- A portavoz de CA lembra que “foron o Concello e a empresa os que hai xa 30 anos realizaron as conexións á rede de sumidoiros sen pasar o cobro do servizo por problemas técnicos”
Compostela Aberta denunciou hoxe que Viaqua está a requerirlle o pago do saneamento, con carácter retroactivo e baixo ameazas de denuncias penais, a numerosos veciños e veciñas do rural que nunca tiveron contratado o servizo. A portavoz de CA esixiulle ao Goberno de Bugallo “que se poña do lado da cidadanía e que evite este abuso da empresa concesionaria, porque falamos dunha situación da que o Concello e Viaqua son corresponsables desde hai máis de trinta anos”. María Rozas considerou “inadmisible que a empresa trate aos veciños como delincuentes, e gravísimo que o Goberno local lle deixe facer, demostrando unha absoluta falta de control e nula capacidade de decisión sobre o servizo da auga”.
María Rozas denunciou que nos últimos meses foron moitos os residentes de parroquias como Marrozos, Figueiras ou Verdía que recibiron cartas de Viaqua reclamando o pago de cantidades que se achegan aos mil euros, correspondentes ás taxas de saneamento dos últimos cinco anos, e cun recargo do 66% por un suposto fraude de vertedura. Estes avisos enmárcanse nun proceso de regularización iniciado pola empresa concesionaria para dar de alta no servizo a veciños e veciñas que tiñan conexión coa rede de sumidoiros, pero que nunca tiveron contrato. A concelleira lembrou que, tal e como xa alegaron moitas das persoas afectadas, a situación remóntase á década dos 90, “cando o Concello negociou cos veciños a cesión dos seus terreos para as obras da rede de sumidoiros a cambio de permitirlles o enganche aos colectores, e coa promesa de que ás súas parroquias chegaría tamén a rede de abastecemento de auga”. María Rozas explicou que desde aquel momento, “a propia empresa concesionaria foi consciente de que eses veciños e veciñas tiñan as súas propiedades conectadas á rede de sumidoiros, pero non se realizaron os correspondentes contratos porque naquela altura non era posible técnicamente diferenciar no cobro os servizos de saneamento, que sí tiñan estes veciños, e o de abastecemento de auga, que nin tiñan daquela nin teñen en moitos casos aínda a día de hoxe, trinta anos despois”. Ademais, a concelleira apuntou que “cónstanos que moitos destes veciños e veciñas intentaron no seu momento tramitar o contrato do saneamento, e non puideron facelo por cuestións técnicas alleas á súa vontade”. Por iso, incidiu, “resulta inadmisible que estes contribuíntes sexan acusados de supostas fraudes e delitos penais e que a empresa lles dea un prazo de tres días para contestar ás súas peticións, cando foron o Concello e Viaqua os que non lograron resolver a cuestión do cobro en trinta anos”.
Informe xurídico e petición no Pleno
A portavoz de Compostela Aberta adiantou que “pediremos un informe á Asesoría Xurídica Municipal, porque temos moitas dúbidas sobre a legalidade das facturas que está a remitir Viaqua establecendo un cobro retroactivo por cinco anos, cando a Lei limita esa retroactividade a catro anos”. Ademais, cuestionou o recargo do 66% que está aplicando argumentando un suposto fraude de vertedura, “porque consideramos que non existe fraude cando sabemos que moitos veciños e veciñas intentaron regularizar a situación e foron o Concello e a empresa quen llelo impediu por cuestións técnicas”.
María Rozas avanzou tamén que Compostela Aberta levará este asunto ao próximo Pleno, para demandarlle ao Goberno que “actúe pensando nos intereses da veciñanza e non da empresa concesionaria, e que impida o cobro da taxa do saneamento con carácter retroactivo”. Ademais, CA pedirá que lle sexan devoltos os cartos ás persoas que ca pagaron despois de recibir esta notificación de Viaqua, “algo que se pode facer dun xeito doado a través de bonificacións nos próximos recibos”. Neste sentido, a concelleira mostrouse convencida de que “estamos diante dunha cuestión de vontade política, porque este Goberno tamén iniciou un proceso de regularización da taxa do lixo na zona rural, e neste caso estableceuse un ano de retroactividade para o cobro e sen establecer ningún tipo de recargo”. Ademais, urxiu ao Goberno a “poñer a Oficina Municipal de Atención ao Consumidor ao dispor das persoas afectadas por este proceso, para que reciban todo o asesoramento que precisen para defender os seus intereses”.
A portavoz municipal de CA insistiu en que “compartimos que os veciños teñen que pagar polos serivzos, pero cremos que deben facelo desde o momento no que teñen un contrato en vigor, porque se non o tiveron antes foi por unha repsonsabilidade compartida co Concello e coa propia Viaqua”. Para María Rozas, “estas notificacións de Viaqua son unha mostra máis da absoluta falta de control e o nulo poder de decisión que tén o Concello de Santiago en relación ao servizo municipal da auga”. Neste sentido, a concelleira explicou que “é a empresa concesionaria a que decide enviar as notificacións, a que decide canto e cando cobrar, e a que ameaza con accións xudiciais, mentres que o Goberno parece permanecer á marxe e nin sequera responde diante das reclamacións que moitos dos veciños e veciñas afectadas lle trasladaron nas últimas semanas”.