A portavoz municipal de Compostela Aberta foi hoxe moi crítica co Goberno “que despois de case catro anos sen prestarlle atención ao rural, pretende lavar a súa imaxe e probablemente a súa conciencia coa aprobación no próximo Pleno do Pacto polo Rural”. Para María Rozas, “é difícil crer que Bugallo considere vinculante o documento acordado con FERUSA, porque recolle compromisos para os próximos oito anos que o alcalde ben podería ter atendido neste mandato que chega ao seu final”. A concelleira explicou que “CA súmase á proposta do Pacto, sabedora de que é mellorable e advertindo que hai cuestións que tiñan que quedar encamiñadas xa antes deste ano, como as relativas á mellora do transporte ou do servizo do lixo”.
María Rozas explicou que a proposta do Pacto polo Rural que vai ser aprobada no Pleno desta semana levará a sinatura dos catro grupos da Corporación, “mais desde Compostela Aberta estamos convencidas de que o documento era mellorable”. De feito, incidiu, “o borrador que quedara elaborado no anterior mandato e que CA reivindicou no Pleno en setembro de 2019 mostraba un maior compromiso coa veciñanza do rural”. A concelleira sinalou que “Bugallo deberá explicar por que o seu Goberno non quixo viabilizar ese documento, por que se abstivo na votación da proposición que Compostela Aberta levou ao Pleno ao respecto ao comezo deste mandato, e por que tivo o Pacto Rural gardado nun caixón ata hoxe”. Para Rozas, os motivos son máis que evidentes: “o Goberno do PSOE non quería comprometerse coas parroquias cando podía executar as accións incluídas no Pacto, e prefire facelo agora, a cinco meses dunhas eleccións municipais, e cun Pacto que para os socialistas semella ter o mesmo valor que o seu programa electoral de 2019, absolutamente incumprido”.
Un Pacto polo Rural pouco ambicioso
A portavoz de Compostela Aberta explicou que o Pacto polo Rural que se vai aprobar o mércores debe executarse no periodo 2023-2030, e compromete a destinar integramente ao rural os fondos POS da Deputación da Coruña e o 1% do orzamento municipal anual, así como outros fondos que poidan derivarse de convenios con outras administracións. María Rozas sinalou que “esta redacción final é menos beneficiosa para o rural que o borrador que FERUSA aprobou en novembro de 2019, no que se falaba dunha dotación anual mínima, que se fixou en 3,5 millóns de euros procedentes da totalidade do POS e máis do 1% do orzamento municipal anual”, e tamén menos beneficiosa que a proposición que se aprobou no Pleno en setembro de 2019, a proposta de CA e coa abstención do PSOE”.
Ademais, Rozas mostrouse escéptica coas intencións do Goberno con respecto ao documento “porque o Pacto sinala importantes compromisos para 2023, pero a realidade é que Bugallo non tén feito ningún movemento a día de hoxe para presentar uns orzamentos municipais para o próximo ano”. En concreto, o documento indica que para o ano que vén “a achega dos fondos do Concello será a necesaria e suficiente para levar o subministro de auga ás aldeas con seca de manancial nos últimos tres anos e para a rede de abastecemento nos núcleos de poboación nos que resten menos de 500 metros ao punto de conexión”.
Accións que deberan estar xa encamiñadas
O Pacto polo Rural inclúe 35 accións concretas, e María Rozas preguntouse “cales foron os motivos polos que o Goberno non afrontou moitas delas nos últimos tres anos e medio”. Así, considerou sorprendente “que no documento se fale de mellorar a mobilidade e impulsar o transporte a demanda ás parroquias, cando os pregos do novo contrato están xa redactados sen ter sometidos a ningún tipo de debate nin consenso; ou que se inclúa a mellora do servizo do lixo, que xa está funcionando cun novo contrato no que tampouco se tiveron en conta as demandas de FERUSA”.
María Rozas tamén incidiu en que o Pacto polo Rural “fai referencia a que se poña en permanente funcionamento o tractor rozador adquirido cos orzamentos participativos de 2017, unha cuestión que non debera requirir de ningún pacto e pola que vimos recollendo numerosas queixas ao longo destes tres anos; ou a que se conclúa a Vía Verde, que o Goberno de Bugallo tampouco foi quen de desbloquear neste mandato”. Do mesmo xeito, sinalou, “hai outros moitos compromisos que se inclúen no Pacto para executar no periodo 2023-2030 relacionados co mantemento, as rozas, o acondicionamento de sendas peonís e ciclables ou mesmo o desenvolvemento económico do rural, que Bugallo asume agora, pero vendo o seu desinterese destes anos diríase que sen ningunha vontade de cumprilos”.
A portavoz municipal de Compostela Aberta considerou que “é unha boa noticia que o Pleno vaia aprobar por fin o Pacto polo Rural, pero é unha moi mala noticia que tiveramos que chegar ao remate do mandato para que o Goberno asumira as demandas de FERUSA e para que aceptara firmar este documento”. Para María Rozas, “non hai mellor mostra de que Bugallo é máis de promesas que de feitos”.