María Rozas: “No servizo de conciliación para as familias, o Goberno de Bugallo vai de chapuza en chapuza”

A concelleira de Compostela Aberta denuncia que “a ampliación de prazas que anunciou o concelleiro de Educación a través da prensa e o programa aprobado hoxe na Xunta de Goberno para o CEIP Pío XII seguen sendo insuficientes para atender a demanda existente”
  • CA lamenta que o Goberno “non atendera as reclamacións da oposición e das ANPAs, que levan semanas advertindo da necesidade de recuperar o programa de conciliación”

Compostela Aberta lamenta que o Goberno local “siga poñendo parches para solucionar un problema que el mesmo creou, ao non organizar en tempo e forma un programa de conciliación de verán acaído para as familias de Santiago”. A concelleira María Rozas cualificou de “chapuceira” a xestión da concellería de Educación, “que agora improvisa unha actividade no CEIP Pío XII e amplía minimamente a oferta nos centros socioculturais, sabedora do malestar existente entre a comunidade educativa e do que o grupo municipal de CA xa lle viña alertando desde hai meses ao edil Rubén Prol”. Para Rozas, “especialmente grave é a actitude do alcalde Bugallo, que hoxe evidenciou a súa falta de interese en atender as demandas das familias de Compostela”.

Para Compostela Aberta, a suposta “ampliación da oferta de conciliación de verán” que o Goberno publicitou esta fin de semana nos medios de comunicación non é máis que “unha operación de lavado de imaxe que non vai solucionar os problemas das familias”. Nese sentido, María Rozas explicou que, á espera de coñecer polo miudo o acordo adoptado hoxe pola Xunta de Goberno, “do que Bugallo evitou dar detalles nin explicacións, os números adiantados polo concelleiro Rubén Prol nos medios mostran que non se está a garantir que as familias que o precisan poidan recorrer ao servizo municipal de conciliación”. A concelleira de CA lembrou que  no programa Vive o Verán “que o Goberno de Bugallo quixo vender como se fora o programa de conciliación de verán” houbo 173 preinscricións para as 60 prazas ofertadas nos centros socioculturais da zona urbana. Polo tanto, explicou, “o Concello sabe que xa hai como mínimo 113 nenos e nenas sen praza, e para eles está anunciando agora unha ampliación que resulta claramente insuficiente, con 75 prazas nun campamento de inglés no CEIP Pío XII, que xa conta con case 700 alumnos e alumnas; e 5 prazas máis nos centros socioculturais de Vite, Fontiñas e Santa Marta”. Máis grave é aínda a situación da zona rural, onde se rexistraran 229 inscricións para as 90 prazas ofertadas no programa Vive o Verán, “e polo que hoxe se anuncia na prensa, o Goberno non prevé ningunha solución para eses 139 nenos e nenas que quedaron sen praza, nunha nova mostra de que para o Goberno de Bugallo a veciñanza do rural é de segunda”.

A concelleira preguntouse tamén como vai organizar o Concello as inscricións nestas novas prazas, se terán algún tipo de preferencia os nenos e nenas que quedaron fóra no programa Vive o Verán ou se abrirá un novo proceso. Ao respecto, sinalou que “é probable que moitas familias non estiveran interesadas no programa dos centros socioculturais, polas súas especiais características, pero sí o estean no anunciado campamento de inglés no Pío XX; e é probable tamén que algunhas crianzas se inscribiran no Vive o Verán porque non existía outra alternativa, que se anuncia a só dúas semanas das vacacións escolares”. 

María Rozas lembrou, ademais, que o programa Vive o Verán segue sen ser un programa de conciliación válido para moitas familias, “porque cada centro oferta actividades para un rango de idade determinado, de maneira que hai familias con fillos e fillas de distintas idades que teñen que repartir ás crianzas por distintos centros, no caso de que consigan praza para todas elas”. A concelleira de Compostela Aberta lamentou que “o Goberno de Bugallo improvise deste xeito cando faltan dúas semanas para que finalice o curso escolar, e cando xa moitas familias procuraron alternativas para a conciliación, en moitos casos no sector privado, porque o Concello lles transmitira que non ía haber máis oferta que a que presentaron no seu momento os concelleiros Rubén Prol e Javier Fernández”.

Para Compostela Aberta, o acontecido co programa de conciliación “é o mellor exemplo da actitude deste Goberno cheo de soberbia, que non escoita nin á oposición nin aos diferentes colectivos de Santiago”. Neste sentido, María Rozas lembrou que “o grupo municipal de CA leva meses advertíndolle a Rubén Prol da necesidade de manter os programas de conciliación que levan anos existindo no Concello de Santiago, pero o concelleiro non quixo escoitar nin á oposición nin ás ANPAs e preferiu manterse na desculpa da baixa demanda pola Covid ata que a teimuda realidade lle puxo diante os datos e viu que máis de 250 nenos e nenas de Compostela quedaban sen praza nas actividades que organizou o departamento de Centros Socioculturais”.

Novas
relacionadas

Moción conxunta para reclamarlle á Xunta que cumpra con Santiago e resolva o caos de tráfico e de falta de aparcadoiro no CHUS

María Rozas, Gonzalo Muíños e Míriam Louzao presentan unha iniciativa para que a Xunta asuma a súa competencia e realice o investimento necesario

“Nos primeiros cen días de Goberno atendimos urxencias como a dos autobuses, recuperamos o diálogo social, e reconducimos o proxecto do Centro de Persoas sen Fogar” 

O Goberno mantivo un encontro cos medios de comunicación para facer balace dos cen primeiros días de mandato

“Para CA, o responsable cos veciños era estar no goberno e aportar estabilidade”

Entrevista a María Rozas, concellería de Dereitos e Servizos Sociais e primeira tenente de alcaldesa

María Rozas: “Asinamos un bo acordo para Santiago, que atende ao que nos pediu a veciñanza: un goberno de esquerdas e plural”

Compostela Aberta e BNG asinaron as bases do acordo de goberno transformador para Santiago durante o mandato 2023-2027

PARTICIPA

gRUPOS
DE TRABALLO

Selecciona a túa preferenza*
Podes participar en varios Grupos de Traballo