María Rozas: “O Goberno incumpre o acordo asinado con CA sobre os orzamentos de 2022. É unha falta de respecto e unha mostra de incapacidade”

  • Compostela Aberta leva ao Pleno unha interpelación para coñecer as previsións de Bugallo para executar os acordos de xaneiro
  • A voceira de CA pídelle ao alcalde “a valentía que non tivo nestes tres anos para defender os intereses de Santiago diante da Xunta na súa reunión con Rueda”

María Rozas pediralle ao Goberno que explique, diante do Pleno da Corporación, cal é o grao de cumprimento do acordo asinado en xaneiro co grupo municipal de Compostela Aberta para a aprobación dos orzamentos municipais e 2022, “porque a estas alturas do ano resúltanos evidente que o PSOE nin respectou o firmado, nin tén intención de executalo”. Para a voceira municipal de CA, “é lamentable que teñamos que estar falando desta rendición de contas case a finais de outubro, sen termos noticias aínda das previsións do Goberno para os orzamentos de 2023, que deberan estar en proceso de elaboración”.

Compostela Aberta vén de rexistrar unha interpelación para que o Goberno explique, no Pleno da próxima semana, cal é o grao de cumprimento dos compromisos adquiridos co grupo municipal para viabilizar os orzamentos de 2022, e para que dea conta das súas previsións para executar os proxectos e propostas recollidas no acordo asinado en xaneiro deste ano. A voceira municipal de CA lembrou que nese documento figuraban cuestións que eran puntos de encontro comúns entre os dous grupos municipais, propostas de Compostela Aberta que xa se recolleran no acordo para viabilizar os orzamentos municipais de 2020, e compromisos novos. A día de hoxe, sinalou María Rozas, “non podemos considerar satisfactorio o grao de cumprimento do firmado, nin sequera nos puntos que eran propostas coincidentes entre o noso grupo e o grupo de Goberno, e por iso cremos que o equipo de Bugallo nin tén vontade para executar o acordo nin ten capacidade para facelo”.

Así, María Rozas lembrou que no documento asinado en xaneiro citábanse “actuacións compartidas polos dos grupos municipais que seguen sen estar executadas, desde as obras de reurbanización máis custosas para as que se prevía un orzamento de 2,7 millóns de euros, ata actuacións máis modestas como a rehabilitación das fontes, pasando por compromisos máis asumibles como a redacción dos proxectos para a nova piscina de Santa Marta ou para a Cidade da Raqueta, ou mesmo o impulso as actividades na Casa das Mulleres Xohana Torres”. A voceira de CA lamentou que “tampouco observamos grandes avances en moitas das cuestións que quedaran pendentes do acordo sobre os orzamentos de 2020, e aí segue sen mellorarse a integración da Praza do Matadoiro do Parque de Belvís, aí segue o Campus na mesma situación, e tampouco se perciben as melloras comprometidas en materia de accesibilidade universal”.

Por último, en canto aos novos acordos incorporados a ese documento, María Rozas considero “unha falta de respecto ao noso grupo que en outubro non saibamos nada do novo proceso de Orzamentos Participativos ao que se comprometeu Bugallo, nin do programa piloto do Plan Municipal de Canguraxe, nin do Foro Cidadán sobre a Convivencia e o Turismo ou do Observatorio de Sustentabilidade Turística”. Para a voceira de Compostela Aberta, “desenvolver estes proxectos depende máis da vontade política que doutro tipo de cuestións, e por iso entendemos que ao PSOE tanto lle tén cumprir os acordos como non cumprilos”. “Non hai mellor mostra da falta de palabra de Bugallo e de todo o seu equipo de Goberno, unha falta de palabra que non vai contra Compostela Aberta senón contra o conxunto da veciñanza á que representamos todos os grupos da Corporación Municipal”, concluíu a voceira de CA.

Reunión de Bugallo con Rueda

María Rozas aproveitou a súa rolda de prensa de hoxe para urxir ao alcalde “a defender os intereses de Santiago na reunión que vai manter o venres co presidente da Xunta, unha vez que semella que empeza a desfacerse dos complexos que lle impedían ser vehemente co expresidente Feijóo”. Para a portavoz municipal de Compostela Aberta, “é unha mágoa que Bugallo perdera tres anos sen demandarlle absolutamente nada ao Goberno galego por unha posición sumisa que custa entender, e que puxo en risco moitas das demandas da nosa cidade”. Nesa liña, a concelleira lembrou que “xa nas primeiras reunións que o alcalde mantivo co expresidente da Xunta, CA pediulle que reclamara a construción do aparcamento do Clínico, como xa tiña feito no anterior mandato Martiño Noriega, pero Bugallo negouse a demandar esa dotación ata hai só uns meses, e agora atopámonos con que xa está en licitación a ampliación do hospital sen contemplar o parking”. Para Rozas, este é un dos principais asuntos que deben quedar desbloqueados na xuntanza do venres, “e o alcalde debe arrancarlle ao presidente da Xunta o compromiso de que ese aparcamento será unha realidade, e que será a administración autonómica quen o financie”.

A portavoz municipal de Compostela Aberta tamén expresou o seu desexo de que a reunión entre Bugallo e Alfonso Rueda “remate cun acordo definitivo para a implantación da taxa turística, tendo en conta a moción impulsada por CA que foi aprobada no Pleno ordinario de setembro, na que defendemos a autonomía municipal para fixar os obxectivos e prioridades de investimento da recadación da taxa  a través dun Fondo local para o fomento do turismo sustentable”. Tamén en materia de turismo, Rozas urxiu ao alcalde e ao presidente da Xunta “a chegar a acordos sobre as Vivendas de Uso Turístico, porque non se pode seguir dando o espectáculo dos últimos meses en forma de sentenzas xudiciais, un asunto no que moitos particulares acaban resultando prexudicados polas deslealdades e os cuestionables modus operandi das administracións, nomeadamente da autonómica”. Para a concelleira de Compostela Aberta, “a piques de finalizar o Xacobeo prorrogado, é hora de que Concello e Xunta deixen de pensar no turismo en termos numéricos e de records de visitantes, para empezar a traballar na gobernanza do turismo, e na mellora da convivencia”.

Por último, María Rozas pediulle a Bugallo “que exerza toda a presión para avanzar no cumprimento dos compromisos adquiridos polo Real Padroado na reunión celebrada no verán de 2021 en Santiago, e que a día de hoxe seguen sendo fume”. A voceira de CA lamentou que a xuntanza entre o alcalde compostelán e o presidente da Xunta se produza unha vez aprobados os orzamentos autonómicos de 2023, “porque queda limitada a capacidade de negociación para que o Goberno galego contemple nas contas as partidas que lle corresponden para financiar os proxectos que debe desenvolver o Consorcio, pero agardamos que se confirme que a Xunta contempla por fin un incremento da súa achega ao organismo interadministrativo, que mantén conxelada desde hai anos, e tamén un aumento da partida da capitalidade”.

PODES CONSULTAR AQUÍ A INTERPELACIÓN DO GRUPO MUNICIPAL DE COMPOSTELA ABERTA SOBRE  O ACORDO ASINADO CO GRUPO MUNICIPAL DO PSdeG-PSOE PARA VIABILIZAR OS ORZAMENTOS DO 2022

Novas
relacionadas

Compostela Aberta chama a participar o domingo na Manifestación en Defensa do Mar

A manifestación partirá ás 12.00 horas da Alameda de Santiago para denunciar o desleixo da Xunta e reclamar transparencia na información sobre a vertedura dos pellets

CA esixe responsabilidade á Xunta diante do desastre dos pellets e solidarízase cos municipios afectados

Compostela Aberta denuncia a incompetencia da administración autonómica, que reaccionou tarde e mal, e parabeniza á sociedade civil que está a organizarse para a recollida desta vertedura, así como ao movemento ecoloxista e asociacións en defensa das rías.

CA, BNG e PSdeG-PSOE asinan un acordo orzamentario que pon por riba de todo os intereses da veciñanza de Santiago de Compostela

Goretti Sanmartín, María Rozas e Aitor Bouza coinciden en cualificar o orzamento municipal como social, igualitario e deseñado para o mantemento dos barrios e das parroquias

Moción conxunta para reclamarlle á Xunta que cumpra con Santiago e resolva o caos de tráfico e de falta de aparcadoiro no CHUS

María Rozas, Gonzalo Muíños e Míriam Louzao presentan unha iniciativa para que a Xunta asuma a súa competencia e realice o investimento necesario

PARTICIPA

gRUPOS
DE TRABALLO

Selecciona a túa preferenza*
Podes participar en varios Grupos de Traballo