste Concello no que tén que ver coa oferta de actividades de conciliación”. A edila cualificou de “bochornosa” a comparecencia, onte, dos concelleiros de Educación e Centros Socioculturais, “que protagonizaron un intento desesperado de lavar a imaxe deste Goberno e, en particular de Rubén Prol, que non está á altura do cargo que ocupa”. Nese sentido, Rozas incidiu en que “os dous edís presumiron de poñer en marcha unha nova oferta de actividades para a conciliación, feita de maneira coordinada entre os dous departamentos, cando nada do que presentaron onte é novidoso, senón que son programas que existen desde hai anos, de forma paralela ao programa de conciliación da Concellería de Educación que Prol decidiu desmantelar”.

María Rozas sinalou que “por máis propaganda e por máis power points que os concelleiros traian a esta sala de prensa, o certo é que a oferta que o Concello de Santiago lles ofrece ás familias para favorecer a conciliación nos meses de verán empeorou sensiblemente con este Goberno, e en particular coa chegada de Rubén Prol á concellería de Educación”. A concelleira lamentou que o edil “pareza renunciar definitivamente a organizar o programa municipal de conciliación de verán, que viña ofertando 260 prazas, e intente facer ver que a demanda quedará cuberta coas actividades das que falaron onte en rolda de prensa, que tamén empeoran en relación a edicións anteriores”.

Menos oferta que anos anteriores

A concelleira de Compostela Aberta lembrou que o programa Vive o Verán vén sendo organizado polo departamento de Centros Socioculturais desde hai máis dunha década, “e no presentado onte non hai ningunha novidade salientable, máis alá do anuncio dunha quenda de actividades pola tarde que non aparece recollida nos folletos informativos e da que nada se explica en canto aos prezos ou matrícula”. María Rozas explicou que a oferta deste ano “é moito peor que a de anos anteriores, porque fronte ás 150 prazas que se anuncian para este verán, en 2018 houbera 260 prazas e en 2019, nun programa que quedara organizado polo Goberno de Compostela Aberta, foran 250”. Este ano, explicou, ofrécense 60 prazas para tres centros socioculturais do ámbito urbano (Vite, Fontiñas e Santa Marta), fronte ás 150 prazas en cinco centros que houbera en 2019 (Vite, Fontiñas, Santa Marta, Ensanche e Conxo). Ademais, este ano o programa volve desenvolverse únicamente no mes de xullo, cando en 2019 se organizara unha actividade complementaria na carballeira de San Lourenzo para o mes de agosto.

En canto ao programa “Obradoiros de verán nas Escolas Infantís Municipais”, María Rozas explicou que esta actividade tamén se vén desenvolvendo desde hai anos. Neste caso, mantéñense as prazas ofertadas en anos anteriores, 45, e tamén os horarios e os prezos. O que cambia, e para peor, son as datas nas que se vai desenvolver a actividade, “xa que este ano limítase aos meses de xullo e agosto, mentres que en 2019 e 2018 ofertouse o servizo tamén nos días de xuño e setembro nos que non hai clases”.

Do mesmo xeito, María Rozas lembrou que “as outras actividades das que falaron onte Rubén Prol e Javier Fernández, como os campamentos en colaboración con Don Bosco ou as actividades náuticas en Oleiros, tamén son ofertas habituais no Concello de Santiago, e difícilmente se poden vender como programas de conciliación cando están dirixidas á mocidade, a rapaces e rapazas de ata 18 anos”.

Para María Rozas, “é case insultante que dous concelleiros do Goberno falen nunha rolda de prensa conxunta do enorme esforzo que fai o Goberno para poñer en marcha actividades de conciliación coordinadas entre diferentes departamentos, cando o único que se fixo foi empeorar unha oferta que viña sendo habitual, e suprimir o que debera ser o eixo central da oferta ás familias, que é o programa municipal de conciliación que organizaba o departamento de Educación”. A concelleira de Compostela Aberta lembrou que “difícilmente se poderá atender toda a demanda, porque as prazas son insuficientes e porque, a maiores, as actividades do programa Vive o Verán están pensadas para franxas de idade distintas segundo o centro sociocultural”. Así, ás actividades do rural poderán asistir nenos e nenas de entre 5 e 12 anos, pero no caso dos centros da zona urbana a realidade é que hai 20 prazas para nenos e nenas de 6 a 10 anos nas Fontiñas; outras 20 para ciranzas de 4 a 8 anos en Santa Marta, e 20 máis para nenos e nenas de 7 a 14 anos en Vite”. “De ningunha maneira”, incidiu María Rozas, “se pode trasladar a idea de que esta actividade cobre as mesmas necesidades que o programa municipal de conciliación”, que ofertaba máis de 260 prazas para nenos e nenas desde o segundo ciclo de educación infantil ata o terceiro ciclo de primaria, isto é, desde os 3 ata os 12 anos.

PODES CONSULTAR AQUÍ A INFORMACIÓN SOBRE AS EDICIÓNS ANTERIORES DOS PROGRAMAS PRESENTADOS ONTE POLO GOBERNO: 

VIVE O VERÁN 2018
OBRADOIROS DE VERÁN NAS ESCOLAS INFANTÍS 2018
VIVE O VERÁN 2019
OBRADOIROS DE VERÁN NAS ESCOLAS INFANTÍS 2019

Novas
relacionadas

María Rozas: “Os orzamentos da Xunta son decepcionantes para Santiago e non serven para resolver os problemas da veciñanza”

A portavoz municipal de Compostela Aberta e tenenta de alcaldesa de Santiago cualificou hoxe de “decepcionantes e insuficientes” os orzamentos da Xunta para 2025 no que tén que ver coa capital galega. María Rozas explicou que “se sobre o papel as contas manteñen moitas débedas con Compostela, tememos que na súa execución a cousa só vaia a peor, como vén acontecendo nos últimos anos en cuestións de enorme importancia como poden ser as políticas de

Moción conxunta para reclamarlle á Xunta que cumpra con Santiago e resolva o caos de tráfico e de falta de aparcadoiro no CHUS

María Rozas, Gonzalo Muíños e Míriam Louzao presentan unha iniciativa para que a Xunta asuma a súa competencia e realice o investimento necesario

“Nos primeiros cen días de Goberno atendimos urxencias como a dos autobuses, recuperamos o diálogo social, e reconducimos o proxecto do Centro de Persoas sen Fogar” 

O Goberno mantivo un encontro cos medios de comunicación para facer balace dos cen primeiros días de mandato

“Para CA, o responsable cos veciños era estar no goberno e aportar estabilidade”

Entrevista a María Rozas, concellería de Dereitos e Servizos Sociais e primeira tenente de alcaldesa

PARTICIPA

gRUPOS
DE TRABALLO

Selecciona a túa preferenza*
Podes participar en varios Grupos de Traballo