María Rozas denuncia “a falta de impulso político e de capacidade de xestión da concellería de Deportes” nun encontro con entidades deportivas de Santiago

A candidata de Compostela Aberta considera que “remata un mandato en branco, sen avances nas novas infraestructuras deportivas nin en mantemento, e con continuos problemas na tramitación das subvencións municipais”
  • CA vén organizando encontros sectoriais baixo o lema “Falemos do que importa” para recoller as demandas e as propostas de asociacións e veciñanza

A candidata de Compostela Aberta á alcaldía mantivo onte un encontro con representantes de diferentes entidades deportivas de Santiago para facer balance dos últimos anos, presentar as propostas de CA, e recoller as súas demandas e achegas. María Rozas foi moi crítica co labor da concellería de Deportes neste mandato, “que finaliza practicamente en branco, sen avances nos grandes proxectos do departamento, e con continuos problemas na xestión das cuestións ordinarias, como a tramitación das subvencións aos clubs”.A xuntanza “Falemos de Deportes” enmárcase na serie de reunións sectoriais que a portavoz municipal está a manter nestas semanas con entidades e veciñanza, baixo o lema “Falemos do que importa”.

No encontro con María Rozas participaron máis dunha vintena de representantes de entidades deportivas de diferentes disciplinas como fútbol, baloncesto, balonmán, hockey, natación, tenis de mesa, ciclismo, fútbol gaélico, atletismo, natación ou xadrez. Os clubs puideron trasladar as súas demandas particulares, mais tamén mostraron moitas preocupacións comúns relativas ao mantemento e a escaseza de instalacións deportivas, a organización do seu uso, ou os problemas relacionados coa tramitación das subvencións municipais neste mandato. Tamén interviu Noa Morales, concelleira de Deportes no Goberno de Compostela Aberta.

Falta de xestión e de diálogo

María Rozas denunciou “a falta de impulso político na Concellería de Deportes ao longo deste mandato, que dificultou mesmo a xestión das cuestións máis ordinarias do departamento, como as subvencións municipais”. A candidata de Compostela Aberta lamentou “os atrasos no pago das axudas nominativas, que puxo en serios problemas de liquidez a moitas entidades; así como a demora na convocatoria das subvencións por concorrencia competitiva, que non se xustifica pola pandemia porque a de 2022, nunha situación de normalidade, non foi publicada ata o mes de outubro”. A concelleira explicou que “esta situación explícase fundamentalmente pola falta de interese do Goberno na área de Deportes”, e incidiu en que “é preciso reforzar o persoal do departamento, como fixo Compostela Aberta durante o pasado mandato, e retomar fórmulas que axilicen o pago de subvencións, como a do pago anticipado que tamén impulsamos desde o Goberno”.

Na mesma liña, María Rozas atribuiu “ao desleixo da concelleira de Deportes a ralentización dos investimentos na mellora do mantemento das instalacións deportivas, con proxectos que quedaron aprobados no anterior mandato e que este Goberno non desbloqueou”. Un exemplo significativo, apuntou, é a mellora do pavillón do Quiroga Palacios, “cun proxecto que deixamos aprobado e que incluímos nos acordos para a viabilización dos orzamentos que asinamos co PSOE, pero que non se iniciou mentres que os clubs que utilizan as instalacións denuncian goteiras que estragan o seu material”. En canto ás novas actuacións, a candidata de CA lamentou que “seguimos sen noticias da Cidade da Raqueta e, sobre todo, da nova piscina de Santa Marta, que nos preocupa especialmente porque o Goberno tén apuntado a súa intención de impulsar un modelo concesionado co que non concordamos, porque entendemos que estas instalacións deben ser públicas para garantir o seu uso por parte da veciñanza e tamén dos clubs que sofren a falta de instalacións para adestrar deportes de auga”. En materia de investimentos, na xuntanza de onte tamén se falou das anunciadas reformas dos pavillóns de Santa Isabel e Vite “sobre as que os clubs non teñen información e empezan a temer como van afectar as obras aos seus adestramentos e sobre todo ás súas competicións oficiais”.

Maior pulo á promoción do deporte

Por último, María Rozas referiuse á falta de iniciativas para a difusión e promoción do deporte, sobre todo entre crianzas e mocidade. Nese sentido, lamentou que este Goberno non retomara a celebración da Festa do Deporte impulsada durante o pasado mandato, “que era unha gran oportunidade para a promoción de disciplinas minoritarias, sobre todo entre os escolares”, que non se mantiveran os acordos con diferentes Federacións como as de Squash, Loita Olímpica ou Xadrez para a difusión destes deportes nos colexios, e mesmo que non houbera un esforzo para atraer grandes competicións a Santiago que sí se celebran noutras cidades galegas. Nesa liña, a candidata de CA lembrou os eventos que se celebraron na cidade durante o pasado mandato, “como o mundial de xadrez de categorías inferiores, que trouxo a Compostela a unhas 3.000 persoas e deixou un impacto económico estimado en cinco millóns de euros, ademais no mes de novembro, na tempada baixa para o turismo”.

Novas
relacionadas

O Pleno de Santiago debaterá unha moción conxunta de CA e BNG para rexeitar o proxecto de Altri

Os dous grupos do Goberno solicítanlle á Xunta que emita un informe negativo a ese proxecto industrial contaminante pola súa afectación ambiental, patrimonial e económica

Compostela Aberta chama a participar o domingo na Manifestación en Defensa do Mar

A manifestación partirá ás 12.00 horas da Alameda de Santiago para denunciar o desleixo da Xunta e reclamar transparencia na información sobre a vertedura dos pellets

CA esixe responsabilidade á Xunta diante do desastre dos pellets e solidarízase cos municipios afectados

Compostela Aberta denuncia a incompetencia da administración autonómica, que reaccionou tarde e mal, e parabeniza á sociedade civil que está a organizarse para a recollida desta vertedura, así como ao movemento ecoloxista e asociacións en defensa das rías.

CA, BNG e PSdeG-PSOE asinan un acordo orzamentario que pon por riba de todo os intereses da veciñanza de Santiago de Compostela

Goretti Sanmartín, María Rozas e Aitor Bouza coinciden en cualificar o orzamento municipal como social, igualitario e deseñado para o mantemento dos barrios e das parroquias

PARTICIPA

gRUPOS
DE TRABALLO

Selecciona a túa preferenza*
Podes participar en varios Grupos de Traballo