Promesas incumpridas

María Rozas: “Bugallo deixou sen gastar 50 millóns de euros para obras”

A portavoz municipal de Compostela Aberta denuncia que 2022 foi o ano con peor porcentaxe de execución do capítulo de investimentos dos últimos anos
  • Rozas pídelle ao Goberno que explique “como é posible que agora haxa dependencias municipais dispoñibles para Medio Ambiente e Parques e Xardíns, cando levamos 16 meses pagándolle un alugueiro á empresa de Pichel”

“Bugallo pecha o mandato co seu propio récord: o peor grao de execución de investimentos dos últimos anos”. Denunciouno hoxe a portavoz municipal de Compostela Aberta, tras coñecer os resumos do estado de execución do orzamento municipal de 2022. María Rozas incidiu en que “o Goberno pechou o ano pasado cunha execución do capítulo de investimentos de só o 16 por cento, o que significa que deixou sen gastar 50 millóns de euros que tiña dispoñibles para obras”. Para a concelleira de CA, “ao alcalde acábanselle as escusas para explicar a súa pésima xestión, porque non é crible nin falar da pandemia nin vitimizarse cunha oposición que foi responsable e facilitadora en prol dos intereses da cidade”.

A portavoz de Compostela Aberta foi moi crítica coa execución dos orzamentos de 2022, “uns datos que constatan unha vez máis o que vimos denunciando desde o inicio do mandato: a caída do mito dos bos xestores”. María Rozas explicou que o grao de execución do global do orzamento é de só o 57 por cento, “un dato que empeora o de 2021, e que está moi lonxe do 75 por cento que acadaba o Goberno de CA durante o anterior mandato”. Especialmente grave é o relativo ao capítulo de investimentos, “no que só se gastaron 9,8 millóns de euros dos 60 millóns dispoñibles, o que supón un grao de execución do 16 por cento, por debaixo do 20 por cento acadado en exercicios anteriores”.

Rozas sinalou que “non nos vai valer que o Goberno se escude en que a cifra de investimentos é maior que a de anos anteriores en termos absolutos, porque parte dese importe corresponde ás facturas atrasadas de 2021 que aínda foron abonadas en 2022”. O que os datos demostran, insistiu,”é a incapacidade  deste Goberno para acometer os proxectos que precisa Santiago, para responder ás necesidades da veciñanza que segue agardando por obras que non se fan, malia ter os cartos para executalas”. Ademais, lembrou a concelleira, “non hai xustificación para que queden sen gastar 50 millóns de euros previstos para obras, 14 millóns de euros máis dos 36 millóns que xa quedaran sen gastar en 2021”. A concelleira de Compostela Aberta lembrou, ademais, que estes datos “van na liña dos que facilita a Federación Galega da Construción no seu Informe sobre a licitación da obra pública en Galicia en 2022, que sinala que a licitación da obra pública en Santiago caeu o ano pasado case un 72 por cento, o maior desplome das sete cidades galegas”.

María Rozas explicou que os resumos do estado de execución do orzamento de 2022 deixan datos moi preocupantes, como que non se realizou ningún investimento nos CEIPs “mentres hai comedores escolares con pingueiras”, ou que só se gastou o 14 por cento do previsto para melloras nos viarios do rural, “unha porcentaxe que nos dá unha idea da implicación real que tén este Goberno coas necesidades das parroquias e que nos reafirma na nosa idea de que para Bugallo o Pacto polo Rural é simple propaganda, unha declaración de intencións que non pretende cumprir”. Na mesma liña, a portavoz de Compostela Aberta salientou que “só se gastaron 120.000 euros dos 4,6 millóns de euros previstos para axudas para a instalación de ascensores, ou a ridícula cantidade de 677 euros dos máis de 400.000 orzados para licenzas”.

Máis alá das obras, a portavoz municipal de Compostela Aberta denunciou que o Goberno executou menos da metade das partidas de Turismo, “mentres seguimos agardando pola execución do Plan de Sustentabilidade Turística, que se presentou en 2020 cun orzamento de catro millóns de euros para o periodo 2021-2023, e do que seguimos sen ver resultados”. Na área de Igualdade executouse só o 55 por cento do orzamento, na de Cultura, o 64 por cento, “e seguen pendentes de pago numerosas subvencións nominativas”; e en Políticas Sociais “preocúpanos especialmente que quedara sen executar o 30 por cento do orzamento para bolsas de comedor, que sobraran 300.000 euros do orzamento da Ordenanza de Garantía Básica en momentos de crise económica nos que entendemos que as familias seguen tendo moitas necesidades”

Caso Pichel 

María Rozas tamén se referiu hoxe ao “Caso Pichel”, para pedirlle ao Goberno que explique “como é posible que agora atope dependencias municipais dispoñibles para localizar os departamentos de Medio Rural e Parques e Xardíns, despois de 16 meses pagándolle 5.000 euros mensuais de alugueiro á empresa do exconcelleiro de Medio Rural”. A portavoz de Compostela Aberta tamén insistiu en que “o mellor que pode facer o Goberno é enviar toda a documentación do caso a Fiscalía, dada a falta de transparencia nas últimas semanas”. Rozas sinalou que “CA pónse a disposición do Goberno para facilitarlle toda a documentación da que dispoñemos, á vista da sorpresa e do descoñecemento que manifestan algúns membros  do equipo de Bugallo coas informacións que se van coñecendo sobre este asunto”. A concelleira de CA incidiu en que “a estas alturas, xa non sabemos que parte do acontecido se pode considerar neglixencia, e de que parte se poden derivar responsabilidades políticas moi graves, que cómpre esclarecer”.

Novas
relacionadas

O Pleno de Santiago debaterá unha moción conxunta de CA e BNG para rexeitar o proxecto de Altri

Os dous grupos do Goberno solicítanlle á Xunta que emita un informe negativo a ese proxecto industrial contaminante pola súa afectación ambiental, patrimonial e económica

Compostela Aberta chama a participar o domingo na Manifestación en Defensa do Mar

A manifestación partirá ás 12.00 horas da Alameda de Santiago para denunciar o desleixo da Xunta e reclamar transparencia na información sobre a vertedura dos pellets

CA esixe responsabilidade á Xunta diante do desastre dos pellets e solidarízase cos municipios afectados

Compostela Aberta denuncia a incompetencia da administración autonómica, que reaccionou tarde e mal, e parabeniza á sociedade civil que está a organizarse para a recollida desta vertedura, así como ao movemento ecoloxista e asociacións en defensa das rías.

CA, BNG e PSdeG-PSOE asinan un acordo orzamentario que pon por riba de todo os intereses da veciñanza de Santiago de Compostela

Goretti Sanmartín, María Rozas e Aitor Bouza coinciden en cualificar o orzamento municipal como social, igualitario e deseñado para o mantemento dos barrios e das parroquias

PARTICIPA

gRUPOS
DE TRABALLO

Selecciona a túa preferenza*
Podes participar en varios Grupos de Traballo