María Rozas: “É indecente que o Concello teña millóns de euros nas contas e non pague os traballos feitos nin as subvencións concedidas”

A concelleira de Compostela Aberta denuncia que a execución global do orzamento de 2021 foi a máis baixa dos últimos anos
  • O incumprimento do Periodo Medio de Pago a Proveedores leva a Santiago á situación de risco financeiro

María Rozas lamentou hoxe “a incapacidade para a xestión económica e a nula vontade de transparencia do Goberno de Bugallo, que vén de quedar en evidencia coa escasa documentación facilitada sobre a liquidación do orzamento de 2021”. A concelleira de Compostela Aberta denunciou que o ano pasado o Concello só executou o 61 por cento dos gastos que tiña orzados, “a porcentaxe máis baixa dos últimos anos”, e “acumulou millóns de euros sen gastar nas contas bancarias e millóns de euros en facturas pendentes”.

María Rozas explicou que, tal e como se recolle na documentación levada ao Pleno, “dos máis de 160 millóns que o Concello de Santiago tiña no seu orzamento de 2021, quedaron sen gastar case 60 millóns de euros”. Deste xeito, a execución global do orzamento de gastos quedou no 61%, “a porcentaxe máis baixa dos últimos anos, fronte aos datos do mandato de Compostela Aberta, cando a execución rondou sempre o 75 por cento”. A concelleira sinalou que “tal e como recoñece a responsable de Facenda, o Goberno acumula numerosas facturas pendentes, e segue incumprindo sistemáticamente o Periodo Medio de Pago a Proveedores, que no mes de febreiro se situou xa en 63 días, máis do dobre do establecido”.

Entrando no detalle dalgúns capítulos de gasto, a concelleira de CA salientou que o Goberno só gastou o 69 por cento do previsto no Capítulo 2 do orzamento, que é o que inclúe os gastos en bens correntes, mantemento, actividades, políticas sociais ou pago ás concesionarias”. María Rozas preguntouse “en que deixou de gastar o Goberno para que lle sobraran tantos cartos, nun capítulo orzamentario no que, ademais, o nivel de execución sempre está por riba do 80 por cento”. A situación non mellora no que tén que ver co capítulo de investimentos, “no que quedaron case 36 millóns de euros sen gastar, e iso significa que hai moitas promesas incumpridas por parte do Goberno de Bugallo”.

María Rozas tamén cualificou de “inxustificable que a liquidación desvele que ao Concello lle sobraran tres millóns de euros do orzado en 2021 para gastos de persoal, pero que teña pendentes de pago as horas extras da Policía e dos Bombeiros”. Nesa liña, lamentou tamén que “quedaron catro millóns de euros sen pagar en subvencións ás asociacións de Santiago, como as deportivas ou culturais”.

Pseudo plan de axuste

Tal e como se extrae dos datos da liquidación de 2021, “o Concello de Santiago nunca tivo tantos fondos nas súas contas, pero tampouco nunca tivo tantas débedas”. O único precedente, salientou María Rozas, “lévanos á anterior etapa de Bugallo na alcaldía, que rematou cun Plan de Axuste no Concello que nos levou á obriga de recortar gastos, a non poder contratar novo persoal, e a ter que destinar o superávit tan só ao pago de débedas bancarias e non a atender as necesidades da veciñanza”. A concelleira explicou que “a día de hoxe estamos nunha situación moi similar a esa, e de feito, podemos estar xa sumidos nun pseudo plan de axuste”.

María Rozas explicou que no Pleno ordinario celebrado o 5 de abril, correspondente ao mes de marzo, deuse conta do informe a Intervención municipal sobre o procedemento extraordinario de financiamento, fondo de ordenación, para a cancelación de obrigas pendentes de pago correspondente ao exercicio de 2022. Este documento indica que Santiago é un municipio en situación de risco financeiro, en virtude do Real Decreto 17/2014, que lle outorga esa consideración aos concellos que incumpran durante dous meses consecutivos o Periodo Medio de Pago, cun prazo que sexa superior a 60 días. Por este motivo, o Concello tivo que remitir ao Ministerio de Facenda as facturas pendentes, e acollerse a un préstamo para o seu pago “polo que tamén teremos que pagar xuros”. 

Menos escusas e máis transparencia

A concelleira lamentou que tanto a responsable de Facenda Marta Abal como o alcalde Bugallo se escuden nas dificultades da administración electrónica para xustificar os datos desta liquidación. Rozas ironizou con que “o de Santiago é o único concello no que a administración electrónica lle complica as cousas ao Goberno no canto de facilitarllas, e ademais faino só no que tén que ver cos gastos, porque os ingresos, e nomeadamente os impostos, sí se contabilizaron en tempo e forma”.

María Rozas foi tamén moi crítica coa falta de transparencia do Goberno de Bugallo, “que por primeira vez da conta ao Pleno da liquidación do orzamento anual cunha documentación absolutamente parcial”. Deste xeito, sinalou, “non podemos coñecer cuestións como cal foi o gasto en Políticas Sociais, Publicidade, ou mantemento, información que nos permitiría facer unha fiscalización máis exhaustiva da acción de Goberno”.

Novas
relacionadas

O Pleno de Santiago debaterá unha moción conxunta de CA e BNG para rexeitar o proxecto de Altri

Os dous grupos do Goberno solicítanlle á Xunta que emita un informe negativo a ese proxecto industrial contaminante pola súa afectación ambiental, patrimonial e económica

CA, BNG e PSdeG-PSOE asinan un acordo orzamentario que pon por riba de todo os intereses da veciñanza de Santiago de Compostela

Goretti Sanmartín, María Rozas e Aitor Bouza coinciden en cualificar o orzamento municipal como social, igualitario e deseñado para o mantemento dos barrios e das parroquias

Moción conxunta para reclamarlle á Xunta que cumpra con Santiago e resolva o caos de tráfico e de falta de aparcadoiro no CHUS

María Rozas, Gonzalo Muíños e Míriam Louzao presentan unha iniciativa para que a Xunta asuma a súa competencia e realice o investimento necesario

“Nos primeiros cen días de Goberno atendimos urxencias como a dos autobuses, recuperamos o diálogo social, e reconducimos o proxecto do Centro de Persoas sen Fogar” 

O Goberno mantivo un encontro cos medios de comunicación para facer balace dos cen primeiros días de mandato

PARTICIPA

gRUPOS
DE TRABALLO

Selecciona a túa preferenza*
Podes participar en varios Grupos de Traballo