María Rozas comprometeuse hoxe a reconducir o convenio entre o Concello de Santiago e a Deputación da Coruña sobre a Casa do Matadoiro “porque ao contrario que Bugallo, Compostela Aberta non renuncia a este equipamento municipal que debe estar ao servizo da veciñanza”. Para a candidata de CA á alcaldía, o que fixo o alcalde “foi recoñecer a súa incapacidade para solucionar a situación do inmoble, pedirlle ao líder do seu partido que viñera o rescate, e non pensar en ningún momento no que era mellor para Santiago nin para os moitos colectivos que utilizaron a Casa da Xuventude ata a pandemia”. Rozas tamén foi moi crítica con PP e BNG, ”que tamén renuncian ao equipamento, apostando por derrubar un edificio que está valorado en máis dun millón de euros”.
María Rozas participará esta tarde nun debate sobre a Casa da Xuventude organizado polo Seminario de Futuros Urbanos e a Facultade de Xeografía e Historia da USC, “un debate no que se fará evidente que Compostela Aberta é a única formación que non renuncia a este equipamento municipal, que en 2015 xa salvamos do derrumbó que tiña previsto o PP”. Para a candidata de CA, “non é sorprendente que Borja Verea manteña os plans de Conde Roa , pero sí o é que o BNG presente agora un proxecto que contempla a demolición do edificio, e que o faga, ademais, despois de ter votado na Deputación da Coruña a favor do convenio co Concello de Santiago para a súa rehabilitación”. Rozas considerou “moi difícil de entender que o Bloque queira facer ver que substituír a Casa do Matadoiro por unha cuberta é o mellor para os colectivos que utilizaban o edificio, porque é evidente que non é unha alternativa seria para aqueles que non foron reubicados despois da pandemia en ningún equipamento municipal”.
Garantir os usos veciñais
María Rozas defendeu a necesidade de garantir que a Casa do Matadoiro “teña os mesmos usos que tiña antes da pandemia, cando era utilizada por múltiples colectivos que desenvolvían unha intensa axenda de actividades diarias”. A portavoz de Compostela Aberta lembrou que “neste espazo había desde bailes para maiores ata debates de organizacións estudantís, pasando por obradoiros de canto, clases de ioga, teatro, talleres de costura ou proxeccións de cine”.Tamén reivindicou o modelo da autoxestión “que non é nada moi diferente do que se fai históricamente nos centros socioculturais do rural, onde as asociacións veciñais e culturais das parroquias organizan o uso dos locais e teñen as súas propias chaves”, e lembrou que “a propia exconcelleira de Mocidade Noa Díaz chegou a defender públicamente despois dos primeiros meses de mandato porque comprobara o seu bo funcionamento”.
Para a candidata de CA, “renegociar o convenio coa Deputación da Coruña no que tén que ver cos usos da Casa da Xuventude é un obxectivo ao que non renunciamos, porque o organismo provincial pode colaborar economicamente coa rehabilitación do edificio, pero sen que o Concello teña que cederllo durante 25 anos”. Rozas insistiu en que “este acordo que Bugallo e Formoso asinan a mes e medio dunha eleccións dá boa mostra da nula calidade democrática do alcalde e do presidente da Deputación e é o mellor exemplo dunha maneira de facer política desde os despachos que CA nin comparte nin respecta”.
Garantir a mellor solución arquitectónica
En canto á rehabilitación da Casa do Matadoiro e á conexión da praza co parque de Belvís, María Rozas lembrou que “o Plan Especial vixente garante o paso ao parque, e obriga a que se faga polos terreos colindantes do edificio no que David Chipperfield situará a sede da Fundación RIA, unha cuestión que non é de vontade do arquitecto nin do Goberno senón que é de obrigado cumprimento”. Nese sentido, lembrou que Compostela Aberta contemplara esta actuación con cargo a fondos EDUSI, “uns fondos que o Gobierno de Bugallo vén de desviar para outro proxecto”.
A portavoz de Compostela Aberta sinalou que, a maiores dese paso, “nós previamos mellorar a conexión co parque de Belvís coa intervención na propia Casa do Matadoiro, abrindo un soportal na súa parte baixa que daría acceso ao edificio e conectaría cunha rampa de acceso ao parque”. Esta solución, sinalou María Rozas, “foi tamén a defendida por diferentes arquitectos nunha convocatoria de ideas feita polo Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia durante o Goberno do PP, cando houbo unha importante mobilización veciñal en contra do derrubo do edificio”. Para a candidata de CA, “é imprescindible que se manteña este espírito en calquera actuación que se vaia executar na Casa da Xuventude, porque quedou demostrado que mellorar a conexión da praza do Matadoiro co parque non require enterrar centos de miles de euros co derrumbó do edificio”


