A concelleira de Compostela Aberta María Rozas mostrou hoxe a súa preocupación polo funcionamento do Servizo de Axuda no Fogar, que “pese a ter incrementado notablemente o seu orzamento segue sen atender a demanda existente, para a desesperación de moitas familias, e que pese a ser prestado na actualidade por unha única empresa en todo o termo municipal, non mellorou a súa coordinación co novo contrato”. O grupo municipal de CA levará este asunto ao próximo Pleno, para instar ao Goberno a adoptar as medidas necesarias para diminuir a lista de agarda no SAF e mellorar o servizo.
María Rozas explicou que a adxudicataria do SAF empezou a prestar o servizo o pasado 1 de xuño, cun contrato que, tal e como se acordara con CA na negociación dos orzamentos de 2020, incrementou a súa dotación en aproximadamente un millón de euros. A pesar desa suba, apuntou a concelleira, “seguen a existir moitas queixas das familias polas listas de agarda, tanto na modalidade de dependencia como na de libre concorrencia”. Os últimos datos que lle foron facilitados ao grupo municipal de Compostela Aberta falaban dunha lista de agarda de 182 persoas no SAF Dependencia, cunha previsión de 60 altas, e de 98 persoas na lista de libre concorrencia, cunha previsión de altas de só dúas persoas. Para Rozas, “é urxente que o Goberno local actúe, que a concelleira de Políticas Sociais Mila Castro siga buscando escusas ás listas de agarda, porque non hai escusas que lle poidan valer ás ducias de persoas que precisan unha atención que non están a ter”.
Queixas pola falta de coordinación
A concelleira de Compostela Aberta lembrou que cando deu conta da nova licitación, “Mila Castro insistiu en que se incrementarían as horas de atención, e que se introducirían novas melloras para un funcionamento máis áxil do servizo, pero a día de hoxe é evidente que as horas seguen sendo insuficientes e que o funcionamento xeral do SAF é moi mellorable”. María Rozas sinalou que “o noso grupo non só tén recollidas as queixas das familias, senón tamén as das propias traballadoras do SAF, que falan dunha preocupante descoordinación a pesar de que co novo contrato é unha única empresa a que presta o servizo en todo o termo municipal”. Tal e como tamén denunciaron publicamente nos medios de comunicación, o persoal do Servizo de Axuda no Fogar fala tamén de deficiencias na atención e de servizos que están comprometidos pero que aseguran que non se están prestando, como o de podoloxía ou fisioterapia.
Así as cousas, Compostela Aberta levará ao Pleno da próxima semana un rogo, no que se insta ao Goberno local a procurar as fórmulas necesarias para educir a lista de agarda no Servizo de Axuda no Fogar, como a modificación do contrato para o incremento das horas prestadas, e para mellorar a coordinación do servizo, diante das queixas de persoas usuarias e traballadoras.
PODES CONSULTAR AQUÍ ROGO DO GRUPO MUNICIPAL DE COMPOSTELA ABERTA PARA A DIMINUCIÓN DAS LISTAS DE AGARDA DO SERVIZO DE AXUDA NO FOGAR