Nunha primeira valoración dos orzamentos autonómicos para o vindeiro ano, a concelleira de Compostela Aberta cuestionou que estes orzamentos “vaian resolver a situación de emerxencia que temos en Santiago, como no conxunto de Galicia, no que tén que ver co acceso á vivenda”. María Rozas valorou positivamente o incremento do presuposto nesta materia “que se debe fundamentalmente a achegas de fondos europeos, pero que se queda curto para revertir a situación derivada da inacción da Xunta nos últimos anos, como sabemos moi ben en Santiago onde seguimos agardando a construción de vivendas protexidas que nos foron prometidas hai máis dunha década”.
Na mesma liña, a tamén concelleira de Dereitos e Servizos Sociais lamentou “o insuficiente aumento do orzamento destinado a financiar o Servizo de Axuda no Fogar, que seguirá obrigando a Concellos como o de Santiago a facer un esforzo económico no SAF”. Rozas lembrou que na actualidade, dos case 24 euros/hora que custa o servizo, o Goberno galego só achega 13. Ainda en materia social, a portavoz de Compostela Aberta sinalou que “volvemos botar en falta actuacións que consideramos imprescindibles como a construción do centro de día de Fontiñas”.
Investimentos cativos en Santiago
María Rozas lamentou “o nulo esforzo investidor en Santiago da Xunta, que volve esquecer moitas das vellas demandas como a Escola Oficial de Idiomas ou a ampliación do Conservatorio de Música”. Pola contra, sí figura nos orzamentos unha partida de 700.000 euros para o parque comarcal de bombeiros “sobre a que pediremos explicacións, porque a previsión era que a achega autonómica chegara ao millón de euros e o Goberno galego debe aclarar cal vai ser a fórmula para acadar esa cantidade”.
Á marxe diso, explicou a portavoz de Compostela Aberta, “os orzamentos non inclúen investimentos de relevancia en Santiago, máis alá daqueles que teñen que ver cos edificios administrativos ou con actuacións que sobardan o ámbito local e que non se poden entender como unha aposta por Compostela”.
Na mesma liña, María Rozas lamentou que se constate nestas contas “que a Xunta incumpre outra vez a súa palabra, e non incrementa a partida da capitalidade en termos aceptables e xustos para Compostela”.
