María Rozas reclamoulle hoxe ao Goberno local “que non deixe pasar a oportunidade que brindan os Orzamentos do Estado, e que estude a recuperación da prestación directa de servizos esenciais para o funcionamento interno do Concello de Santiago”. A concelleira de Compostela Aberta explicou que “é o momento de rematar con pequenas concesións como poden ser as do mantemento e limpeza das instalacións municipais, a xestión das multas ou o CAU, aproveitando que a maior permisividade en canto á taxa de reposición de efectivos ligada aos presupostos estatais”.
María Rozas explicou que a Lei de Orzamentos do Estado publicada no BOE do 29 de decembro “abre unha oportunidade para a recuperación de servizos concesionados”, en tanto que establece que para o cálculo da taxa de reposición de efectivos non se terán en conta as prazas necesarias para a posta en marcha de novos servizos nin aquelas dos servizos públicos que pasen a ser prestados mediante xestión directa. A concelleira de CA incidiu en que “esta medida apártase mínimamente da normativa vixente nos últimos anos, que ía orientada claramente a promover a privatización dos servizos, e o Concello de Santiago debe aproveitala”.
Tendo en conta estes cambios normativos, Compostela Aberta levará ao próximo Pleno unha proposición na que insta ao Goberno “a estudar os custos, beneficios e melloras da xestión directa da prestación de servizos esenciais e importantes para o funcionamento interno municipal, comezando por concesións pequenas como poden ser o CAU (o Centro de Atención ao Usuario do departamento de Informática), a xestión das multas ou o mantemento e a limpeza de edificios municipais”. Posteriormente, sinalou María Rozas, “estes estudos poderían estenderse a outros servizos básicos de maior volume, como o abastecemento de auga e saneamento, a recollida do lixo ou o alumeado público”. A concelleira lamentou que, pola contra, “o Goberno vaia na dirección oposta, cun cadro de persoal para 2022 que é continuista, que se mantén na liña neoliberal de suprimir prazas de prestación de servizos directos e de transformalas en prazas eminentemente burocráticas”. Nese sentido, cuestionou que “se ignore a realidade dun Concello no que se está implantando a administración electrónica, o que requeriría o reforzo de varios postos de traballo de xestión de redes e sistemas informáticos ou atención á cidadanía.
Rozas rematou lembrando que durante o pasado mandato o Goberno de Compostela Aberta impulsou varios estudos dos modelos de xestión dos servizos, e internalizou dous deles: o da ORA e o guindastres, que se lle encomendou a Tussa; e a asesoría xurídica municipal. Ao respecto deste último servizo, a concelleira lembrou que “cando CA chegou ao Goberno, era un bufete externo o que se encargaba da defensa legal do Concello, cun custo que se achegaba aos 500.000 euros anuais, aos que había que sumar os gastos derivados de multitude de sentenzas contrarias aos intereses municipais”. Ese escenario, sinalou, “mudou por completo coa creación dunha asesoría xurídica municipal propia, que o Goberno de Bugallo decidiu manter á vista dos seus bos resultados para o Concello”.