Plan de Contratación de 2020

María Rozas: “O balance do Plan de Contratación de 2020 ratifica que a soberbia do Goberno de Bugallo é tan grande como a súa incapacidade”

Compostela Aberta solicita explicacións no Pleno sobre o cumprimento do Plan de Contratación de 2020 e a presentación dos Plans de 2021 e 2022

Compostela Aberta vén de solicitar a comparecencia da concelleira de Facenda e Persoal no Pleno da Corporación para facer balance do cumprimento do Plan de Contratación de 2020 e para explicar os motivos polos que non se presentaron os Plans de Contratación correspondentes aos anos 2021 e 2022. A concelleira María Rozas lembrou que na presentación daquel documento “tanto Marta Abal coma o alcalde incidiron en dúas cuestións: que os 800 millóns de euros das licitacións contempladas no Plan contribuirían a reactivar a economía de Santiago, e que a presentación do documento era unha obriga legal”. Rozas salientou que “case dous anos despois, o primeiro é evidente que non se cumpriu, e do segundo parece terse esquecido o Goberno de Bugallo”.

O alcalde e a concelleira de Facenda presentaron o Plan de Contratación de 2020 o 5 de xuño dese ano, e explicaron que o documento incluía 113 contratos por un importe total de case 800 millóns de euros. María Rozas lembrou que “desa cifra coa que Bugallo procurou grandes titulares propagandísticos, a realidade é que a maior parte corresponde a licitacións que dous anos despois  non se teñen iniciado”. A concelleira de CA sinalou que “só os contratos da auga, do transporte público e dos servizos enerxéticos, que ainda non se empezaron a tramitar, suman 600 deses 800 millóns de euros dos que tanto presumiu o alcalde en 2020, e a esa cifra aínda habería que sumarlles moitos outros contratos máis pequenos que o Goberno non foi quen de sacar nestes dous anos”. Por iso, Rozas instou a Marta Abal a explicar no Pleno “cal é a día de hoxe o grao de cumprimento do Plan de Contratación de 2020, e cantas das licitacións incluídas nese documento foron iniciadas e adxudicadas no período de vixencia do Plan”. 

A concelleira de Compostela Aberta invitou á concelleira de Facenda “a dar explicacións máis cribles que as que deu en Pleno hai un ano, tamén a instancias de CA”. Naquel momento, Marta Abal aseguraba que o Plan de Contratación se estaba cumprindo na súa totalidade, “pero a realidade é que un ano despois segue habendo licitacións pendentes, outras que seguen sen estar resoltas, e moitas son as que sofren atrasos ou quedan desertas, como aconteceu con contratos vinculados á EDUSI ou cun dos lotes do contrato de Centros Socioculturais”.

Por todo isto, para María Rozas “resulta evidente que o Goberno non cumpriu as súas propias expectativas no que ten que ver co número e contía das licitacións, pero tampouco no que segundo asegurou Marta Abal era o primeiro obxectivo do Plan de Contratación: facer unha planificación que permitira acabar coa excesiva utilización do contrato menor”. De feito, sinalou María Rozas, “en 2020, no ano de vixencia do Plan de Contratación, acadouse o récord de contratos menores, con oito millóns de euros licitados por esta vía, o dobre que en 2018”. 

Pendentes dos novos Plan de Contratación

A concelleira de Compostela Aberta tamén pedirá no Pleno que o Goberno explique os motivos polos que non presentou o Plan de Contratación de 2021, “ainda cando Marta Abal afirmou no Pleno de xuño do ano pasado que ese documento se estaba ultimando e que sería un plan de máximos”; e que dea conta do estado no que se atopa a elaboración do Plan de Contratación de 2022. Para María Rozas, “resulta sorprendente que non teñamos noticias deses dous documentos, cando a concelleira de Facenda e o propio alcalde incidiron en que a presentación do Plan de Contratación era unha obriga legal, e mesmo presumiron de que só os gobernos máis ambiciosos eran capaces de poñer ese documento sobre a mesa”. A concelleira de CA preguntouse se o Goberno de Bugallo “perdeu toda a ambición da que facía gala en xuño de 2021 ou se simplemente está asumindo a realidade que coñece xa toda a veciñanza: que a súa soberbia é tan grande como a súa incapacidade”. Para María Rozas, “Bugallo e Marta Abal confundiron as obrigas legais coa propaganda, confundiron a planificación con facer un Power Point de cinco follas, e agora deben render contas diante do Pleno e da veciñanza”.

Documentación
relacionada
Solicitude de comparecencia sobre o plan de contratación de 2020 e as previsións do goberno sobre o plan de contratación de 2022
Novas
relacionadas

Comunicado da coordinadora de Compostela Aberta sobre as cargas policiais rexistradas ao remate da manifestación por Palestina

A coordinadora de Compostela Aberta manifesta a súa repulsa e condena diante das actuacións policiais acontecidas onte na nosa cidade, na parte final da mobilización nacional que reclamaba a paz en Palestina.

O Pleno de Santiago debaterá unha moción conxunta de CA e BNG para rexeitar o proxecto de Altri

Os dous grupos do Goberno solicítanlle á Xunta que emita un informe negativo a ese proxecto industrial contaminante pola súa afectación ambiental, patrimonial e económica

Compostela Aberta chama a participar o domingo na Manifestación en Defensa do Mar

A manifestación partirá ás 12.00 horas da Alameda de Santiago para denunciar o desleixo da Xunta e reclamar transparencia na información sobre a vertedura dos pellets

CA esixe responsabilidade á Xunta diante do desastre dos pellets e solidarízase cos municipios afectados

Compostela Aberta denuncia a incompetencia da administración autonómica, que reaccionou tarde e mal, e parabeniza á sociedade civil que está a organizarse para a recollida desta vertedura, así como ao movemento ecoloxista e asociacións en defensa das rías.

PARTICIPA

gRUPOS
DE TRABALLO

Selecciona a túa preferenza*
Podes participar en varios Grupos de Traballo