- Rozas lamentou “as mentiras de Marta Abal, que nin sequera se molestou en ler a lista de propostas que lle entregou CA, e que son as mesmas do ano pasado”
María Rozas urxiu hoxe ao Goberno a “levar os orzamentos municipais de 2022 ao Pleno canto antes, sen agardar á data do 15 de xaneiro anunciada polo alcalde”. Para a concelleira de Compostela Aberta “non hai ningún motivo para atrasar ese trámite, porque é evidente que Bugallo non ten ningunha intención de negociar coa oposición, e prefire someterse á cuestión de confianza antes de asumir que goberna en minoría e que debera escoitar as peticións que lle formulamos desde os outros grupos”. Rozas insistiu: “se o Goberno non pón xa en marcha a maquinaria para a aprobación dos orzamentos é porque en realidade non teñen pechado o seu traballo e non hai ainda documento que levar ao Pleno”.
María Rozas explicou que “a día de hoxe seguimos sen ter a información sobre os orzamentos do 2022 que lle solicitamos ao Goberno, na primeira e única reunión á que fomos convocadas o pasado día 17”. A concelleira insistiu en que nese encontro “tan só se nos facilitou o orzamento de ingresos, e unha información xenérica centrada nos proxectos cos que o Concello de Santiago quere aspirar aos fondos europeos de reconstrución, e para os que este Goberno en minoría non quixo contar en ningún momento coa opinión dos demais grupos”. En canto aos gastos, Rozas reiterou que “na reunión preguntamos polos investimentos, porque é un dos poucos apartados nos que hai marxe de negociación, e aínda que Bugallo e a concelleira Marta Abal dixeron que ese capítulo estaba practicamente pechado, negáronse a darnos información nese momento e tampouco nola facilitaron aínda, dez días despois”. O mesmo aconteceu, sinalou, con respecto á información do orzamento por áreas de gasto, “que seguimos descoñecendo”.
Os enredos de Bugallo e Marta Abal
A concelleira de Compostela Aberta explicou que “esa reunión celebrada hai dez días deixounos máis que claro que o Goberno non ten ningunha vontade real de negociar, que convocaron ese encontro nun simple exercicio de disimulo, e coa única intención de gañar tempo para terminar de facer o seu traballo”. Esas intencións quedaron confirmadas o pasado mércores, sinalou Rozas, “cando a concelleira de Facenda mentiu en rolda de prensa ao asegurar que non tiña ningunha proposta dos grupos da oposición para a súa inclusión nos orzamentos”. Tal e como explicou Rozas, “Compostela Aberta achegoulle ao Goberno as súas propostas, porque son as mesmas que xa lles entregamos para os orzamentos de 2020 e de 2021 e que non foron atendidas”. Para a edila de CA, “é indignante ver como o Goberno nin sequera le os papeis que lles entregamos, ata o punto de que no Pleno de onte Marta Abal invitounos incluir na negociación das contas proxectos que non executaron dos Orzamentos Participativos, proxectos que xa figuran nesa lista de propostas que teñen, non desde hai dez días, senón desde hai máis dun ano”.
Execución orzamentaria
A concelleira de Compostela Aberta invitou a Bugallo e a Marta Abal “a exerceren as súas responsabilidades, a dicir claramente que non van negociar nada, e a convocar xa a Comisión de Facenda e despois o Pleno”. Para ela, é evidente cales son as intencións do Goberno: “culpar á oposición de que Santiago comece o ano con orzamentos prorrogados, e atribuirnos todas as responsabilidades do atraso na aprobación das contas e, posteriormente, de que non dea tempo a executalas”. Ao respecto, Rozas lembrou que “os datos que vimos de coñecer da execución do orzamento de 2021 son moi preocupantes, porque a 30 de setembro só se executara un 9 por cento do capítulo de investimentos, a mesma porcentaxe en Promoción e Fomento do Deporte, ou 0 euros nas Áreas de Rehabilitación Integral”.