Rozas considera “chamativo que Bugallo non desbloquee o convenio relativo ao aparcamento, mentres o PSdG presenta emendas aos orzamentos autonómicos para que se inclúa esta actuación que o alcalde non reclamou ata agora”
A portavoz municipal de Compostela Aberta pediulle hoxe ao Goberno local que aclare “que aconteceu co convenio entre o Concello e o SERGAS para a mellora da accesibilidade e a mobilidade no Hopital Clínico, que segundo Bugallo estaba redactado e avalado por ambas partes xa no mes de outubro”. María Rozas mostrou a súa estrañeza porque “o acordo chegou a estar incluído na orde do día da Xunta de Goberno do 14 de novembro, pero finalmente non se aprobou nin nesa sesión nin nas seguintes, e non temos ningunha explicación ao respecto”. Para a concelleira, “xornadas caóticas como a que se viviu onte no CHUS recórdannos a urxencia de planificar un novo aparcamento que lle dea servizo ao complexo, un aparcamento que o alcalde se negou a reivindicarlle a Feijóo antes de aprobar a ampliación do Clínico e que agora non acaba de concretarse”.
María Rozas lembrou que o alcalde e o presidente da Xunta mantiveron unha reunión o 21 de outubro, “da que Bugallo saiu anunciando a sinatura dun convenio para dar resposta ás necesidades de mobilidade e accesibilidade do CHUS, que, asegurou o alcalde, estaba xa redactado e coa conformidade das dúas partes”. Ese acordo, segundo informou o Goberno local a través da páxina web municipal, abordaría “como se van afrontar as intervencións necesarias e complementarias á ampliación do CHUS, incluídas cuestións relativas á accesibilidade e o aparcamento, no que a Xunta non se oporía a participar”. Case un mes despois desa reunión, o 14 de novembro, o convenio de colaboración entre o SERGAS e o Concello foi incluído na orde do día da Xunta de Goberno, pero finalmente non foi aprobado.
A portavoz de Compostela Aberta pedirálle ao Goberno que explique no Pleno cal é o prazo que manexa para a aprobación do convenio, e tamén cales serán finalmente os compromisos que asuma a Xunta en relación á dotación dun novo aparcamento para o Clínico. Para María Rozas, é chamativo que “Bugallo se negara a reclamarlle á Xunta o estacionamento durante meses, argumentando que había que escoller entre ter máis camas e quirófanos no hospital ou prazas de aparcamento; agora non sexa quen de desbloquear o convenio co Sergas, e ao mesmo tempo o PSOE anuncie emendas aos orzamentos da Xunta para que se inclúa o aparcamento do CHUS”. A concelleira lembrou que “CA advertiu xa en agosto de 2021 que Santiago estaba sendo discriminada con respecto a outras cidades nas que a Xunta sí construía aparcamentos ao abeiro das ampliacións dos seus hospitais, Bugallo negou a maior, e non é ata agora cando os socialistas piden dous millóns dos orzamentos autonómicos para unha obra que debera ir incluída nun convenio que non está asinado, que non foi aprobado pola Xunta de Goberno, e do que nada máis soubemos”.
PODES CONSULTAR AQUÍ A PREGUNTA DO GRUPO MUNICIPAL DE COMPOSTELA ABERTA SOBRE O CONVENIO ENTRE CONCELLO DE SANTIAGO E XUNTA DE GALICIA PARA MELLORAR A ACCESIBILIDADE E A MOBILIDADE NO CONTORNO DO COMPLEXO HOSPITALARIO UNIVERSITARIO DE SANTIAGO