María Rozas: “No próximo mandato hai que tomar decisións sobre a auga, e CA non renuncia á xestión directa nin permitirá que gobernen as concesionarias”

A candidata de CA á alcaldía e o número 2, Xan Duro, insisten en que "hai que continuar o camiño iniciado no pasado mandato, porque hai datos que avalan que a xestión directa é o mellor modelo para os intereses da veciñanza"

 “Compostela Aberta non vai renunciar á xestión directa do ciclo integral da auga en Santiago e impulsará no próximo mandato todos os estudos que sexan necesarios para decidir cal é o modelo máis acaído para os intereses da veciñanza”. Reiterouno hoxe a candidata á alcaldía, que lamentou que “Bugallo se peche en banda a avaliar calquera opción que non sexa a concesión privada, ainda cando os seus compañeiros de partido dan pasos no camiño da municipalización deste servizo esencial, como vén de acontecer en Ames”. Para María Rozas, “o aspirante do PSOE á reelección debe explicarlle á veciñanza cales son os seus motivos para nin sequera estudar alternativas, porque cada vez parece máis claro é que Bugallo non quere pedir informes por temor a que non lle dean a razón”.

A cabeza de lista de Compostela Aberta para as próximas eleccións municipais e o número 2 da candidatura, Xan Duro, explicaron  hoxe en rolda de prensa que “CA comprométese no seu programa electoral a realizar todos os estudos previos para decidir cal é o modelo de xestión do ciclo integral da auga máis sostible, eficiente e beneficioso para os intereses de toda a veciñanza”. Rozas insistiu en que “nós temos o convencemento de que ese modelo é o da xestión directa, porque así o avalan informes realizados noutras cidades e a experiencia daquelas na que o servizo xa foi municipalizado, e por iso, ao contrario que Bugallo, non lle temos medo nin aos informes nin ás comisións de estudo”.

Retomar o traballo iniciado no pasado mandato

María Rozas lembrou que “Compostela Aberta xa iniciou no pasado mandato este traballo de análise e estudo, e encargou diferentes auditorías do servizo da auga que tiñan como obxectivo avaliar cal era o modelo máis sostible e eficiente, o modelo que máis lle convén aos intereses da veciñanza”. Un deses estudos, explicou, foi unha auditoría económica que concluía que os ingresos xerados polo servizo permitirían reducir a tarifa da auga ata nun 13% e, ao tempo, abordar investimentos na rede de case 1,5 millóns de euros anuais, “unha cifra que cremos que pode ser moi superior, porque a realidade é que non tivemos acceso a todos datos requiridos á empresa que xestiona o ciclo da auga en Santiago desde hai 50 anos”.

Nesa liña, a candidata de Compostela Aberta sinalou que a auditoría encargada no pasado mandato alertaba tamén da perda de control do servizo da auga por parte do Concello, despois dunha prolongada concesión que, tamén sinalaba o informe externo, “foi acumulando sucesivas e múltiples modificacións substanciais que beneficiaron de forma preferente á concesionaria”. A maiores, o informe puxo de manifesto que “a empresa Viaqua imputou custos excesivos ou improcedentes na explotación do servizo”. María Rozas salientou que a auditoría sinalaba, en concreto, que o custo imputado en concepto de reparacións e materiais por parte da concesionaria chegaba a sumar máis de 4 millóns de euros en 5 anos, “sen que se dispoña de documentación que acredite este volume de gasto”. Para a candidata de CA, “este informe debe ser completado no próximo mandato, urxe clarificar cal é a situación da concesión do ciclo da auga, e ter todos os datos para tomar unha decisión sobre cal é o mellor modelo para Santiago”.

A maiores desta auditoría económica, lembrou Xan Duro, no pasado mandato tamén se encargou un informe sobre a situación do sistema da auga, que foi elaborado por Emalcsa, a empresa municipal de augas da Coruña. Ese estudo dá conta da situación de obsolescencia de determinadas infraestruturas do ciclo integral da auga, e volve poñer de manifesto as dificultades do Concello para coñecer datos relevantes sobre o servizo que figuran en distintas plataformas informáticas de xestión  aos que non tén acceso a administración municipal. 

O caso de Ames

Xan Duro e María Rozas referíronse á decisión adoptada polo Pleno do Concello de Ames para o cambio da forma de xestión da auga, que deixará de estar en mans privadas para pasar a depender dunha empresa pública municipal. O concelleiro de CA recoñeceu “certa envexa por ver como un alcalde socialista leva ao Pleno esta proposta, asumindo o ditame da Comisión de Estudo creada para determinar cal é o modelo de xestión máis sostible e eficiente para o concello”, e recoñeceu tamén o empeño da concelleira de Facenda, Genma Otero (Contigo Pódese), e do edil Quique Costas (Ames Novo), “que levan desde 2015 defendendo a municipalización do servizo en Ames”. Duro lamentou que Bugallo “non siga neste asunto o exemplo do seu compañeiro de partido Blas García, que mesmo aproveitou a presenza en Santiago da concelleira responsable da municipalización da auga en Valladolid para participar nun acto organizado por Compostela Aberta e mantivo con ela unha xuntanza que lle permitiu coñecer a súa experiencia coa xestión directa do servizo”.

María Rozas insistiu en que “os informes elaborados en Ames din que a xestión directa suporá un aforro económico para o concello, a creación de postos de traballo e a posibilidade de estender e mellorar a rede, sobre todo no rural; obxectivos que tamén deberamos marcarnos en Santiago e cos que tamén debera de concordar Bugallo”. Nese sentido, pediulle ao alcalde e  candidato á reelección “que dea explicacións máis cribles sobre por que o modelo de Ames non é aplicable en Santiago, porque o seu único argumento segue sendo que a rede de Compostela precisa un enorme investimento que non só pode acometer unha empresa privada, é dicir, Bugallo empéñase en facernos crer que a solución a unha rede obsoleta despois de 50 anos de concesión privada da auga é prolongar ese mesmo modelo outros 25 anos máis”. Nesa liña, tamén instou a Bugallo a aclarar “cal é o investimento que precisa a rede, porque leva meses cun baile e cifras que xera ainda máis dúbidas sobre cal é o coñecemento que tén do servizo”

Valladolid: 50 millóns de investimentos na rede licitados en 5 anos

A candidata de CA referiuse ao caso de Valladolid, que municipalizou o servizo da auga hai seis anos “tamén cun alcalde socialista e cunha concelleira de Valladolid Toma la Palabra”. A candidata de CA explicou que neste tempo “os ingresos municipais en concepto do canon da auga pasou de 5,6 a 11 millóns de euros, conxeláronse as tarifas, introducíronse novas bonificacións”. Ademais, salientou que en cinco anos “a empresa municipal que xestiona a auga en Valladolid licitou investimentos na rede por importe de 50 millóns de euros, unha cifra que equivale á metade do déficit de investimentos que se estimaba despois de vinte anos de servizo privatizado”. Para este ano 2023, a empresa Aquavall aprobou investimentos por tres millóns de euros, ao tempo que lanzou unha oferta de emprego público con sete prazas. A candidata de Compostela Aberta salientou, ademais, que o modelo de xestión directa da auga “permite que ese investimentos de mellora na rede saian a licitación e poidan ser acometidos por empresas locais, e non queden sempre nas mans da mesma empresa concesionaria como acontece agora”. 

Rozas incidiu en que “a xestión da auga non é só unha cuestión ideolóxica, é unha cuestión de números, de ver cal é a opción máis rendible”. A candidata de CA insistiu en que “non é crible que vaia funcionar nos próximos 25 anos o modelo que non funcionou nos últimos 50 anos, que deixou un enorme déficit de investimentos”. “Esa situación tamén é responsabilidade de Bugallo, que estivo 32 anos ocupando cargos no Concello, primeiro como xefe de gabinete, despois como concelleiro e finalmente como alcalde”.

Novas
relacionadas

María Rozas: “Os orzamentos da Xunta son decepcionantes para Santiago e non serven para resolver os problemas da veciñanza”

A portavoz municipal de Compostela Aberta e tenenta de alcaldesa de Santiago cualificou hoxe de “decepcionantes e insuficientes” os orzamentos da Xunta para 2025 no que tén que ver coa capital galega. María Rozas explicou que “se sobre o papel as contas manteñen moitas débedas con Compostela, tememos que na súa execución a cousa só vaia a peor, como vén acontecendo nos últimos anos en cuestións de enorme importancia como poden ser as políticas de

Comunicado da coordinadora de Compostela Aberta sobre as cargas policiais rexistradas ao remate da manifestación por Palestina

A coordinadora de Compostela Aberta manifesta a súa repulsa e condena diante das actuacións policiais acontecidas onte na nosa cidade, na parte final da mobilización nacional que reclamaba a paz en Palestina.

O Pleno de Santiago debaterá unha moción conxunta de CA e BNG para rexeitar o proxecto de Altri

Os dous grupos do Goberno solicítanlle á Xunta que emita un informe negativo a ese proxecto industrial contaminante pola súa afectación ambiental, patrimonial e económica

Compostela Aberta chama a participar o domingo na Manifestación en Defensa do Mar

A manifestación partirá ás 12.00 horas da Alameda de Santiago para denunciar o desleixo da Xunta e reclamar transparencia na información sobre a vertedura dos pellets

PARTICIPA

gRUPOS
DE TRABALLO

Selecciona a túa preferenza*
Podes participar en varios Grupos de Traballo