María Rozas: “Queremos que nos aclaren se están en risco fondos europeos para Obras, como recoñeceu Bugallo ao inicio da crise do seu Goberno”

Compostela Aberta levará ao Pleno desta semana a solicitude de comparecencia do novo concelleiro de Obras para que explique as súas prioridades á fronte do departamento e os prazos que manexa para a execución das actuacións pendentes

A portavoz de CA denuncia que o Goberno “pagou cos orzamentos de 2022 as subvencións municipais de 2021, e agora quedou sen fondos para abonar as axudas correspondentes a este ano”

Compostela Aberta solicitará no próximo Pleno a comparecencia do novo concelleiro de Obras, “para que explique cal será a súa liña de actuación nos próximos meses e, sobre todo, que nos aclare se hai proxectos que están en risco de perder os fondos europeos que tiñan asignados”. A portavoz de CA, María Rozas, recoñeceu que “o acontecido na última semana coa dimisión de Javier Fernández e, sobre todo, as explicación do alcalde cando decidiu retirarlle competencias, incrementaron as nosas dúbidas sobre a execución da estratexia EDUSI”. Para a concelleira, “é alarmante que Bugallo falara de reforzar o departamento de Obras para apurar os prazos das actuacións da EDUSI, só unhas semanas despois de que o Goberno negara calquera problema ao respecto no Pleno de outubro”.

Tal e como se recolle na solicitude de comparecencia, o obxectivo de CA é que o novo concelleiro de Obras explique que actuacións ten previsto acometer no que queda de mandato e en que prazos; cales das actuacións comprometidas polo seu Goberno non se van poder executar; e cales son as obras que considera o Goberno que poderían estar en perigo no caso de que non se axilicen os prazos. María Rozas incidiu en que “foi o propio alcalde quen falou, hai xusto unha semana, da necesidade de reforzar o departamento de Obras, recoñecendo que había que apurar os prazos para executar as obras nos prazos fixados para a xustificación dos fondos europeos”.

María Rozas lembrou que no Pleno de outubro debateuse unha proposición de CA que facía referencia ao atraso que acumulan algunhas actuacións vinculadas á EDUSI e que, polo tanto, estarían en risco de perder os fondos europeos asignados, “pero nese momento o Goberno negou a maior para afirmar que todas as accións ían a bo ritmo e estarían concluídas en tempo e forma”. Para a portavoz de CA, “as declaracións de Bugallo demostran que unha vez máis tiñamos razón, e por iso agora urxe que nos aclaren cal é a situación real destas obras e en que medida están asegurados os fondos europeos que, lembremos, foron captados polo Goberno de Compostela Aberta durante o pasado mandato”.

Entre esas actuacións en risco, María Rozas citou a mellora da accesibilidade en barrios desfavorecidos, que segundo o Goberno estaba en fase de redacción do proxecto en outubro; a mellora da conexión do Parque de Belvís, para o que aínda se estaba en conversas coa propiedade dos terreos afectados pola actuación hai un mes; ou o proxecto de restauración dos ríos Sar e Sarela, que dependía dos informes de Auga de  Galicia. Tampouco se coñecen grandes avances noutras actuacións como a do Campus Sur ou a do Centro Integral de Inclusión Social, ainda en fase de redacción dos proxectos, ou o da rede de itinerarios sostibles para a redución da pegada de carbono, do que o Goberno prevía iniciar as obras en xaneiro. Para a portavoz de Compostela Aberta, “é chamativo que nas súas primeiras declaracións públicas tras asumir as competencias de Obras, o concelleiro Gonzalo Muíños non se referira a ningún destes  proxectos que o propio Bugallo vía en risco”. Pola contra, sinalou, “o novo edil apuntou como prioritarias para os próximos seis meses as obras de reurbanización de García Lorca, que teñen un prazo de execución de dous anos e que están orzadas en máis dun millón de euros ainda que nas contas deste ano hai unha partida de só 750.000 euros; e a segunda fase da reurbanización de Castrón D´Ouro, á que o Goberno anunciou que destinaría neste 2022 un orzamento de 420.000 euros pero no que tampouco nada se avanzou”.

Perda de subvencións

No Pleno deste mércores, María Rozas tamén interpelará ao Goberno para coñecer como vai solucionar “o problema que el mesmo creou ao abonar as subvencións municipais a diferentes entidades correspondentes a 2021 con cargo ao orzamento de 2022, de maneira que agora non hai dotación para afrontar o pago das axudas deste ano”. A concelleira explicou que moitas das subvencións correspondentes a 2021 nin sequera foron tramitadas nese exercicio, “de xeito que non se xerou un recoñecemento de obrigas para poder pagalas xa en 2022”. Ao contrario, “moitas axudas foron tramitadas, concedidas e xustificadas no actual exercicio, con cargo aos orzamentos de 2022, e sen que o Goberno tivera en conta estes atrasos á hora de elaborar as contas, nas que debería ter dobrado as partidas para as subvencións para poder pagar sen problemas as axudas atrasadas de 2021 e máis as correspondentes a este ano”. Segundo explicou María Rozas, esta situación aféctalle a unha trintena de entidades de carácter social, deportivo e cultural “que non cobraron axudas de 2021 que oscilan entre os 3.000 e os 120.000 euros, e que suman un total de case un millón de euros”.

A portavoz de Compostela Aberta lamentou “a nula capacidade de reacción do Goberno de Bugallo, que era ben consciente da situación e non procurou solucións, senón que se amparou nas escusas da burocracia cada vez que pedimos explicacións sobre o atraso no abono das subvencións”. Nese sentido, Rozas lembrou que “en maio xa advertimos no Pleno da situación na que estaban quedando numerosas entidades deportivas pola demora nos pagos, e o Goberno pouco fixo ao respecto”. De feito, incidiu, “non foi quen de resolver ata novembro de 2021 algunhas axudas do ano 2020, e este caos repetiuse no relativo ás subvencións de 2021, tramitadas en 2022”. Por iso, María Rozas reclamará no Pleno explicacións sobre as medidas que vai adoptar o Goberno para garantir que as entidades beneficiarias das subvencións municipais perciban a axuda correspondente a 2022, tendo en conta que as partidas do orzamento deste ano se utilizaron para pagar as subvencións de 2021, e ante a previsión de iniciar o próximo ano cos orzamentos municipais prorrogados.

PODES CONSULTAR AQUÍ A SOLICITUDE DE COMPARECENCIA DO CONCELLEIRO DE MOBILIDADE E SEGURIDADE CIDADÁ, BARRIOS, OBRAS E RELACIÓNS VECIÑAIS PARA EXPLICAR AS LIÑAS DE ACTUACIÓN DO DEPARTAMENTO DE OBRAS NO PERÍODO RESTANTE DE MANDATO

PODES CONSULTAR AQUÍ A INTERPELACIÓN DO GRUPO MUNICIPAL DE COMPOSTELA ABERTA SOBRE O PAGO DE SUBVENCIÓNS A ENTIDADES DEPORTIVAS, SOCIAIS E CULTURAIS CORRESPONDENTES A 2022

Novas
relacionadas

Os grupos do Compostela Aberta, BNG e GM Socialista presentan unha moción conxunta de apoio á mobilización de SOS Sanidade Pública

Os grupos municipais do BNG, Compostela Aberta e GM Socialista acordaron unha moción conxunta, que levarán ao pleno deste mes de marzo, en apoio á nova mobilización convocada pola Plataforma SOS Sanidade Pública de Galicia, o próximo 6 de abril do 2025. A mobilización sairá ás 12 horas dende a Alameda ata a Praza do Obradoiro.
María Rozas, Goretti Sanmartín e Gonzalo Muíños asinaron o acordo de orzamentos

Os grupos municipais de Compostela Aberta, Socialista e BNG pechan un acordo de orzamentos para 2025

María Rozas, en representación de Compostela Aberta, Gonzalo Muíños polo Grupo Municipal Socialista e Goretti Sanmartín, polo BNG asinaron este martes o acordo para os orzamentos municipais de 2025, “uns orzamentos ambiciosos mais equilibrados e enfocados ás necesidades reais de Santiago”.

Compostela Aberta lamenta que a Xunta “siga sen escoitar á veciñanza de Conxo e volva elixir a peor opción para a senda ciclable do Milladoiro”

Compostela Aberta lamenta que a Xunta de Galicia perdera a oportunidade de corrixir de verdade a barbaridade que cometeu ao definir o trazado da senda ciclista do Milladoiro, e presente hoxe unha alternativa que non mellora nada e que non contenta a ninguén. Para CA, o Goberno galego segue ignorando á veciñanza, e de caer no mesmo erro de planificar unha vía sen pisar o terreo.

María Rozas: “Os orzamentos da Xunta son decepcionantes para Santiago e non serven para resolver os problemas da veciñanza”

A portavoz municipal de Compostela Aberta e tenenta de alcaldesa de Santiago cualificou hoxe de “decepcionantes e insuficientes” os orzamentos da Xunta para 2025 no que tén que ver coa capital galega. María Rozas explicou que “se sobre o papel as contas manteñen moitas débedas con Compostela, tememos que na súa execución a cousa só vaia a peor, como vén acontecendo nos últimos anos en cuestións de enorme importancia como poden ser as políticas de

PARTICIPA

gRUPOS
DE TRABALLO

Selecciona a túa preferenza*
Podes participar en varios Grupos de Traballo