María Rozas esíxelle a Bugallo que informe á veciñanza das características da nova rede de transporte público

A portavoz de Compostela Aberta considera “sorprendente e preocupante que o alcalde non explique cales serán as liñas e as frecuencias dos autobuses co novo contrato, nin se manterá a proposta que fora consensuada polo Goberno de CA”

A portavoz municipal de Compostela Aberta demandoulle hoxe ao alcalde que convoque ao tecido asociativo e veciñal para informar das características da nova rede de transporte público, que Bugallo pretende sacar a licitación ao longo deste mes de abril. Para María Rozas, “é sorprendente que o Goberno siga sen aclarar cuestións como cales van ser as novas liñas de autobús ou cal será a súa frecuencia de circulación, e isto di moito sobre a súa maneira de entender a participación que teñen Bugallo e o seu equipo”.

María Rozas insistiu en que “aínda que é urxente renovar unha flota de autobuses que segue caendo a cachos, o importante é garantir un servizo público de calidade á veciñanza e iso require afondar nun novo modelo do que Bugallo non deu ningunha explicación en catro anos”. Para a portavoz municipal de CA, “é moi revelador que o alcalde non informe de cales van ser os percorridos das novas liñas de autobús e sobre que frecuencias de paso se prevén no próximo contrato, e máis cando esa é a información que lle están a solicitar desde diferentes asociacións veciñais”. Nesa liña, lamentou que “o único que está a contar Bugallo sobre a licitación do transporte é o que xa sabemos: que os autobuses serán de baixas emisións e que estarán adaptados para persoas con mobilidade reducida, cuestións que se presupoñen porque son obrigadas por lei”. 

A portavoz de Compostela Aberta lembrou que no I Foro da Mobilidade celebrado o mes pasado no centro sociocultural de Santa Marta, “recolléronse centos de propostas da veciñanza para promover a mobilidade sostible, e tal e como recoñeceu o propio Goberno as achegas máis numerosas tiñan que ver coa necesaria mellora do transporte público”. Por iso, María Rozas esixiulle ao alcalde que convoque outra xuntanza con carácter inmediato e que aclare “se o mapa de rutas e a proposta de frecuencias son as que deixara Compostela Aberta elaboradas e consensuadas coa veciñanza no anterior mandato, ou se aproveitou estes case catro anos en branco para introducir un novo deseño de transporte público que a xente tería dereito a coñecer canto antes”. 

Modelo consensuado

A portavoz de CA explicou que “no deseño do novo modelo de transporte público traballado no pasado mandato apostabamos por simplificar o mapa de rutas, pasando das 22 actuais a 11, “pero cubrindo un ámbito xeográfico aínda maior que na actualidade, grazas a un modelo con tres liñas troncais que cubrirían as rutas que suman o 60% dos viaxeiros (Romaño-CHUS, Meixonfrío-Conxo, e Camiño Francés-Tilos); outras tres liñas circulares, entre elas a da cidade histórica;  outras catro liñas radiais, e a lanzadeira ao aeroporto”. Tamén se prevía unha notable mellora en canto ás frecuencias “que serían de 10 e 12 minutos no caso das liñas troncais, e que non superarían os 30 minutos nas liñas radiais, fronte aos 60 minutos ou mesmo máis que teñen algunhas rutas na actualidade”.

Ademais, lembrou Rozas, “previamos un novo servizo de transporte a demanda para a zona rural, con vehículos máis pequenos, que chegarían a todas as parroquias, e que serían xestionados a través de Tussa”. A portavoz municipal de CA lamento que “a día de hoxe nin sequera temos a seguridade de que se manteña este modelo no novo prego que quere licitar o Goberno antes das eleccións municipais”.

Escepticismo cos prazos

A portavoz municipal de Compostela Aberta tamén se mostrou moi escéptica cos prazos manexados por Bugallo, despois de que a Oficina Nacional de Avaliación lle dera por fin o seu visto bo aos pregos do transporte público a pasada semana. O alcalde comprometeuse a iniciar a licitación do transporte público neste mes de abril e a tela resolta en seis meses, “un prazo que o propio Bugallo sabe que é moi axustado para un contrato destas características,  que desde logo non é o que estamos a ver nos procedementos iniciados por este Goberno”. María Rozas tamén advertiu “das incoherencias nas que está a caer o alcalde coas súas presas electoralistas, “porque pasou de recoñecer que a renovación da flota podería demorarse ata dous anos a afirmar que teriamos autobuses novos na rúa no prazo de 12 meses, e antes dese prazo unha renovación parcial dos vehículos”. Para María Rozas, “é evidente que o Goberno quere pisar o acelerador coa vista posta no 28 de maio, pero corre o risco de saírse na primeira curva, todo despois de perder catro anos nunha licitación para a que xa recibiu uns pregos feitos polo Goberno de Compostela Aberta”.

Novas
relacionadas

Comunicado da coordinadora de Compostela Aberta sobre as cargas policiais rexistradas ao remate da manifestación por Palestina

A coordinadora de Compostela Aberta manifesta a súa repulsa e condena diante das actuacións policiais acontecidas onte na nosa cidade, na parte final da mobilización nacional que reclamaba a paz en Palestina.

O Pleno de Santiago debaterá unha moción conxunta de CA e BNG para rexeitar o proxecto de Altri

Os dous grupos do Goberno solicítanlle á Xunta que emita un informe negativo a ese proxecto industrial contaminante pola súa afectación ambiental, patrimonial e económica

Compostela Aberta chama a participar o domingo na Manifestación en Defensa do Mar

A manifestación partirá ás 12.00 horas da Alameda de Santiago para denunciar o desleixo da Xunta e reclamar transparencia na información sobre a vertedura dos pellets

CA esixe responsabilidade á Xunta diante do desastre dos pellets e solidarízase cos municipios afectados

Compostela Aberta denuncia a incompetencia da administración autonómica, que reaccionou tarde e mal, e parabeniza á sociedade civil que está a organizarse para a recollida desta vertedura, así como ao movemento ecoloxista e asociacións en defensa das rías.

PARTICIPA

gRUPOS
DE TRABALLO

Selecciona a túa preferenza*
Podes participar en varios Grupos de Traballo