- CA impulsará o Plan Estratéxico da Cultura, recuperará a música ao vivo nos locais e promoverá un programa de residencias creativas como o que funcionou no pasado mandato
“Compostela Aberta recuperará o pulo cultural de Santiago despois de catro anos de retrocesos e dun absoluto desinterese polo sector”. Díxoo hoxe María Rozas, que presentou o programa de CA en materia de Cultura nunha rolda de prensa na que estivo acompañada pola número 3 da candidatura, Comba Campoi, e polo número 6, Javier García. A cabeza de lista de Compostela Aberta explicou que “no próximo mandato poremos en marcha iniciativas dirixidas tanto ao público, para incentivar o consumo de cultura, como ás asociacións e aos profesionais, aos que o Goberno de Bugallo tivo absolutamente esquecidos neste tempo”. Tamén se comprometeu a impulsar un Plan Estratéxico da Cultura, “para fixar estratexias a medio e longo prazo e evitar que as políticas culturais dependan dos vaivéns políticos”.
María Rozas lembrou a importancia que o sector cultural tén para Santiago, “con preto de 500 empresas culturais, 2.300 persoas afiliadas á Seguridade Social neste sector, e un cento de asociacións culturais”. A candidata explicou tamén que “o peso da cultura no PIB de Santiago é do 5,2%, fronte ao 2,9% da Coruña”. Con estes datos, para Rozas “é especialmente preocupante a perda de pulo cultural que vivimos nestes catro anos, nos que Santiago pasou do posto 11 no Observatorio da Cultura elaborado pola Fundación Contemporánea en 2019, ao posto 15 en 2022”.
Plan Estratéxico da Cultura e subvencións
A candidata de Compostela Aberta á alcaldía anunciou a elaboración dun Plan Estratéxico da Cultura, “un documento que permita planificar e ordenar a acción cultural municipal, dándolle continuidade ás políticas culturais alén dos ciclos electorais, e integrando diferentes voces e sensibilidades a través dun proceso participado”. Rozas lembrou que “este instrumento xa existe noutras cidades como Ferrol, e Santiago debe impulsar a súa elaboración no próximo mandato”.
María Rozas tamén se comprometeu a mellorar as convocatorias de subvencións por concorrencia competitiva para o sector da cultura, “impulsadas por primeira vez polo Goberno de Compostela Aberta e que neste mandato foron un rotundo fracaso porque nin se fixeron as convocatorias cando tocaba nin se estableceron as condicións acaídas para promover a participación nelas”. Nese sentido, a candidata lembrou que “en só dous anos, o Goberno de Bugallo deixou máis de 70.000 euros de subvencións sen gastar, aínda coa situación precaria que vive o sector despois da pandemia”. Para Rozas, “é evidente que hai un exceso de burocracia ao redor destas subvencións, e tamén que é preciso mellorar a formación das entidades culturais para que poidan captar financiamento, tanto a través das axudas municipais como doutras subvencións”.
Música ao vivo
Javier García, número 6 da candidatura de Compostela Aberta, lamentou que “ademais de non impulsar as subvencións competitivas, o Goberno de Bugallo non buscara nestes catro anos outras vías de apoio para os artistas locais, nomeadamente os músicos”. Nese sentido, referiuse á “resignación deste Goberno, que non quixo dar a batalla para lograr a seguridade xurídica necesaria para que a música ao vivo regrese aos locais de Santiago”. Javier García explicou que “fronte a esa pasividade, Compostela Aberta comprométese a elaborar unha nova ordenanza municipal para recuperar a música ao vivo, que é unha parte esencial do ADN de Compostela”.
Ademais, reiterou a intención de CA de “reimpulsar o censo Compostela É Música! e contratar artistas locais para as festas da Ascensión e o Apóstolo, un orzamento para iso de non menos de 250.000 euros anuais”. Javier García criticou que “o Goberno de Bugallo non mantivera o escenario do Toural para os artistas locais, que axudaba a promocionar o talento local e que enriquecían unha programación de festas na que o Goberno tamén mostrou a súa desgana nos últimos anos”.
Ainda relacionado coa música, Javier García comprometeuse a seguir ampliando os locais de ensaio para os grupos de Santiago, “que seguirán sendo espazos gratuítos, e que serán dotados do equipamento necesario para ensaiar, e de pequenos estudos de gravación”, e tamén a mellorar as sinerxias entre a Banda Municipal de Música e a Escola Municipal de Música, “incrementando tamén a oferta formativa na EMM”.
Residencias creativas
Pola súa banda, Comba Campoi presentou outra das propostas incluídas no programa electoral de Compostela Aberta: as residencias de creación e investigación das artes escénicas. Tal e como explicou, “con esta iniciativa trátase de apoiar os procesos de creación dos axentes culturais da cidade, de impulsar a transmisión de experiencia cara os novos creadores e creadoras, e de convocar bolsas de investigación das artes escénica”. De maneira parella, “CA consolidará unha Rede Local de Artes ao Vivo, a través de acordos con asociacións veciñais e ecomerciais”.
Para fomentar o consumo de cultura, a número 3 explicou que Compostela Aberta recuperará e mellorará, adaptándoa a novos formatos, a Compostelánea, a publicación na que se daba conta de toda a oferta cultural da cidade. Co mesmo oxectivo, impulsarase o Bono C para facilitar o acceso e dinamizar a oferta cultural “con condicións de acceso específicas, con descontos para dedterminados colectivos e en colaboración con outras institucións da cidade”.
Comba Campoi lamentou, precisamente, “a perda desta colaboración co sector, que era a base de iniciativas que naceron no pasado mandato como a citada Compostela É Música, pero tamén da SELIC, a Semana do Libro de Compostela, que o Goberno de Bugallo mantivo no calendario pero dunha maneira totalmente desvirtuada”.
A número 3 da candidatura de CA incidiu en que “nestes anos a Cultura en Compostela convertiuse nunha sorte de bunker, e un dos resultados é que os e as traballadoras culturais teñen dificultades para vivir en Santiago”. “Esa é unha tendencia que imos revertir no próximo mandato”, concluiu Comba Campoi, “porque para nós a Cultura é un sector fundamental para Santiago e a Cultura importa”.