María Rozas: “Pichel e Bugallo non poden falar de erro, porque non é un erro contratar con cartos públicos unha empresa vinculada a un concelleiro”

Compostela Aberta pide que se fagan públicos os informes da Asesoría Xurídica sobre o contrato de alugueiro con Desproi e a vinculación de Pichel coa empresa
  • A portavoz de CA pídelle ao exconcelleiro e ao alcalde “que abandonen o vitimismo e que expliquen se Pichel ainda tiña participacións en Desproi o 3 de setembro, na visita que se fixo á nave cinco días antes de ter redactado o informe que definía as características do inmoble a alugar”
  • Rozas pregunta se foi casual que o contrato con Desproi non se asinara ata o 1 de outubro, cando o traslado dos servizos municipais se fixo o 15 de setembro

Compostela Aberta pídelle ao Goberno  que actúe “coa transparencia que faltou ata o de agora”, e que faga público o informe da Secretaría Xeral do Pleno ao que aludiu José Manuel Pichel cando anunciou a súa dimisión, así como os resultados da análise xurídica que, segundo se vén sinalando, se está a realizar do expediente da contratación do alugueiro dun inmoble á empresa Desproi, vinculada ao xa exconcelleiro. María Rozas reiterou que “quedan moitas explicacións por dar sobre este caso, e non só relacionadas coa actuación do edil”. Ademais, incidiu en que “non se pode pechar este asunto falando dun simple erro do exconcelleirol, porque non é un simple erro destinar cartos públicos a contratar a unha empresa coa que tés un claro vínculo, e a través dun expediente no que interviron máis persoas e que está cheo de irregularidades”.

Ademais,  CA levará ao Pleno da próxima semana unha interpelación, “para que o Goberno aclare, xa non só o proceder de Pichel, senón a tramitación dun expediente que está cheo de sombras”. Así, a concelleira cuestionou que o Goberno siga referíndose “á urxencia de buscar unha localización alternativa para os departamentos de Medio Rural e Parques e Xardíns, cando a Xunta xa anunciara a demolición da estación de autobuses en xaneiro de 2021, con oito meses de antelación ao inicio o derrubo”. Para a concelleira, “o equipo de Bugallo debe aclarar por que non se iniciou a procura dunha solución ata o propio mes de setembro, ata 12 días antes do prazo máximo fixado pola Xunta para que eses servizos municipais abandonaran a vella estación”. Tamén urxe unha explicación ao feito de que se visitara a nave de Desproi antes de facer o informe de necesidades no que se definiron as características que debía ter o inmoble a alugar para Medio Rural e Parques e Xardíns. Isto, incidiu Rozas, “equivale a solicitarlle o curriculum a unha persoa que opta a un posto, para despois elaborar as bases dunha oposición acaídas para ese curriculum”. 

Para a portavoz de CA, “o Goberno tén que explicar esta cronoloxía, que non é menor tendo en conta que o xa exconcelleiro de Medio Rural recoñeceu publicamente que ata o mes de setembro de 2021 a empresa da que é administrador único, Gaia, tiña participacións en Desproi, a empresa propietaria do inmoble alugado”. Rozas pediu que se concreten todas as datas, “para saber se o 3 de setembro, cando se fixo a visita ás oficinas, Pichel ainda tiña en propiedade o 36 por cento de Desproi, unha porcentaxe que equivale á cifra de 600.000 euros en participacións”. Nesa liña, a concelleira tamén considerou “chamativo, e tal vez pouco casual, que o contrato de alugueiro non se asinara ata o 1 de outubro, cando os servizos municipais foron trasladados ás novas instalacións o 15 de setembro”. Lembrou ademais que “ese contrato foi firmado polo alcalde, e proposto en Xunta de Goberno pola concelleira de Medio Ambiente, polo que cremos que as responsabilidades nas irregularidades deben ser aclaradas alén do dimitido concelleiro, que non foi o único que participou no expediente”.

As incoherencias de Pichel

María Rozas tamén se mostrou moi crítica co xa exconcelleiro de Medio Rural, “que foi quen de dicir unha cousa e a contraria en menos de 72 horas, e que está intentando xogar un papel de vítima que non lle corresponde e que demostra unha absoluta falta de honestidade e de vergoña”. A concelleira lembrou que a primeira reacción de José Manuel Pichel tras a denuncia de Compostela Aberta foi emitir un comunicado no mediodía do martes no que afirmaba non ter vinculación algunha coa empresa propietaria da nave alugada. Non só iso, senón que o concelleiro continuaba no seu comunicado sinalando que “quero deixar claro que a información dada por Compostela Aberta e compartida polo Partido Popular de Santiago e o BNG é rotundamente falsa ademais de oportunista cun claro tinte electoral. Crear unha polémica en base a unha noticia falsa é síntoma dun populismo que está cada vez máis instaurado na maneira que ten a oposición de facer política”. Ao día seguinte dese comunicado, no mércores, Pichel presentou a súa dimisión recoñecendo que “cometín un erro pola miña parte, non lle ter comunicado nin ao alcalde, nin ao resto de compañeiros da Xunta de Goberno que eu tivera unha relación accionarial coa empresa propietaria do inmoble”.  Para Rozas, “non merece ningunha credibilidade quen en menos de 24 horas pasa de falar de noticias falsas a recoñecer que tiña vinculación coa empresa Desproi, tal e como denunciara CA, e non necesita ”

A portavoz de CA incidiu nas moitas incoherencias nas que caeu nos últimos días Pichel, “que non fan máis que incrementar as nosas dúbidas, non só sobre o seu proceder senón tamén sobre os intereses que se ocultan detrás deste caso”. Nesa liña, Rozas considerou “sorprendente que o dimitido concelleiro confundira na rolda de prensa do mércores o cargo que ocupara en Desproi ata o ano 2016, e moi chamativo que cando unha xornalista lle pide que o aclare, Pichel responda dicindo que nas empresas ás veces un figura e non se entera ao 100% de todo”. Para María Rozas, “é evidente que o proceder de Pichel non se limita a un simple erro como quere facer ver, e como mesmo sinala o alcalde, e menos ao erro de non terlle comunicado a Bugallo e ao Goberno a súa relación con Desproi, porque aínda que os seus compañeiros descoñeceran esa vinculación, el era consciente dela e non se ausentou da Xunta de Goberno que aprobou o contrato de aluguer coa empresa”.

Por último, Rozas urxiu ao Goberno a explicar “como vai actuar a partir de agora, se lle vai seguir pagando un alugueiro de 5.000 euros mensuais á empresa Desproi e cando vai procurar unha solución para as dependencias municipais de Medio Rural e Parques e Xardíns”. 

Documentación
relacionada
INTERPELACIÓN DO GRUPO MUNICIPAL DE CA SOBRE A CONTRATACIÓN DUN ALUGUEIRO A UNHA EMPRESA VINCULADA CON JOSÉ MANUEL PICHEL
Novas
relacionadas

Compostela Aberta chama a participar o domingo na Manifestación en Defensa do Mar

A manifestación partirá ás 12.00 horas da Alameda de Santiago para denunciar o desleixo da Xunta e reclamar transparencia na información sobre a vertedura dos pellets

CA esixe responsabilidade á Xunta diante do desastre dos pellets e solidarízase cos municipios afectados

Compostela Aberta denuncia a incompetencia da administración autonómica, que reaccionou tarde e mal, e parabeniza á sociedade civil que está a organizarse para a recollida desta vertedura, así como ao movemento ecoloxista e asociacións en defensa das rías.

CA, BNG e PSdeG-PSOE asinan un acordo orzamentario que pon por riba de todo os intereses da veciñanza de Santiago de Compostela

Goretti Sanmartín, María Rozas e Aitor Bouza coinciden en cualificar o orzamento municipal como social, igualitario e deseñado para o mantemento dos barrios e das parroquias

Moción conxunta para reclamarlle á Xunta que cumpra con Santiago e resolva o caos de tráfico e de falta de aparcadoiro no CHUS

María Rozas, Gonzalo Muíños e Míriam Louzao presentan unha iniciativa para que a Xunta asuma a súa competencia e realice o investimento necesario

PARTICIPA

gRUPOS
DE TRABALLO

Selecciona a túa preferenza*
Podes participar en varios Grupos de Traballo