María Rozas será a candidata de Compostela Aberta nas próximas eleccións municipais

A concelleira anunciou a súa candidatura nunha rolda de prensa na que estivo arroupada polo grupo municipal, a coordinadora de CA e o exalcalde Martiño Noriega
  • Rozas reivindica o traballo feito no Goberno e na oposición por Compostela Aberta, “unha organización cun enorme capital humano e coas ideas moi claras sobre o Santiago que queremos”
  • Marta Lois confirma a súa decisión persoal de non optar a encabezar a lista de CA

María Rozas encabezará a lista de Compostela Aberta para as próximas eleccións municipais. Anunciouse hoxe nunha rolda de prensa na que participaron o secretario de organización de CA, Xan Duro, a portavoz do grupo municipal, Marta Lois, e a propia María Rozas. A concelleira explicou que decidiu dar este paso “con orgullo e responsabilidade, reivindicando o traballo feito por Compostela Aberta e o noso capital humano, tendo claro como é o Santiago que queremos, e desde o convencemento da decepción da veciñanza co Goberno de Bugallo, tras a caída do mito dos bos xestores”.

María Rozas presentou a súa candidatura para encabezar a lista de Compostela Aberta nas próximas eleccións nun proceso que rematou na noite do pasado venres, e do que hoxe deron conta o secretario de organización e a voceira do grupo municipal de CA. No acto, Rozas estivo arroupada polo grupo municipal, por integrantes da coordinadora, e tamén por destacados membros de Compostela Aberta como o exalcalde Martiño Noriega. A súa candidatura será ratificada agora pola asemblea de CA, e abriráse un prazo de tres meses para configurar o primeiro tramo da lista para as próximas elecións municipais.

Orgullo do traballo feito, e ideas claras para o futuro

María Rozas

María Rozas agradeceu o apoio recibido nestas últimas semanas “por todas e cada unha das persoas de Compostela Aberta ás que lle fun comunicando a decisión de presentar a miña candidatura, unha decisión moi reflexionada, que tomo con moito orgullo pero tamén cun gran sentimento de responsabilidade”. A candidata incidiu en que dá este paso “sendo coñecedora da enorme valía e do capital humano da nosa organización, que tén moito que achegar á política municipal e que debe seguir reivindicando o feito no mandato no que fomos no Goberno, que agora desde a calma é percibido con moito máis recoñecemento mesmo polos máis escépticos”. Tamén puxo en valor “o traballo de CA nestes tres anos na oposición, nos que percibimos moita decepción co Goberno de Bugallo, unha vez caído o mito dos bos xestores mesmo para os máis crentes”. 

A concelleira explicou que “teño claros cales son os meus valores, e cales son os valores de Compostela Aberta, que é o que queremos para Santiago”. Nesa liña, María Rozas insistiu en que “temos un proxecto claro de cidade,  que se basea en recuperar o protagonismo das persoas, na participación e no diálogo, na transparencia, nas políticas sociais, na xestión económica seria e na nosa honestidade”. A candidata incidiu en que “temos un equipo serio que pode afrontar un contexto complicado, e somos o único proxecto que fai unha verdadeira aposta polas políticas municipais transformadoras”.

Agradecemento a Marta Lois

María Rozas tamén expresou o seu agradecemento ao traballo feito “tanto no Goberno como na oposición”, pola portavoz municipal, Marta Lois. “que sempre será unha das imprescindibles na nosa organización”. Pola súa parte, a voceira insistiu en que a súa decisión de non candidatarse para encabezar a lista de Compostela Aberta nas próximas eleccións municipais “está relacionada coa necesidade de recuperar certa sustentabilidade entre a vida persoal, familiar e profesional, e non significa que abandone nin a miña implicación con CA nin o meu traballo institucional”. Marta Lois reiterou que “tal e como lle comuniquei á militancia de Compostela Aberta nunha carta nesta mesma fin de semana, esta decisión é froito dunha reflexión persoal, non significa un adeus senón un punto de inflexión, desde o convencemento de que María Rozas é a mellor candidata posible para ser a próxima alcaldesa de Santiago”.

Novas
relacionadas

Os grupos do Compostela Aberta, BNG e GM Socialista presentan unha moción conxunta de apoio á mobilización de SOS Sanidade Pública

Os grupos municipais do BNG, Compostela Aberta e GM Socialista acordaron unha moción conxunta, que levarán ao pleno deste mes de marzo, en apoio á nova mobilización convocada pola Plataforma SOS Sanidade Pública de Galicia, o próximo 6 de abril do 2025. A mobilización sairá ás 12 horas dende a Alameda ata a Praza do Obradoiro.
María Rozas, Goretti Sanmartín e Gonzalo Muíños asinaron o acordo de orzamentos

Os grupos municipais de Compostela Aberta, Socialista e BNG pechan un acordo de orzamentos para 2025

María Rozas, en representación de Compostela Aberta, Gonzalo Muíños polo Grupo Municipal Socialista e Goretti Sanmartín, polo BNG asinaron este martes o acordo para os orzamentos municipais de 2025, “uns orzamentos ambiciosos mais equilibrados e enfocados ás necesidades reais de Santiago”.

Compostela Aberta lamenta que a Xunta “siga sen escoitar á veciñanza de Conxo e volva elixir a peor opción para a senda ciclable do Milladoiro”

Compostela Aberta lamenta que a Xunta de Galicia perdera a oportunidade de corrixir de verdade a barbaridade que cometeu ao definir o trazado da senda ciclista do Milladoiro, e presente hoxe unha alternativa que non mellora nada e que non contenta a ninguén. Para CA, o Goberno galego segue ignorando á veciñanza, e de caer no mesmo erro de planificar unha vía sen pisar o terreo.

María Rozas: “Os orzamentos da Xunta son decepcionantes para Santiago e non serven para resolver os problemas da veciñanza”

A portavoz municipal de Compostela Aberta e tenenta de alcaldesa de Santiago cualificou hoxe de “decepcionantes e insuficientes” os orzamentos da Xunta para 2025 no que tén que ver coa capital galega. María Rozas explicou que “se sobre o papel as contas manteñen moitas débedas con Compostela, tememos que na súa execución a cousa só vaia a peor, como vén acontecendo nos últimos anos en cuestións de enorme importancia como poden ser as políticas de

PARTICIPA

gRUPOS
DE TRABALLO

Selecciona a túa preferenza*
Podes participar en varios Grupos de Traballo