María Rozas: “Bugallo menospreza á veciñanza ao non executar os proxectos elixidos nos procesos dos Orzamentos Participativos”

A concelleira de Compostela Aberta repasou as actuacións dos OPs que o Goberno do PSOE non executou malia a contar coas partidas orzamentarias precisas
  • Rozas lamenta “a involución que supuxo o regreso de Bugallo á alcaldía en termos de participación”

A concelleira de Compostela Aberta María Rozas acusou hoxe ao Goberno local de “menosprezar á veciñanza de Santiago, ao non executar boa parte dos proxectos que foron seleccionados nos procesos de Orzamentos Participativos do pasado mandato, aínda dispoñendo dos fondos necesarios para facelos realidade”. Para a edil, “é moi significativo que Bugallo decida gardar nun caixón actuacións que foron propostas pola cidadanía, avaliadas polos técnicos municipais e votadas por case 5.000 persoas, deixando sen utilizar as partidas que tiñan consignadas”.

María Rozas explicou que, transcorridos máis de dous anos do actual mandato, o Goberno local “segue tendo unha débeda coa veciñanza que se involucrou dun ou doutro xeito nos Orzamentos Participativos, que foron un proceso reglado e garantista no que participaron milleiros de persoas e que comprometía, non ao Goberno de Compostela Aberta, senón á institución municipal”. Para a concelleira, “é lamentable que Bugallo e o seu equipo actúen como se os OPs non tiveran existido, e só se executaran algunhas actuacións que foron incluídas no acordo para a aprobación dos orzamentos municipais de 2020, asinado por PSOE e CA”. Tal e como explicou, “continúan esquecidos moitos proxectos que conseguiran o apoio da veciñanza, que contaban xa cunha partida orzamentaria asignada, e en moitos casos mesmo con proxectos redactados e pregos feitos para a súa contratación”.

Proxectos de gran demanda social

Rozas incidiu en que os proxectos obviados polo Goberno do PSOE “non só foron respaldados pola veciñanza no seu momento, senón que a día de hoxe, e despois da situación de pandemia que vivimos, semellan aínda máis acaídos para atender as novas demandas da cidadanía en canto ao uso dos espazos”. Así, lamentou que o equipo de Bugallo abandonara actuacións como o acondicionamento dos parques infantís cubertos de Castiñeiriño e das Fontiñas, para o que se reservara unha partida de 200.000 euros, ou a construción dun espazo de ocio cuberto en Laraño. Con respecto a este proxecto, María Rozas explicou que “a asociación de veciños vén de trasladarnos que o Goberno xa lles comunicou que desistía de executar ese proxecto, aínda tendo os cartos para facelo”.

Na mesma liña, Rozas explicou que nada se sabe de actuacións como o acondicionamento do carril bicil a praia fluvial de Chaián, para o que estaban consignados 370.000 euros; ou para a senda peonil e ciclable Lagoa de Cornes-Porto de Conxo, orzada con case 200.000 euros. Ambos itinerarios, sinalou a concelleira, “permitirían poñer en valor espazos naturais de Compostela, descentralizar o turismo e mesmo apostar por unha mobilidade máis sustentable, cuestións que parecen importarlle pouco ao Goberno de Bugallo”. Entre os proxectos dos Orzamentos Participativos que seguen pendentes e que tiñan orzamento asignado María Rozas salientou tamén a instalación de paneis de comunicación social (72.000 euros) ou a mellora da sinaléctica do rural (80.000 euros).

Un Goberno que teme a participación

María Rozas aproveitou para volver lamentar “a involución que supuxo o regreso de Bugallo á alcaldía en termos de participación da veciñanza, unha involución que tén unha das súas principais mostras na decisión do Goberno do PSOE de ignorar un mecanismo que cada vez tén unha mellor acollida como son os orzamentos participativos”. Ao respecto, a concelleira de Compostela Aberta lembrou que a alcaldesa socialista da Coruña acordou recuperar esta ferramenta para o ano 2022, e así os coruñeses e coruñesas poderán decidir en que se gastan 2,5 millóns de euros de fondos municipais. Rozas apuntou que “mesmo un alcalde como o de Madrid, o popular José Luis Martínez-Almeida, mantivo os orzamentos participativos, cunha dotación de cen millóns de euros en 2021”. Para a concelleira, é lamentable que no caso de Santiago “Bugallo siga argumentando que os orzamentos participativos non foron representativos nin permitiron desenvolver as actuacións máis acaídas, porque iso só significa que o alcalde non respecta a vontade da cidadanía nin lles outorga aos veciños e veciñas a capacidade de decidir cales son os proxectos que Santiago necesita”

Novas
relacionadas

Os grupos do Compostela Aberta, BNG e GM Socialista presentan unha moción conxunta de apoio á mobilización de SOS Sanidade Pública

Os grupos municipais do BNG, Compostela Aberta e GM Socialista acordaron unha moción conxunta, que levarán ao pleno deste mes de marzo, en apoio á nova mobilización convocada pola Plataforma SOS Sanidade Pública de Galicia, o próximo 6 de abril do 2025. A mobilización sairá ás 12 horas dende a Alameda ata a Praza do Obradoiro.
María Rozas, Goretti Sanmartín e Gonzalo Muíños asinaron o acordo de orzamentos

Os grupos municipais de Compostela Aberta, Socialista e BNG pechan un acordo de orzamentos para 2025

María Rozas, en representación de Compostela Aberta, Gonzalo Muíños polo Grupo Municipal Socialista e Goretti Sanmartín, polo BNG asinaron este martes o acordo para os orzamentos municipais de 2025, “uns orzamentos ambiciosos mais equilibrados e enfocados ás necesidades reais de Santiago”.

María Rozas: “Os orzamentos da Xunta son decepcionantes para Santiago e non serven para resolver os problemas da veciñanza”

A portavoz municipal de Compostela Aberta e tenenta de alcaldesa de Santiago cualificou hoxe de “decepcionantes e insuficientes” os orzamentos da Xunta para 2025 no que tén que ver coa capital galega. María Rozas explicou que “se sobre o papel as contas manteñen moitas débedas con Compostela, tememos que na súa execución a cousa só vaia a peor, como vén acontecendo nos últimos anos en cuestións de enorme importancia como poden ser as políticas de

CA, BNG e PSdeG-PSOE asinan un acordo orzamentario que pon por riba de todo os intereses da veciñanza de Santiago de Compostela

Goretti Sanmartín, María Rozas e Aitor Bouza coinciden en cualificar o orzamento municipal como social, igualitario e deseñado para o mantemento dos barrios e das parroquias

PARTICIPA

gRUPOS
DE TRABALLO

Selecciona a túa preferenza*
Podes participar en varios Grupos de Traballo