María Rozas: “Bugallo incumpriu sistemáticamente o seu programa electoral e os seus compromisos coa veciñanza, e sábeo”

A portavoz de Compostela Aberta considera “clarificador que o alcalde pedira un informe xurídico para evitar comparecer no Pleno para rendir contas, tal e como solicitou CA”

O alcalde comparecerá no Pleno do próximo xoves para explicar o grao de cumprimento do programa electoral co que o PSOE concurriu ás eleccións de 2019 “contra a súa propia vontade, e atendendo a unha solicitude de Compostela Aberta”. Explicouno María Rozas, que considerou “preocupante e elocuente que Bugallo solicitara un informe xurídico, co obxectivo de librarse desa comparecencia”. Para a portavoz municipal de CA, “é revelador que o alcalde non queira rendir contas, porque é unha clara mostra de que é sabedor de que incumpriu os seus compromisos coa veciñanza de Santiago”.

María Rozas explicou que Compostela Aberta rexistrou a solicitude de comparecencia no mes de decembro, e xa nese momento o alcalde encargou un informe xurídico que aclarara se o cumprimento do programa electoral era un asunto que debera ser abordado no Pleno. Para a portavoz de Compostela Aberta, “o feito de que pida ese informe xurídico, que nós ainda descoñecemos, dá unha idea de cal é o concepto de transparencia que tén Bugallo, e confírmanos no que xa sospeitabamos: que o alcalde non cre o seu propio discurso triunfalista sobre os éxitos da súa xestión neste mandato”.

Incumprimento masivo do  programa electoral

Rozas explicou que o programa electoral do PSOE nas eleccións de maio de 2019 incluía un total de 433 medidas, “e repasar agora ese documento é case como ler unha novela de ciencia ficción, porque é evidente que o grao de execución das promesas de Bugallo é enormemente baixo”. A portavoz de Compostela Aberta sinalou que “este incumprimento é palpable no que tén que ver cos grandes investimentos anunciados polo hoxe alcalde, pero tamén no relativo ás actuacións máis modesta”.

Así, María Rozas incidiu en que “seguimos agardando polo teleférico que Bugallo prometeu na campaña do 2019, pola nova escola  infantil de Santa Marta, pola piscina anunciada para este mesmo barrio, polo Xardín Botánico, ou pola construción de máis de 2.000 novas vivendas”. “Polo que xa non agardamos”, continuou a concelleira de CA, “é pola resolución da operación Peleteiro que ía chegar nos tres primeiros meses de mandato, ou pola remodelación do proxecto de Clara Campoamor, que está executado conforme ao previsto por Compostela Aberta sen xerar ningún dos problemas de circulación que Bugallo lle anticipaba á veciñanza durante a campaña.” Outra das grandes promesas do PSOE, a recuperación de Emuvissa, “semella estárselle tamén atragantando ao Goberno, porque nada se concretou a cinco meses de que finalice o mandato”

Á marxe dos grandes investimentos, María Rozas sinalou que “outros asuntos que están de plena actualidade e sen avances tiñan unha solución teórica no programa electoral de Bugallo, que prometía facer unha proposta para a reordenación da xestión do aparcamento do CHUS, resolver s situación do transporte público e instalar un mínimo de 40 postes informativos sobre os horarios dos buses, aprobar un Pacto Local para o desenvolvemento do turismo sustentable, ou crear un rexistro de estudos financiados con fondos públicos para mellorar a transparencia na contratación”. Para a portavoz de Compostela Aberta, “tamén é chamativo o incumprimento sistemático do programa de Bugallo no que tén que ver a participación da veciñanza na vida pública, “porque o hoxe alcalde prometía a creación de numerosos Consellos municipais e a reactivación dos xa existentes, e transcorrido case todo o mandato non fixo nin  unha cousa nin a outra, senón que deixou esmorecer a maioría destes órganos”. 

María Rozas tamén se referiu aos puntos do programa electoral que semellan cumpridos “pero cun resultado que difire moito do agardado”. Así, sinalou que “é certo que se celebrou a reunión do Real Padroado ansiada por Bugallo, pero nada sabemos dos investimentos millonarios que ía traer para a cidade, como tamén é certo que o PSOE cumpriu a súa palabra de impulsar a entrada de Compostela  no programa Doing Business para atraer investimentos, e a realidade é que ese programa resultou ser un rotundo fracaso como xa anticipamos desde Compostela Aberta”.

Balance triunfalista nada crible

A portavoz de CA insistiu en que “non nos vai valer a escusa da Covid tras a que previsiblemente se esconda o alcalde, porque a pandemia está superada e a realidade é que o Goberno do PSOE non foi quen de sacar adiante nin proxectos ambiciosos nin cuestións practicamente de mero trámite”. Rozas pediulle ao alcalde que “abandone o escurantismo e que relate no Pleno cantas das 433 medidas que tiñan previstas no seu programa considera executadas e con que resultados para a veciñanza”.

Para María Rozas, “un rápido repaso polo programa electoral de Bugallo desmonta o balance triunfalista sobre o mandato que o alcalde vén facendo nas últimas semanas”. A portavoz de CA incidiu en que “é evidente que Bugallo non tén méritos propios que reivindicar cando está a presumir de investimentos na cidade por máis de 300 millóns de euros, investimentos nos que inclúe actuacións que non son da súa competencia, como a ampliación do CHUS ou o centro de protonterapia, e mesmo algunhas obras que acumulan anos de demora como a autovía de Lugo”. Ademais, Rozas reiterou que “as tres grandes infraestruturas que o alcalde di ter desbloqueado neste mandato, o orbital, a EDAR e a estación intermodal, son hoxe unha realidade grazas a que foi o Goberno de Compostela Aberta quen negociou e asinou acordos durante o pasado mandato coa Xunta e co Goberno do Estado”.

Caso Desproi

Na rolda de prensa de hoxe, María Rozas tamén foi preguntada polas últimas novidades en torno á dimisión do concelleiro de Medio Rural, tras a denuncia formulada publicamente por Compostela Aberta sobre o alugueiro dun local a unha empresa coa que estaba vinculado. A portavoz de CA reiterou que “a falta de transparencia por parte do Goberno está xerando cada vez máis dúbidas sobre este asunto, e por iso urximos ao alcalde a que efectivamente impulse unha investigación interna sobre o acontecido, tal e como anunciou a través dos medios de comunicación, e traslade canto antes as súas conclusións aos grupos da oposición”. Para a concelleira, “foi Pichel pero tamén Bugallo os que aumentaron as nosas dúbidas sobre este contrato, porque hai que lembrar que primeiro acusaron a CA de lanzar noticias falsas por intereses partidarios, e en menos de 24 horas tiveron que recoñecer que a nosa denuncia era certa”. Rozas insistiu en que “o alcalde debe depurar todas as responsabilidades por un contrato no que non só interviu o concelleiro dimitido, debe trasladar canto antes os servizos de Medio Rural e Parques e Xardíns da nave alugada irregularmente, e debe dar no Pleno do xoves todas as explicacións que lle vimos pedindo, sen éxito, desde hai máis dunha semana”.

Documentación
relacionada
SOLICITUDE DE COMPARECENCIA DO ALCALDE DE SANTIAGO EN RELACIÓN AO CUMPRIMENTO DO PROGRAMA ELECTORAL DO PSdG-PSOE PRESENTADO EN MAIO DE 2019
Novas
relacionadas

O Pleno de Santiago debaterá unha moción conxunta de CA e BNG para rexeitar o proxecto de Altri

Os dous grupos do Goberno solicítanlle á Xunta que emita un informe negativo a ese proxecto industrial contaminante pola súa afectación ambiental, patrimonial e económica

Compostela Aberta chama a participar o domingo na Manifestación en Defensa do Mar

A manifestación partirá ás 12.00 horas da Alameda de Santiago para denunciar o desleixo da Xunta e reclamar transparencia na información sobre a vertedura dos pellets

CA esixe responsabilidade á Xunta diante do desastre dos pellets e solidarízase cos municipios afectados

Compostela Aberta denuncia a incompetencia da administración autonómica, que reaccionou tarde e mal, e parabeniza á sociedade civil que está a organizarse para a recollida desta vertedura, así como ao movemento ecoloxista e asociacións en defensa das rías.

CA, BNG e PSdeG-PSOE asinan un acordo orzamentario que pon por riba de todo os intereses da veciñanza de Santiago de Compostela

Goretti Sanmartín, María Rozas e Aitor Bouza coinciden en cualificar o orzamento municipal como social, igualitario e deseñado para o mantemento dos barrios e das parroquias

PARTICIPA

gRUPOS
DE TRABALLO

Selecciona a túa preferenza*
Podes participar en varios Grupos de Traballo