• A concelleira de CA pídelle ao concelleiro de  Educación que aclare por que non informou de que os prazos de inscrición no servizo están abertos desde o venres, tal e como se acordou xa no pasado 26 de xullo

María Rozas volveu denunciar hoxe “a pésima xestión do Goberno de Bugallo no que ten que ver cos comedores escolares, e a súa absoluta falta de respecto ás usuarias”. A concelleira de Compostela Aberta incidiu en que a concellería de Educación “segue sen dar información ningunha sobre a apertura dos prazos de inscrición no servizo, ainda cando ese prazo se abriu xa o pasado venres, segundo consta no acordo da Xunta de Goberno extraordinaria celebrada o martes 26”. Ademais, Rozas advertiu da posibilidade de que “outra vez as familias estean nas vésperas do inicio de curso sen saber se terán ou non comedor para as súas fillos e fillas, porque o prazo de inscrición péchase o 29 de agosto, a só nove días do comezo das clases”.

María Rozas cualificou de “auténtico despropósito” o que está a pasar co servizo de madrugadores e comedores escolares, porque “estamos a 1 de agosto e a concellería de Educación segue sen facilitar información, nin sequera a través da páxina web municipal”. O máis grave, incidiu, “é que o pasado martes a Xunta de Goberno xa tiña aprobado que os prazos de inscrición se abrían o 29 de xullo, e ninguén deu conta dese acordo nin dos seus detalles”. Para Rozas, “é evidente que moitas familias terían preferido realizar o trámite o pasado venres, e non xa en agosto, cando moitas delas están de vacacións ou en momentos de desconexión”.

A concelleira tamén mostrou as súas dúbidas sobre a resolución das solicitudes “porque o prazo de inscrición remata o 29 de agosto, a só nove días do comezo do curso escolar”. María Rozas pediulle ao Goberno que explique “cando van saber as familias se disporán de comedor e cal será o prezo que teñan que pagar”. Nese sentido, lembrou que a empresa que presta o servizo cunha orde de continuidade xa advertiu dos sobrecustos por mor da subida dos prezos, “e posto que o Goberno non accedeu a modificar as condicións do contrato, porque xa non está en vigor, ou ben a calidade dos menús será inferior no inicio do curso, ou ben o Concello terá que asumir ese sobrecusto se non quere repercutirllo ás familias”.

María Rozas urxiu ao concelleiro de Educación, Rubén Prol, “a deixar de esconderse e a dar explicacións sobre o que está acontecendo cos comedores e coa licitación do novo contrato na que se ignorou por completo ás ANPAs”. Ademais, esixiulle a Bugallo “que rectifique as súas declaracións, porque o último que debera facer un alcalde é dicirlle ás familias que a solución á incompetencia do seu concelleiro é que sexan elas mesmas as que organicen o servizo”.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa a navegar, está dando o seu consentimento na aceptación das devanditas cookies e a nosa política de cookies,Para máis información, faga click no enlace. ACEPTAR

Aviso de cookies