María Rozas denunciou hoxe “o incomprensible desleixo” do Goberno local, e máis en concreto do edil Sindo Guinarte, que segue sen convocar as axudas de Cooperación ao Desenvolvemento de 2021, “despois de non entregar tampouco as subvencións dos anos 2019 e 2020”. Para a concelleira de Compostela Aberta “xa resulta difícil saber se estamos diante dunha decisión premeditada ou dunha incapacidade manifesta do PSOE, como tamén é difícil valorar cal das dúas opcións sería máis grave”. Por iso, CA levará ao Pleno unha interpelación para que o Goberno explique o atraso desta convocatoria, creada no pasado mandato.
María Rozas explicou que “o actual Goberno nunnca convocou as axudas á Cooperación ao Desenvolvemento, malia a incluílas en todos os seus orzamentos, nos deste 2021 cunha maior contía, en teoría para compensar o feito de non ter entregado as subvencións en 2019 e 2020”. A concelleira de CA lembrou que en outubro de 2020 “xa urximos no Pleno ao Goberno para que convocara as axudas correspondentes a ese ano, e daquela Sindo Guinarte afirmou que non había vontade de deixar esmorecer a iniciativa, pero escusouse na pandemia para xustificar os atrasos”. Un ano despois, sinalou Rozas, “perdéronse os cartos das axudas de 2019 e 2020, e os 220.000 euros orzados para este 2021 parecen ir polo mesmo camiño, porque a estas alturas do ano será complicado realizar unha convocatoria”. A concelleira incidiu en que CA “xa lembrou en agosto pasado que era necesario apurar a convocatoria, trasladando unha preocupación da Coordinadora Galega de ONGDs, que naquela altura non tiña noticias do proceso e advertía xa que sería moi difícil que os potenciais beneficiarios das subvencións puideran desenvolver os seus proxectos e xustificar os gastos en prazo”. Para a concelleira de Compostela Aberta, “é lamentable o escaso interese do PSOE na posta en marcha destas axudas, que contradí o que afirmaba a memoria dos orzamentos de 2021, na que o Goberno de Bugallo presumía da sua aposta pola cooperación e polas políticas sociais”.
As axudas de Cooperación ao Desenvolvemento foron impulsadas no pasado mandato, e con elas o Concello cumpría o compromiso asinado en 1999 para destinar o 0,7% do seu orzamento a cooperación ao desenvolvemento. As dúas convocatorias que se desenvolveron permitiron que entidades como a Fundación Vicente Ferrer, Solidariedade Internacional de Galicia, Manos Unidas ou Agareso impulsaran diferentes proxectos en países como India, Guatemala, Nicaragua ou El Salvador.
PODES CONSULTAR AQUÍ A INTERPELACIÓN DO GRUPO MUNICIPAL DE COMPOSTELA ABERTA SOBRE A CONVOCATORIA DE AXUDAS PARA A COOPERACIÓN AO DESENVOLVEMENTO