María Rozas pregunta pola candidatura de Santiago para ser sede da Axencia Estatal de Supervisión da Intelixencia Artificial

  • A concelleira de CA explica que “hoxe abriu o prazo para presentar a candidatura, e Compostela debe lograr que a Xunta a sitúe como opción prioritaria fronte ás outras cidades galegas que aspiran a acoller a AESIA” 
  • A Corporación compostelá aprobou en xullo unha declaración institucional de apoio á candidatura de Santiago para a sede da Axencia, que a alcaldesa da Coruña lle reclamou onte a Pedro Sánchez

Compostela Aberta vén de preguntarlle ao Goberno local polos trámites e as xestións realizadas para lograr que Santiago sexa a cidade elixida para acoller a futura Axencia Estatal de Supervisión da Intelixencia Artificial, no día no que se abre o prazo para a presentación de candidaturas. A concelleira María Rozas lembrou que “a Corporación municipal aprobou en xullo unha declaración institucional de apoio a esta solicitude, pero esta moción debe ir acompañada dun intenso traballo do Goberno para presentar a mellor candidatura, avalada polo maior número de institucións e empresas, de xeito que o informe que realice a Xunta ao respecto sitúe a Compostela como a súa opción preferente”. 

Hoxe abre o prazo dun mes para que as localidades interesadas presenten a súa candidatura para albergar a sede da nova Axencia Española de Supervisión de Intelixencia Artificial. Galicia é unha das comunidades que aspiran a acoller a AESIA, e Santiago vai ter que competir con Ourense e A Coruña. Onte mesmo, a alcaldesa da cidade herculina, Inés Rey, aproveitou unha visita do presidente do Goberno, Pedro Sánchez, para trasladarlle a candidatura. Tal e como se recolle no Acordo polo que se inicia o procedemento para a determinación da sede da Axencia, a comisión que vai avaliar as propostas deberá ter en conta criterios de cohesión social e territorial, a mellora do funcionamento dos servizos públicos, os niveis de desemprego e a loita contra a despoboación, pero tamén a existencia dun ecosistema universitario e dun ecosistema económico e empresarial relacionados coa intelixencia artificial. Ademais, valorarase positivamente que a candidatura estea apoiada por un informe do Goberno autonómico correspondente. 

Por iso, explicou María Rozas, “a Xunta terá que elaborar un informe no que indique cal é a súa orde de preferencia para acoller a sede entre as tres cidades que se postularon: Santiago, A Coruña e Ourense”. Ao respecto, a concelleira de Compostela Aberta insistiu en que “Bugallo debe exercer de alcalde, debe liderar o proceso para elaborar a mellor candidatura e co máximo número de avais, e debe utilizar esa boa relación da que tanto presume coa Xunta para que Compostela parta con vantaxe nese proceso de selección, unha cuestión que ben lle pode formular a Alfonso Rueda na xuntanza que manterán o próximo día 21”. Para Rozas, “gran parte deste traballo xa debera estar feito desde o mes de xullo, e o que queremos é que o Goberno explique cal está sendo o seu papel neste proceso e con que actores conta para apoiar a candidatura de Santiago”.

Tal e como se recolle na declaración institucional aprobada en xullo, Santiago reúne as condicións necesarias para acoller a Axencia Estatal de Supervisión da Intelixencia Artificial. Así, conta con capacidade de produción de talento, coa futura implantación do Grao en Intelixencia Artificial da USC; e posúe un expertise na materia de múltiples entidades, como o propio Concello a través do Smartiago, a Escola Técnica Superior de Enxeñaría, o Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CITIUS), o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), o Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAGA) e as axencias autonómicas GAIN e AMTEGA. Ademais, a cidade posúe infraestruturas de localización de persoal e equipos que poden ser cedidos por distintas administracións para poder albergar a sede da AESIA, e conta tamén coas infraestruturas necesarias para a organización de eventos e congresos relacionados coa materia.

Novas
relacionadas

Compostela Aberta chama a participar o domingo na Manifestación en Defensa do Mar

A manifestación partirá ás 12.00 horas da Alameda de Santiago para denunciar o desleixo da Xunta e reclamar transparencia na información sobre a vertedura dos pellets

CA esixe responsabilidade á Xunta diante do desastre dos pellets e solidarízase cos municipios afectados

Compostela Aberta denuncia a incompetencia da administración autonómica, que reaccionou tarde e mal, e parabeniza á sociedade civil que está a organizarse para a recollida desta vertedura, así como ao movemento ecoloxista e asociacións en defensa das rías.

CA, BNG e PSdeG-PSOE asinan un acordo orzamentario que pon por riba de todo os intereses da veciñanza de Santiago de Compostela

Goretti Sanmartín, María Rozas e Aitor Bouza coinciden en cualificar o orzamento municipal como social, igualitario e deseñado para o mantemento dos barrios e das parroquias

Moción conxunta para reclamarlle á Xunta que cumpra con Santiago e resolva o caos de tráfico e de falta de aparcadoiro no CHUS

María Rozas, Gonzalo Muíños e Míriam Louzao presentan unha iniciativa para que a Xunta asuma a súa competencia e realice o investimento necesario

PARTICIPA

gRUPOS
DE TRABALLO

Selecciona a túa preferenza*
Podes participar en varios Grupos de Traballo