María Rozas no COAG: “Precisamos unha administración máis eficiente  e un Goberno máis dialogante para resolver os retos de Santiago”

A portavoz municipal mantén unha xuntanza cunha representación do Colexio Oficial de Arquitectos para presentar as propostas de Compostela Aberta en materia de mobilidade, mellora dos espazos públicos ou vivenda “despois dun mandato perdido para a veciñanza”

A portavoz municipal de Compostela Aberta mantivo onte un encontro cunha representación do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, encabezada polo presidente da delegación compostelá da entidade, Ángel Cid. María Rozas aproveitou a reunión para relatar algunhas das propostas de CA en materia de urbanismo, mobilidade, vivenda ou modernización da administración local, e recolleu tamén as achegas do COAG. Na xuntanza tamén participou o concelleiro Jorge Duarte.

María Rozas explicou diante dos representantes do COAG que “Compostela Aberta tén claro o seu modelo de cidade e cales son os retos aos que se enfronta Santiago, pero tamén somos conscientes de que para resolvelos debemos ter unha administración máis eficiente”. A portavoz de CA incidiu en que “hai que seguir avanzando na modernización do Concello, que acumula moitos anos de atraso con respecto a outras cidades galegas: a administración electrónica empezouse a implementar en Santiago durante o pasado mandato co Goberno de Compostela Aberta, case vinte anos despois que en Vigo”. Para Rozas, “esta situación inflúe en cuestións que lle afectan directamente ao desenvolvemento da cidade, como é a lentitude na tramitación das licenzas”. 

Máis diálogo para afrontar os retos de futuro

A concelleira de Compostela Aberta lembrou que “no programa electoral co que se presentou en 2019, Bugallo prometía reducir o prazo para a concesión de licenzas a un máximo dun mes, pero sen facer ningunha proposta para conseguilo”. Nesa liña, Rozas apostou por “explorar os sistemas innovadores que se están utilizando noutras cidades para axilizar a tramitación das licenzas e tamén por reforzar a colaboración co Colexio de Arquitectos a través de protocolos como os que están en vigor noutros concellos galegos”. “Todo iso”, salientou, “debe ir acompañado dun reforzo dos medios humanos, agora que se flexibilizaron os límites para a contratación de persoal na administración pública, porque non se poden xustificar os atrasos na tramitación na situación de baixa laboral dos funcionarios como vén facendo este Goberno”. Tamén apostou por “establecer as dinámicas de colaboración e diálogo que faltaron nos últimos anos, que permitirían afrontar con máis seguridade cuestións como a elaboración de pregos para diferentes licitacións que acabaron quedando desertas, para a aprobación de proxectos,  ou mesmo para o desenvolvemento das obras”.

Mobilidade, humanización do espazo público e vivenda 

Na reunión co COAG María Rozas sinalou que “Compostela Aberta cre que o da mellora da mobilidade é un dos grandes retos para Santiago, no que levamos catro anos perdidos porque neste mandato nin se aprobou o Plan de Mobilidade nin se iniciou a licitación do novo contrato do transporte público”. A concelleira incidiu en que “urxe apostar por unha mobilidade máis sostible, que tén como obxectivo último recuperar o espazo público para as persoas, humanizar as rúas, e facer deSantiago un lugar mellor para vivir”. Nesa liña, Rozas sinalou que “neste reto é fundamental a visión dos e das profesionais da arquitectura, que traballan en prol dun urbanismo que cada vez lle dá máis protagonismo á xente”. Por iso, a candidata de Compostela Aberta mostrou a súa intención de “reforzar tamén a colaboración co COAG para a redacción dos proxectos que consideramos estratéxicos para Santiago, como a humanización de Xoán XXIII para mellorar a conexión entre os barrios de Vite e das Marías, a mellora da accesibilidade en diferentes puntos da cidade, ou as reurbanizacións pendentes no Ensanche”.

Rozas tamén apostou por “reactivar a construción da vivenda de protección en Santiago, non só sendo reivindicativos diante da Xunta de Galicia senón tamén con instrumentos propios como foi Emuvissa”. Ao respecto, a portavoz de Compostela Aberta lembrou que a recuperación da empresa municipal de vivenda foi unha das grandes promesas electorais de Bugallo, “e xa só lle quedan catro meses para cumprila, e non vemos que se estean dando os pasos necesarios para conseguilo”. María Rozas mostrou o seu convencemento de que “ter máis vivenda a prezos accesibles é fundamental para a vitalidade de Santiago, azoutada polo incremento dos prezos de alugueiro e pola proliferación de pisos turisticos, sobre todo na cidade histórica”. Nesa liña, concluiu, “tamén é lamentable que o Goberno de Bugallo perdera catro anos e tirara pola borda o traballo que se fixera durante o pasado mandato para a modificación do Plan Especial da Cidade Histórica, que este Goberno renunciou finalmente a aprobar ainda sabendo que é un instrumento fundamental para a revitalización da zona vella”.

Novas
relacionadas

Compostela Aberta chama a participar o domingo na Manifestación en Defensa do Mar

A manifestación partirá ás 12.00 horas da Alameda de Santiago para denunciar o desleixo da Xunta e reclamar transparencia na información sobre a vertedura dos pellets

CA esixe responsabilidade á Xunta diante do desastre dos pellets e solidarízase cos municipios afectados

Compostela Aberta denuncia a incompetencia da administración autonómica, que reaccionou tarde e mal, e parabeniza á sociedade civil que está a organizarse para a recollida desta vertedura, así como ao movemento ecoloxista e asociacións en defensa das rías.

CA, BNG e PSdeG-PSOE asinan un acordo orzamentario que pon por riba de todo os intereses da veciñanza de Santiago de Compostela

Goretti Sanmartín, María Rozas e Aitor Bouza coinciden en cualificar o orzamento municipal como social, igualitario e deseñado para o mantemento dos barrios e das parroquias

Moción conxunta para reclamarlle á Xunta que cumpra con Santiago e resolva o caos de tráfico e de falta de aparcadoiro no CHUS

María Rozas, Gonzalo Muíños e Míriam Louzao presentan unha iniciativa para que a Xunta asuma a súa competencia e realice o investimento necesario

PARTICIPA

gRUPOS
DE TRABALLO

Selecciona a túa preferenza*
Podes participar en varios Grupos de Traballo