María Rozas: “Mentres algúns prometen enterrar 40 millóns de euros nunha soa rúa, CA comprométese a facer as obras precisas nos barrios e parroquias”

A candidata de Compostela Aberta reivindica que “nesta campaña quedou claro que só nós temos un proxecto claro para Santiago que nace das demandas da veciñanza”
  • María Rozas, Miguel Penas e Graciela Carro deron conta dos investimentos previstos por CA nos barrios e nas parroquias de Santiago

“Compostela Aberta é a única formación que nesta campaña electoral non entrou nunha carreira absurda para prometer a obra máis faraónica, máis innecesaria e máis irrealizable, non porque non sexamos ambiciosas, senón porque no noso programa incorporamos os proxectos que de verdade son demandados pola xente”. Díxoo hoxe María Rozas, que deu conta das actuacións que CA impulsará nos barrios e parroquias no próximo mandato. A candidata á alcaldía insistiu en que “nesta campaña quedou claro que só Compostela Aberta ten un proxecto claro para Santiago, que nace das preocupacións da veciñanza e non de ocurrencias de despacho de última hora que procuran grandes titulares máis que mellorar a vida da xente”. Por iso, explicou, “as nosas propostas en materia de obras céntranse na humanización e na dotación de equipamentos para os barrios, e nas necesarias melloras na zona rural”.

María Rozas insistiu en que non hai mellor mostra da falta de proxecto das outras organizacións que o acontecido cos programas electorais. Así, explicou que “Compostela Aberta denunciou o luns que eramos os únicos que tiñamos publicado o programa, e non foi ata entón cando o PP o transparentou na súa páxina web, o PSOE non o fixo ata onte mesmo, e o BNG segue sen telo accesible para a cidadanía a día de hoxe, na véspera da xornada de reflexión”. Para a candidata de CA, “é ainda máis sorprendente comprobar que os programas que están publicados non son plenamente coherentes cos discursos dos aspirantes á alcaldía, que tamén foron evolucionando ao longo desta campaña e da ducia de debates que tivemos nas últimas semanas”.

Rozas insistiu en que “o modelo que queremos para Compostela é claro: apostamos por unha cidade máis humanizada, máis accesible e que sexa máis vivida, e por un rural máis coidado”. Ese é o obxectivo, explicou, “das actuacións que incluímos no noso programa para os barrios e para as parroquias”.

Actuacións nos barrios

O número 4 da lista de Compostela Aberta, Miguel Penas, explicou as principais medidas incluídas no programa de Compostela Aberta para os barrios, “que seguen demandando sobre todo actuacións de mantemento, obras de humanización, e melloras en equipamentos como os parques infantís”. Entre as grandes obras que se teñen que afrontar no próximo mandato, o candidato referiuse a dúas obras de humanización: unha no eixo Castiñeiriño-Restollal-Pontepedriña “que Bugallo prometeu reiteradamente ao longo destes catro anos sen que nada se teña avanzado”; e outra no eixo San Caetano-Xoán XXIII, “para recuperar a conexión entre os barrios de Vite e das Marías, rota nos anos 70”. Neste ámbito, explicou, “tamén urxe mellorar a accesibilidade nos edificios da praza de Ultreia, a rúa de Oviedo e a avenida de Salamanca”.

Seguindo coas obras de humanización nos barrios, Miguel Penas reiterou que “Compostela Aberta non renuncia á humanización da rotonda de Conxo e esa será unha actuación que lle seguiremos demandando ao Ministerio de Fomento, para cometer tamén o proxecto da praza de Antón Fraguas”. Neste barrio, tamén serán prioritarias a reforma da avenida de Ferrol e da praza da Mercé, e a dotación dunha zona verde e dun espazo cuberto similar ao que CA deixou proxectado en Santa Marta. Nesa liña, tamén lembrou o compromiso de cubrir o parque infantil ao carón de Área Central, “que Bugallo ignorou nestes catro anos”. Tamén nas Fontiñas, executarase unha nova rotonda na confluencia das rúas Lisboa e Dublín coa rúa Londres, e habilitarase o xiro desde a rúa de Berlín cara Rodríguez de Viguri “que se suprimiu coas obras da rotonda de Concheiros, pese á oposición veciñal que segue demandando que se mellore a mobilidade neste punto”.

No programa de CA tamén figuran actuacións de humanización no Romaño, a segunda fase de Castrón D´Ouro “despois de que Bugallo, grazas á oposición veciñal e de Compostela Aberta, non puidera acometer unha obra con rebaixas que non fora a consensuada no pasado mandato”. En Sar tamén se prevé a reurbanización da rúa da Ponte de Sar e a elaboración dun proxecto para a zona dos Pexigos. Xa no Ensanche, as principais actuacións serán “a humanización de Santiago de Chile e o proxecto do bulevar do Hórreo, para mellorar a conexión da estación intermodal co Ensanche”.

Compromiso co rural

A candidata número 5 de Compostela Aberta deu conta das medidas incorporadas ao programa en relación ao rural, e salientou o compromiso de CA co Pacto polo Rural “un documento que nos comprometemos a aplicar, asegurando que o 1 por cento do orzamento municipal vai ir destinado ás parroquias, así como a totalidade das achegas dos plans provinciais da Deputación da Coruña”. Graciela Carro lembrou que “isto é algo que xa se fixo durante o pasado mandato, cando o Goberno de Compostela Aberta demostrou un compromiso co rural que non tivera ningún goberno anterior, tal e como evidencia o déficit histórico de infraestruturas e servizos nas parroquias”.

Graciela Carro explicou que a principal demanda do rural tén que ver coas redes de saneamento e abastecemento “que Bugallo pretende facernos crer que resolverá prolongando outros 25 anos o sistema de concesión da auga que en 50 anos non lles serviu ás parroquias”. Fronte a iso, insisitiu, “Compostela Aberta seguirá defendendo unha empresa municipal de auga, que permita obter beneficios que se invistan na mellora da rede, tal e como se fai noutras cidades como Valladolid”.

A número 5 da candidatura reiterou que CA “seguirá cos programas de mantemento da rede viaria do rural, destinando un millón de euros anuais a obras que se farán cos maiores estándares de calidade, e que non serán simples rebacheos como os que vimos neste mandato”, e tamén coas actuacións de mellora da seguirdade viaria e peonil. No programa de Compostela Aberta tamén figura “unha mellor planificación dos traballos de rozas, e a posta a disposición do rural do tractor comprado no pasado mandato con cargo aos orzamentos participativos, e que nestes anos traballo no ámbito urbano”. Graciela Carro referiuse tamén á dotación de espazos sociocomunitarios cubertos para as parroquias, “dándolle continuidade a un plan iniciado no pasado mandato”, a instalación de nova sinaléctica, e aos programas para poñer en valor o rural “fomentando programas de economía rural e sustentabilidade”.

Por último, Graciela Carro referiuse ao compromiso de Compostela Aberta coa veciñanza de Lavacolla “para atender as súas demandas en relación ao Plan Especial do Camiño Francés e á creación dunha oficina específica para informar e acompañar á veciñanza afectada, e para garantir os investimentos económicos necesarios para o seu desenvolvemento.

Novas
relacionadas

Comunicado da coordinadora de Compostela Aberta sobre as cargas policiais rexistradas ao remate da manifestación por Palestina

A coordinadora de Compostela Aberta manifesta a súa repulsa e condena diante das actuacións policiais acontecidas onte na nosa cidade, na parte final da mobilización nacional que reclamaba a paz en Palestina.

O Pleno de Santiago debaterá unha moción conxunta de CA e BNG para rexeitar o proxecto de Altri

Os dous grupos do Goberno solicítanlle á Xunta que emita un informe negativo a ese proxecto industrial contaminante pola súa afectación ambiental, patrimonial e económica

Compostela Aberta chama a participar o domingo na Manifestación en Defensa do Mar

A manifestación partirá ás 12.00 horas da Alameda de Santiago para denunciar o desleixo da Xunta e reclamar transparencia na información sobre a vertedura dos pellets

CA esixe responsabilidade á Xunta diante do desastre dos pellets e solidarízase cos municipios afectados

Compostela Aberta denuncia a incompetencia da administración autonómica, que reaccionou tarde e mal, e parabeniza á sociedade civil que está a organizarse para a recollida desta vertedura, así como ao movemento ecoloxista e asociacións en defensa das rías.

PARTICIPA

gRUPOS
DE TRABALLO

Selecciona a túa preferenza*
Podes participar en varios Grupos de Traballo