POLÍTICAS SOCIAIS

María Rozas: “Bugallo cambiou un centro para persoas sen fogar por un edificio de despachos poñendo en risco un millón de euros de fondos europeos”

Compostela Aberta pedirá explicacións no Pleno sobre o modelo do Centro de Inclusión “do que a concelleira de Políticas Sociais non informou ás entidades sociais que traballan en Santiago”
  • A portavoz de CA lembra que as actuacións da EDUSI deben estar rematadas a 31 de decembro deste ano “e as obras de rehabilitación do futuro Centro de Inclusión, cun prazo de execución de oito meses, aínda non saíron a licitación”

Compostela Aberta volverá preguntar no próximo Pleno polo Centro Integral para a Inclusión Social “porque a nove meses de que o equipamento teña que estar rehabilitado e dotado de contido, nada sabemos dos plans do Goberno para ese servizo”. A portavoz municipal de CA explicou que “o preocupante xa non é que os grupos da oposición esteamos desinformados, o grave é que nin sequera as entidades sociais teñen coñecen cal vai ser o funcionamento e os obxectivos do centro”. Para María Rozas, só hai unha cuestión clara: “Bugallo e Mila Castro renunciaron ao proxecto do Centro Municipal de Atención Integral ás Persoas sen Fogar para facer no seu lugar un edificio de despachos, un edificio administrativo”.

No Pleno desta semana, María Rozas interpelará ao Goberno tanto sobre o modelo como sobre os prazos previstos para a posta en marcha do Centro Integral para a Inclusión Social. O obxectivo é que a concelleira de Políticas Sociais explique en detalle cal vai ser o funcionamento dese centro, no que se vai investir o millón de euros de fondos europeos da EDUSI que o Goberno de CA prevía destinar ao Centro Municipal de Atención Integral ás Persoas sen Fogar. A portavoz de CA sinalou que hai xusto un mes, o Goberno aprobou o proxecto de execución do Centro de Inclusión, un proxecto que contempla a creación dunha vintena de despachos e múltiples salas de reunión. Rozas salientou que esta distribución foi obxecto de crítica polos técnicos da Comisión Asesora do Patrimonio Histórico, que falaron dunha “excesiva fragmentación interna, cun número aparentemente excesivo de estancias e aulas de características pouco flexibles, moitas delas incluso sen iluminación e ventilación natural, e cunha ausencia de espazos de estancia e relación”

Un Goberno de despachos

María Rozas lembrou que o Centro de Atención ás Persoas sen Fogar que proxectara o Goberno de Compostela Aberta “contaría con 15 habitacións, espazos de cociña, comedor, duchas, salas de estar… e fronte a iso, o Goberno de Bugallo opta por destinar o inmoble de Belvís a unha especie de edificio administrativo dos Servizos Sociais, no que mesmo desaparecen as zonas enfocadas a centro de día, en contra do anunciado inicialmente pola concelleira Mila Castro”. A portavoz de CA pediulle á responsable de Políticas Sociais que explique que papel van ter no centro as entidades sociais, “porque no Pleno de febreiro de 2021 afirmou que habería un traballo coordinado con elas, e a día de hoxe as asociacións descoñecen cales son os plans do Goberno e non foron informadas en ningún momento sobre cal sería o funcionamento do Centro de Inclusión”. Este proceder, salientou, “contrasta co feito no pasado mandato, cando o proxecto do Centro de Atención ás Persoas sen Fogar foi o resultado dun proceso participativo consultivo no que se implicaron administracións públicas, entidades sociais relacionadas co senfogarismo como Cáritas, FEAFES, Cruz Vermella, a Cociña Económica ou o Albergue de Xoán XXIII; entidades profesionais como a Asociación Galega pola Saúde Mental, Médicos del Mundo ou Habitat Social; e mesmo persoas sen fogar.”

A concelleira de CA tamén reclamou explicacións sobre “quen vai ocupar a vintena de despachos proxectados, se son os mesmos traballadores e traballadoras que xa atenden a día de hoxe os Servizos Sociais municipais, se van ser trasladados das súas actuais dependencias e que vai pasar con espazos como o que a Concellería de Políticas Sociais tén en Galeras”. Para Rozas, “estamos diante doutro exemplo da querencia que tén o Goberno de Bugallo por acumular edificios administrativos, un exemplo que se pode sumar ao recente acordo coa Deputación da Coruña sobre a Casa do Matadoiro”.

Fondos europeos en risco

María Rozas tamén insta ao Goberno a explicar cales son os prazos que manexa para poñer en marcha do Centro de Inclusión e garantir os fondos europeos da EDUSI comprometidos para esta actuación. A portavoz municipal de Compostela Aberta lembrou que a propia Mila Castro afirmou no Pleno, tamén en febreiro de 2021, que a data final para executar o centro e dotalo de contido é o 31 de decembro de 2023. Iso significa, sinalou, “que os prazos van xa moi axustados, porque as obras de rehabilitación do edificio, que aínda nin sequera saíron a licitación, teñen un prazo de execución de oito meses”. A concelleira pediulle ao Goberno que aclare “se tén solicitada xa algunha prórroga para a xustificación dos fondos EDUSI ou que medidas pretende poñer en marcha para garantir que non se perdan eses fondos europeos”. Tamén lamentou “os catro anos perdidos polo Goberno de Bugallo, porque malia ter decidido desde setembro de 2019 non executar o Centro Municipal de Atención Integral ás Persoas sen Fogar tal e como estaba previsto, chega ao remate do mandato sen ter sequera iniciada a rehabilitación do edificio do antigo CIAC de Belvís”.

Novas
relacionadas

Comunicado da coordinadora de Compostela Aberta sobre as cargas policiais rexistradas ao remate da manifestación por Palestina

A coordinadora de Compostela Aberta manifesta a súa repulsa e condena diante das actuacións policiais acontecidas onte na nosa cidade, na parte final da mobilización nacional que reclamaba a paz en Palestina.

O Pleno de Santiago debaterá unha moción conxunta de CA e BNG para rexeitar o proxecto de Altri

Os dous grupos do Goberno solicítanlle á Xunta que emita un informe negativo a ese proxecto industrial contaminante pola súa afectación ambiental, patrimonial e económica

Compostela Aberta chama a participar o domingo na Manifestación en Defensa do Mar

A manifestación partirá ás 12.00 horas da Alameda de Santiago para denunciar o desleixo da Xunta e reclamar transparencia na información sobre a vertedura dos pellets

CA esixe responsabilidade á Xunta diante do desastre dos pellets e solidarízase cos municipios afectados

Compostela Aberta denuncia a incompetencia da administración autonómica, que reaccionou tarde e mal, e parabeniza á sociedade civil que está a organizarse para a recollida desta vertedura, así como ao movemento ecoloxista e asociacións en defensa das rías.

PARTICIPA

gRUPOS
DE TRABALLO

Selecciona a túa preferenza*
Podes participar en varios Grupos de Traballo