A portavoz municipal de Compostela Aberta acusou hoxe ao alcalde “de non exercer as súas obrigas e competencias, ao iniciarmos o novo ano sen orzamentos municipais e sen ningunha intención por parte do Goberno de presentalos”. María Rozas lembrou que “a prórroga das contas non supón a prórroga de todas as súas partidas, e por iso a día de hoxe o Concello de Santiago tén só 50.000 euros para investimentos reais, fronte aos case 17 millóns de euros do presuposto de 2022”. A concelleira de CA pediulle a Bugallo “que lle explique á veciñanza como vai cumprir os seus compromisos, xa non só aqueles que incluiu no seu programa de 2019 e polos que seguimos agardando, senón tamén as múltiples promesas que foi engadindo a esa lista na súa particular campaña electoral que empezou hai xa varias semanas”.
Rozas advirte das dificultades para afrontar as actuacións vinculadas a fondos europeos que requiren unha achega municipal que nos orzamentos prorrogados non está dispoñible
A portavoz de Compostela Aberta lamentou o desleixo do alcalde, “que non fixo ningún movemento para a aprobación dos orzamentos de 2023, ainda que en novembro xa afirmaba estar traballando nas contas e referíase ás dificultades derivadas dos incrementos do gasto de persoal e dos custos da enerxía eléctrica”. María Rozas incidiu en que “unha vez máis quedan en evidencia as mentiras de Bugallo, que nestes dous meses non mantivo nin un só contacto cos grupos da oposición para intentar viabilizar uns novos orzamentos, sabendo que o seu Goberno tén 9 concelleiros de 25”. Ademais, salientou Rozas, “o alcalde intentou daquela restarlle importancia á prórroga dos orzamentos de 2022, negando que fora haber dificultades de xestión porque, afirmaba, todo o que estivera nas contas de 2022 aparecería nas mesmas condicións para 2023”. Fronte a iso, sinalou Rozas, “atopámonos co decreto de prórroga dos orzamentos asinado pola concelleira Marta Abal o 30 de decembro, que nos di que o Concello terá só 50.000 orzamentos para investimentos reais, fronte aos case 17 millóns do orzamento de 2022; que desaparecen 1,5 millóns de euros de transferencias de capital; ou que non están dispoñibles os 100.000 euros do convenio con Cruz Vermella para o programa de atención ás persoas sen fogar”.
Rozas instou ao alcalde a explicar “cales son as súas previsións para os cinco meses que restan de mandato, porque leva semanas falando das actuacións que se van executar neste 2023 e a realidade é que non hai soporte orzamentario para desenvolvelas”. Nesa liña, explicou que nos case 17 millóns de euros de investimentos que desaparecen nas contas prorrogadas “figuran partidas importantes e necesarias, como tres millóns e medio de euros para actuacións integrais na rede viaria, outros tres millóns de euros para mantemento ou un millón de euros para instalacións deportivas”. Ademais, denunciou, “a Bugallo non lle está importando lanzar novas promesas nas xuntanzas que vén mantendo coa veciñanza e con diferentes colectivos, promesas que suporían investimentos de centos de miles de euros que non están dispoñibles”. Tamén mostrou a súa preocupación pola situación na que quedan os proxectos vinculados a subvencións europeas que esixen unha achega municipal para garantir a concesión ou a xustificación da axuda, que a día de hoxe non está dispoñible no orzamento prorrogado. Este sería o caso de numerosos proxectos vinculados aos fondos Next Generation, “como a reurbanización do Restollal que require dunha partida propia de case 1,6 millóns de euros que non existe”, ou mesmo das actuacións da EDUSI, “que para ser executadas requiren tamén desa achega municipal que coas contas prorrogadas non está dispoñible”.
A portavoz municipal de Compostela Aberta preguntouse se o proceder do alcalde se debe “a que non lle importa mentir ou ao seu descoñecemento”, e puxo un exemplo recente: o 28 de decembro, na visita ao “Verderón”, Bugallo comprometeu unha achega municipal para a segunda fase da rehabilitación do vagón dicindo que xa estaba prevista no orzamento, e dous días despois o decreto de prórroga das contas especifica que a achega de 30.000 euros á Asociación de Amigos do Ferrocarril queda suprimida. Na mesma liña, a concelleira de CA denunciou “a falta de compromiso de Bugallo co rural de Santiago, tal e como denunciamos no Pleno no que se aprobou o Pacto polo Rural”. Rozas lembrou que, sen novos orzamentos, é imposible darlle cumprimento ao documento que sinala que “para o ano 2023, coincidindo co inicio da execución do Pacto, a achega de fondos do Concello será a necesaria e suficiente para levar a cabo o subministro de auga ás aldeas con seca de manancial nos últimos tres anos e para a rede de abastecemento naqueles núcleos de poboación nos que resten menos de 500 metros ao punto de conexión, tal e como se recolle na Acción 1 máis adiante”.