Hoxe tomaron posesión das súas actas María Rozas e Xan Duro, nun Pleno Extraordinario celebrado esta mañá. Ambos incorpóranse ao grupo municipal de Compostela Aberta tras as renuncias de Martiño Noriega e Rafael Peña.
María Rozas e Xan Duro ocupaban os postos 6 e 7 na lista coa que Compostela Aberta concurriu ás pasadas eleccións municipais. Ambos formaron parte do goberno de CA no pasado mandato. María Rozas ocupárase das áreas de Economía, Facenda, Persoal e Réxime Interior, e Xan Duro exercera a súa responsabiliade como concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, área esta última na que se incluían Tráfico, Seguridade e Servizos Básicos.
Como concelleira de Economía e Facenda, María Rozas foi a responsable da elaboración dos orzamentos municipais, que no pasado mandato se caracterizaron pola aposta polo gasto social, así como da implantación dunha fiscalidade máis progresiva e con maiores bonificacións no Concello de Santiago. Ademais, baixo o seu mandato impulsouse o proxecto de Orzamentos Participativos, que permitía que a veciñanza elixira directamente o destino de 1,5 millóns de euros dos presupostos municipais.


Como concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro impulsou importantes medidas para favorecer a recollida selectiva de lixo (porta a porta na zona histórica, illas de compostaxe comunitaria…), e consolidou o programa Tropa Verde. Tamén tivo un papel relevante no proceso para o cambio de localización da nova depuradora, e no lanzamento do procesode concorrencia competitiva que actualmente está en marcha para a construción da EDAR e, durante o seu mandato, incrementáronse notablemente as hortas urbanas a disposición da veciñanza de Compostela.


Tras a súa incorporación ao grupo municipal, María Rozas encargarase de facer o seguimento das áreas de Facenda e Administración, Educación, Benestar Animal, Cooperación, Comercio e Mercados. Pola súa banda, Xan Duro fiscalizará os departamentos de Medio Ambiente, Parques e Xardíns, Servizos básicos, Seguridade Cidadá, Deportes e Medio Rural.
Coas súas incorporacións, Compostela Aberta enche as vacantes que quedaran no grupo municipal tras as renuncias, no pleno do mes de xullo, de Martiño Noriega e Rafael Peña. A concelleira Marta Lois asume, nesta nova etapa, a portavocía do grupo municipal.