- O grupo municipal de CA levará ao Pleno unha moción para instar á Xunta á contratación de profesorado e a habilitación de espazos para desdobrar as aulas
A concelleira de Compostela Aberta María Rozas reclamoulle hoxe ao Goberno local “que busque solucións para as familias que non teñan garantida unha praza nos comedores escolares, despois de restrinxir o acceso a este servizo a só 12 horas do inicio do curso”. A edila demandoulle ao alcalde, que vén de asumir as competencias de Educación, “a implementación un servizo de espera, que permita que o alumnado permaneza nos centros escolares durante un tempo ao remate da xornada lectiva, facilitando así a súa recollida por parte das súas nais ou pais”.
María Rozas reiterou o rexeitamento de Compostela Aberta ao decreto asinado polo alcalde na tarde-noite da véspera do inicio do curso escolar, no que se establecen restricións no acceso ao servizo de comedor. A concelleira lembrou que “o Goberno do PSOE incumpriu o seu compromiso, que era o de que houbera praza de comedor escolar para os 1.800 nenos e nenas que a tiñan solicitado”, e por iso agora Bugallo “está na obriga moral e institucional de procurarlles unha solución ás familias ás que acaba de deixar tiradas”. Rozas instou ao alcalde a “poñer en marcha, á maior brevidade posible, un servizo de espera nos colexios, ao que poidan acollerse os nenos e nenas que non teñan praza no comedor escolar, e que permita que permanezan nos centros escolares nun horario que facilite que as nais e pais poidan recollelos coa menor afectación á súa xornada laboral”. A concelleira de Compostela Aberta explicou que este servizo “tería un funcionamento similar ao do programa de madrugadores, e permitiría aliviar a presión á que se vén sometidas moitas familias neste inicio de curso, no que non teñen servizo de comedor e non queren botar man de avoas e avós, que son poboación sensible fronte á Covid-19”.
A maiores, CA demanda que o Concello “organice un servizo de conciliación para que os nenos e nenas poidan ficar nos colexios despois do comedor, tendo en conta que na maioría dos centros foron canceladas as actividades extraescolares que para moitas familias eran o único recurso para facilitar a conciliación”. Tal e como explicou María Rozas, “estes servizos son unha das principais demandas das ANPAS dos centros cos que vimos mantendo xuntanzas nos últimos días”
Para a concelleira de CA, “é incomprensible a pasividade do Goberno local na xestión deste inicio de curso nas cuestións que son da súa responsabilidade, limitándose a escudarse na improvisación e o desleixo da Xunta”. Nesa liña, María Rozas incidiu en que “non se entende que o 26 de agosto o Goberno dixera que levaba semanas traballando para ampliar os espazos para comedores escolares, e o 9 de setembro nos atopemos cun decreto que só xera problemas e non achega ningunha solución para as familias”. Ao tempo, a edila lamentou “a escasa sensibilidade e coñecemento da realidade que mostra un Goberno que di que entregará comida para levar a algunhas familias, como se iso facilitara a conciliación, que é, xunto coa saúde, a principal preocupación das nais”
Moción para debater no Pleno
María Rozas explicou que a implementación dos servizos de espera e conciliación son dúas das peticións incluídas nunha moción que o grupo municipal de Compostela Aberta levará ao próximo Pleno ordinario en relación ao inicio do curso escolar. Ademais, CA pídelle ao Goberno que reforce as liñas de autobús dependentes de Tussa que sexan utilizadas polos escolares de primaria e secundaria nos horarios de entrada e saída dos centros educativos, e que amplíe o programa Colecamiños, “co obxectivo de evitar aglomeracións no transporte, que farían menos efectivas as medidas de distanciamento social que se pretenden aplicar nas aulas”. Tamén se lle demanda ao Concello que poña a disposición da Consellería de Educación equipamentos municipais que permitan afrontar o ano académico con maiores garantías sanitarias, tales como centros socioculturais, bibliotecas, pavillóns deportivos ou espazos ao aire libre.
Coa moción, Compostela Aberta tamén quere que a Corporación municipal inste á Consellería de Educación a poñer en marcha todas as medidas requiridas pola comunidade educativa e as autoridades sanitarias para o desenvolvemento seguro do curso escolar, e que pasarían pola contratación de novo profesorado e a habilitación de novos espazos que permitan manter a distancia interpersoal recomendada no actual contexto de pandemia.
Reunións coas ANPAs
María Rozas tamén deu conta hoxe da ronda de xuntanzas que está a manter coas ANPAs dos CEIPs de Santiago, para recoller as súas demandas no comezo deste atípico curso escolar. A concelleira xa mantivo encontros coas Asociacións de Nais e Pais dos colexios Pío XII, Raíña Fabiola, Ramón Cabanillas e Vite, “centros que teñen os seus problemas e casuísticas particulares, pero que coinciden na necesidade de que as administracións afronten de maneira urxente medidas para garantir a seguridade e tamén a conciliación neste curso”.
A edila de CA sinalou que “todas as ANPAS están a mostrar o seu malestar pola falta de alternativas, nun momento no que non se garanten todas as prazas para o comedor escolar e no que son moi poucas as opcións para as actividades extraescolares”
PODES CONSULTAR AQUÍ A MOCIÓN DE COMPOSTELA ABERTA PARA O DESENVOLVEMENTO DUN CURSO ESCOLAR SEGURO E PARA FACILITAR A CONCILIACIÓN