María Rozas: “Bugallo freou o desenvolvemento da EDUSI, e tememos polos 10 millóns de fondos europeos captados no pasado mandato”

  • A portavoz de CA pídelle ao Goberno que explique en que situación se atopan as actuacións do programa ReVive Santiago, que deberían estar executadas en decembro de 2023
  • Compostela Aberta reclama a convocatoria do órgano de seguimento da EDUSI, que só se reuniu unha vez neste mandato, en 2020

A portavoz municipal de Compostela Aberta mostrou hoxe a súa preocupación pola situación de parálise na que se atopan moitos de proxectos incluídos na Estratexia EDUSI, para a que o Goberno de CA captou dez millóns de euros de fondos europeos no pasado mandato. María Rozas urxiu ao Goberno a impulsar estas actuacións “para garantir que non se poñen en risco as achegas comprometidas”, e a convocar a Comisión de Seguimento da EDUSI “que só celebrou unha reunión neste mandato, en setembro de 2020”.  

O programa ReVive Santiago-EDUSI foi aprobado no Pleno en xaneiro de 2016, e en setembro dese ano o Ministerio de Facenda acordou a súa inclusión no Programa Operativo de Crecemento Sustentable da Unión Europea, cunha dotación de fondos europeos de dez millóns de euros, o 80% do orzamento total das diferentes actuacións deseñadas. Dentro da estratexia perfiláronse diferentes accións concretas para avanzar cara unha Compostela máis accesible, inclusiva e cunha maior  posta en valor do patrimonio natural e cultural. En todo o proceso de elaboración da EDUSI déuselle unha gran importancia á participación cidadá, tal e como promove a propia Unión Europea nos programas que financia, e con ese obxectivo constituíuse un Órgano de Participación, Seguimento e Avaliación da estratexia formado por axentes veciñais, económicos e sociais representativos de Santiago.

María Rozas explicou que, no que levamos de mandato, o Goberno de Bugallo convocou o órgano de participación da EDUSI nunha única ocasión, en setembro de 2020, “e polo tanto leva máis de dous anos sen render contas sobre a execución do programa ReVive Santiago, e obviando a obriga de fomentar a participación que vai parella á concesión dos fondos europeos”. A voceira de Compostela Aberta lamentou “o pasotismo do Goberno, ao que xa en abril lle preguntamos pola EDUSI sen que desde entón tivera tampouco reaccionado para recuperar a actividade do Órgano de Seguimento”.

Compromisos pendentes

A concelleira de CA advertiu que o Goberno “non o vai ter doado para cumprir os requisitos establecidos para a concesión dos fondos europeos, que apuntaban ao remate das actuacións antes do 31 de decembro de 2023”. Por iso, pediulle ao equipo de Bugallo “que explique cales son as xestións que realizou ata o de agora, e que medidas tén previsto implementar para non poñer en risco os 10 millóns de euros de achegas comunitarias asignados á EDUSI de Santiago”.

María Rozas denunciou que o Goberno non está cumprindo co cronograma que el mesmo aprobou en marzo deste ano, “no que se sinalaban cuestións como a aprobación inmediata do Plan de Mobilidade, que acaba de ser adxudicado cun prazo de execución de 12 meses; as obras de mellora do Campus Sur, que o Goberno de Bugallo comprometera para 2021 pero das que nada se sabe aínda; ou o Centro Integral para a Inclusión Social, que tamén continúa paralizado e nin sequera foi adxudicada a redacción do proxecto”. A voceira de CA lembrou tamén que a maioría das actuacións da EDUSI están anualizadas no orzamento ata decembro de 2023, como a mellora da conexión do Parque de Belvís, o Centro de Excelencia Tecnolóxica de Emprego e Coñecemento, ou mesmo algunhas actuacións relacionadas coa administración electrónica. A maiores, explicou, o Goberno anunciou en setembro do 2020, nesa única reunión da Comisión de Seguimento da EDUSI, novas liñas de actuación con cargo á estratexia “nas que tampouco houbo avances desde entón, como a mellora da accesibilidade en vivendas de barrios desfavorecidos ou a restauración do contorno dos ríos Sar e Sarela”.

Por todo iso, Compostela Aberta levará ao Pleno do próximo xoves unha proposición na que reclama a convocatoria urxente do Órgano de Participación, Seguimento e Avaliación da estratexia ReVive Santiago-EDUSI, para dar conta do desenvolvemento do programa; e na que tamén lle pide ao Goberno que informe do cronograma das accións pendentes aos grupos municipais. Ademais, CA insta ao Goberno a impulsar a execución das actuacións previstas na estratexia e, no seu caso, a negociar co Ministerio de Facenda as prórrogas precisas para garantir que non se perda o financiamiento europeo comprometido.

PODES CONSULTAR AQUÍ A PROPOSICIÓN DO GRUPO MUNICIPAL DE COMPOSTELA ABERTA PARA IMPULSAR A EXECUCIÓN DAS ACCIÓNS RECOLLIDAS NA ESTRATEXIA-REVIVE SANTIAGO-EDUSI, INFORMAR AOS GRUPOS DA CORPORACIÓN, E CONVOCAR O ÓRGANO DE PARTICIPACIÓN, SEGUIMENTO E AVALIACIÓN DA EDUSI

Novas
relacionadas

Compostela Aberta lamenta que a Xunta “siga sen escoitar á veciñanza de Conxo e volva elixir a peor opción para a senda ciclable do Milladoiro”

Compostela Aberta lamenta que a Xunta de Galicia perdera a oportunidade de corrixir de verdade a barbaridade que cometeu ao definir o trazado da senda ciclista do Milladoiro, e presente hoxe unha alternativa que non mellora nada e que non contenta a ninguén. Para CA, o Goberno galego segue ignorando á veciñanza, e de caer no mesmo erro de planificar unha vía sen pisar o terreo.

María Rozas: “Os orzamentos da Xunta son decepcionantes para Santiago e non serven para resolver os problemas da veciñanza”

A portavoz municipal de Compostela Aberta e tenenta de alcaldesa de Santiago cualificou hoxe de “decepcionantes e insuficientes” os orzamentos da Xunta para 2025 no que tén que ver coa capital galega. María Rozas explicou que “se sobre o papel as contas manteñen moitas débedas con Compostela, tememos que na súa execución a cousa só vaia a peor, como vén acontecendo nos últimos anos en cuestións de enorme importancia como poden ser as políticas de

Comunicado da coordinadora de Compostela Aberta sobre as cargas policiais rexistradas ao remate da manifestación por Palestina

A coordinadora de Compostela Aberta manifesta a súa repulsa e condena diante das actuacións policiais acontecidas onte na nosa cidade, na parte final da mobilización nacional que reclamaba a paz en Palestina.

O Pleno de Santiago debaterá unha moción conxunta de CA e BNG para rexeitar o proxecto de Altri

Os dous grupos do Goberno solicítanlle á Xunta que emita un informe negativo a ese proxecto industrial contaminante pola súa afectación ambiental, patrimonial e económica

PARTICIPA

gRUPOS
DE TRABALLO

Selecciona a túa preferenza*
Podes participar en varios Grupos de Traballo