- Compostela Aberta denuncia que o Goberno vén de iniciar a licitación do novo contrato “cuns pregos que empeoran o servizo e que ningunean ás familias”
- O Goberno acaba de aprobar unha orde de continuidade da xestión do servizo de madrugadores e comedores contra a vontade manifestada pola empresa, “unha circunstancia que explica a demora na apertura dos prazos de inscrición no servizo”
“Unha burla ás ANPAs e ás familias”. Así cualificou a concelleira María Rozas a actuación do Goberno de Bugallo, tras coñecer que a Xunta de Goberno adoptou o pasado martes dous importantes acordos en materia de Educación dos que non informou publicamente: a orde de continuidade para os madrugadores e comedores escolares e a apertura do prazo de inscrición para o vindeiro curso; e o inicio do procedemento de licitación do servizo. A concelleira de Compostela Aberta preguntouse “qué teñen que esconder Bugallo e o seu edil de Educación para actuar deste xeito, e que máis tén que pasar para que Rubén Prol sexa apartado do seu cargo”.
María Rozas explicou que a Plataforma de Contratación do Estado publicou onte o inicio de licitación do servizo de madrugadores e comedores escolares, “un expediente que foi aprobado pola Xunta de Goberno o pasado 26 de xullo e do que non se informou, nin na rolda de prensa que ese día ofreceu o alcalde, nin na nota de prensa que posteriormente foi publicada na páxina web municipal”. Tampouco se fixo comunicación doutro acordo aprobado no mesmo 26 de xullo pola Xunta de Goberno: a orde de continuidade do contrato de madrugadores e comedores escolares e os prazos e procedemento de admisión no servizo para o curso escolar 2022-2023.
Dúbidas sobre a calidade do servizo no comezo do novo curso
A concelleira de Compostela Aberta considerou “unha auténtica tomadura de pelo que non se informara de inmediato deste acordo, cando a Federación de ANPAs de Santiago levan días denunciando o atraso na apertura destes prazos, unha demora que volve causar enormes prexuízos ás familias que non teñen claro que servizos terán ao seu dispor no próximo curso para facilitar a conciliación”. Para Rozas “nada xustifica que tendo aprobado ese acordo xa con moito atraso no martes 26 de xullo, non se lle comunique de inmediato ás familias, e máis estando ás portas do mes de agosto no que a maioría están de vacacións, e nada xustifica que tendo xa aprobado ese expediente, o alcalde afirmara nun medio de comunicación que previsiblemente a cuestión dos comedores estaría resolta no día de hoxe”. Ademais, a concelleira incidiu en que “o expediente clarifica cal foi o motivo desta demora, que Bugallo tamén quixo ocultar: que a empresa encargada dos madrugadores e comedores comunicou o 21 de xuño que non estaba disposta a seguir prestando o servizo, que xa non ten contrato en vigor nin posibilidade de prórroga”. De feito, sinalou, “a empresa tamén vén de presentar unha nova instancia reclamando unha modificación do contrato para atender a suba dos prezos, que o Goberno rexeita nunha Xunta de Goberno posteriori, e que nos deixa serias dúbidas sobre cales van ser as condicións nas que se vai prestar o servizo no inicio do novo curso”
Precipitación e inseguridade na nova licitación
María Rozas foi ainda máis crítica no que tén que ver coa nova licitación do servizo, “na que o Goberno de Bugallo actuou de maneira precipitada e case que irresponsable, como se pode deducir do repaso cronolóxico do expediente”. A concelleira de CA explicou que o primeiro informe económico para a licitación, encargado a unha consultora externa, ten data de marzo, e a partir dese estudo o Goberno preparou uns pregos en maio. Con data de 20 de xullo, emitiuse un informe xurídico sobre eses pregos que requiría unha serie de modificacións en apartados como o de persoal, valoración das ofertas, e mesmo o orzamento da licitación. María Rozas incidiu en que “sorprendentemente, ao día seguinte dese informe xurídico,o 21 de xullo, a consultora contratada para elaborar o informe económico do servizo entregou un novo estudo coas modificacións sinaladas no informe xurídico; e o 22 de xullo, o Goberno xa tiña corrixidos os pregos”.
A concelleira de Compostela Aberta sinalou que “desta precipitación coa que actuou o Goberno dá boa conta o informe do interventor, que sinala que o expediente completo entrou na intervención municipal pasadas as dúas da tarde do venres 22 de xullo, polo que non foi recibido por el ata o propio 26 de xullo, o mesmo día no que o equipo de Bugallo aprobou o expediente en Xunta de Goberno”. Polo tanto, e como recoñece o propio interventor, “non se puido realizar unha revisión completa e exhaustiva do expediente, ainda cando falamos dun servizo tan sensible como o de madrugadores e comedores escolares”. Ademais, a Intervención advirte no seu informe algunhas cuestións preocupantes “como a falta dun informe de tesourería, ou das inconcrecións do estudo esconómico”. Rozas sinalou que “este proceder, esta inseguridade, súmase ao feito de que o prazo que se fixa para a presentación de ofertas remata o 31 de agosto, xusto un mes no que a maioría das empresas e tamén a administración funcionan a medio gas”.
Afrenta ás ANPAs
María Rozas incidiu en que “o máis grave desta maneira de actuar do Goberno de Bugallo é que é un insulto para a Federación de ANPAs, que leva meses reclamando, sen éxito, ser escoitada polo edil de Educación”. Para a concelleira, “tras unha primeira lectura dos pregos que vén de aprobar a Xunta de Goberno queda claro o motivo polo que nin Rubén Prol nin o alcalde queren atender á FANPA: porque saben que non responderon nin a unha soa das súas demandas, que non a tiveron en conta, e que o servizo vai empeorar con esta nova licitación”. Así, a concelleira de Compostela Aberta sinalou que “é moi grave que os novos pregos supriman a obrigatoriedade de crear unha comisión tripartita de seguimento do servizo, un órgano que fora impulsado durante o pasado mandato e do que formaban parte as ANPAs, e que se mantivo no procedemento de adxudicación de 2019”.
Ademais, Rozas denunciou que os pregos conteñen outras cuestións preocupantes, como que a distancia máxima das cociñas queda fixada en 151 quilómetros, fronte aos 130 da última licitación impulsada por CA en 2017; reduce as racións semanais de verdura, que pasan de 5 a 3, e de legumes, que pasan de dúas a só unha; e tamén sinala que nos almorzos deberáse servir froita un mínimo de catro días por semana, cando no prego de 2017 se falaba de unha ou dúas pezas de froita diarias”.
A concelleira de Compostela Aberta advertiu tamén que “este procedemento de licitación ten un prazo de execución de 18 meses, prorrogables por dous anos, uns prazos que deixan claro que Bugallo non ten intención de mudar nada no modelo de comedores escolares nin agora nin a longo prazo”. María Rozas preguntouse “que foi das promesas deste Goberno, que en 2019 dixo que facía un contrato por un ano que non ía prorrogar para poder mellorar o servizo, e que tres anos despois non fixo nada máis que empeorar tanto os madrugadores e os comedores como todos os servizos que dependen da concellería de Educación”. Por iso, concluiu, “cada día hai máis motivos para pedir a dimisión de Rubén Prol, pero tamén para reclamar a responsabilidade de Bugallo, que mantén ao concelleiro no seu cargo e que, ademais, está sendo cómplice necesario das súas desfeitas no departamento”.