- O grupo municipal de CA preséntalle ao Goberno 5 propostas “para mellorar as políticas sociais e o inicio do curso en Santiago, diante da pasividade do PSOE”
A voceira municipal de Compostela Aberta acusou hoxe ao alcalde de vivir instalado “na estratexia de botar balóns fóra e non exercer as súas competencias en materia social, ao tempo que lamenta a situación de emerxencia que atravesan moitas familias de Santiago”. Para Marta Lois é incomprensible que Xosé Sánchez Bugallo e a súa concelleira de Políticas Sociais, Mila Castro, “ignoren a existencia dunha ordenanza municipal en vigor, que prevé prestacións de rescate social e que mesmo habilita fórmulas excepcionais para a súa concesión en situacións de excepcionalidade como a que vivimos”. Por iso, o grupo municipal de CA vén de trasladarlle ao Goberno un documento con 5 propostas para mellorar a eficacia das políticas sociais no Concello de Santiago e tamén a seguridade na volta ao colexio, “propostas que se basean nos instrumentos municipais que xa existen e na necesidade de incrementar o gasto social aproveitando os recursos sobrantes doutros departamentos, nomeadamente do de Festas”.
A concelleira de Compostela Aberta lamentou o pouco interese que vén demostrando o Goberno do PSOE na correcta aplicación da Ordenanza de Garantía Básica Cidadá desde o inicio da pandemia, e denunciou que o alcalde “ou ignora ou quere ignorar esta normativa municipal cando asegura que o Concello non tén capacidade legal nin está habilitado para continuar prestando determinadas axudas ás familias que o precisan por mor da Covid-19”. Marta Lois lembrou que “Bugallo e Mila Castro iniciaron esa estratexia cando preferiron conceder bonos para gastar no supermercado no canto de promover a concesión das prestacións de rescate social, en contra do que fixeron outros concellos con alcalde socialista como é o de Ames”. Agora, engadiu a voceira de CA, “van aínda máis alá queixándose de que o Ingreso Mínimo Vital e a Tarxeta Monedeiro da Xunta non chegan a todas as persoas que o precisan, ao tempo que non intentan aplicar a Ordenanza Municipal que mesmo prevé situacións de excepcionalidade”. Nesa liña, o artigo 22 da ordenanza sinala que “excepcionalmente, por causas obxectivamente xustificadas, poderán ser perceptoras das prestacións de rescate social aquelas persoas nas que, aínda que non cumpran todos os requisitos esixidos, sexa inicialmente ou en calquera momento posterior, concorran circunstancias especiais das que se poidan derivar para ela ou para as persoas da súa unidade de convivencia unha situación de extrema necesidade que poña en perigo o dereito á vida, á integridade física ou moral ou á saúde”.
Propostas para mellorar as políticas sociais municipais
A aplicación da ordenanza, e dese artigo en concreto, é unha das propostas recollidas no documento que Compostela Aberta lle achegou ao Goberno do PSOE para atender a situación de emerxencia social. Lois lembrou que o acordo asinado entre ambos grupos para a aprobación dos orzamentos municipais “recollía os compromisos de continuar as medidas sociais xa desenvolvidas nos últimos anos no Concello, como a Ordenanza de Garantía Básica, e de poñer en marcha a Renda Básica Infantil, e parece evidente que o PSOE non está a cumprir”. Por iso, no documento tamén se inclúe a petición de que o Goberno convoque a Comisión Mixta da Ordenanza de Garantía Básica Cidadá, prevista na disposición adicional terceira do texto, “na que participarían os catro grupos políticos municipais para formular as iniciativas que crean oportunas para aproveitar mellor a ordenanza”.
Compostela Aberta demándalle tamén ao Goberno local que impulse a Renda Básica Infantil, “cumprindo o compromiso que adquiriu no acordo para a aprobación dos orzamentos municipais”, e que publique a web da Concellaría de Políticas Sociais “que quedara deseñada ao remate do pasado mandato, e que axudaría á veciñanza a coñecer os recursos aos que pode acceder, tanto municipais como doutras administracións, e melloraría a transparencia do departamento”. Para Marta Lois, “é chamativo que o Concello habilitara unha web e puntos de información sobre o Ingreso Mínimo Vital, que depende do Estado, e non faga ningún esforzo para divulgar os instrumentos que lle son propios”. Para garantir os recursos económicos necesarios para atender as novas necesidades derivadas da pandemia, CA “volve demandar que o Goberno destine a gasto social os recursos sobrantes doutros departamentos, nomeadamente do de Festas, e que desbote as ideas que está lanzando algún concelleiro para gastar eses cargos en luces de Nadal”.
Inicio do curso escolar seguro
O grupo municipal de CA tamén insta ao Goberno do PSOE “a ser proactivo para facilitar un inicio do curso escolar seguro, porque o Concello tamén tén competencias vinculadas á educación que debe exercer”. Lois invitou ao grupo de Goberno “a non deixarse levar pola pasividade, a improvisación e a irresponsabilidade da Xunta, e a procurar fórmulas que lles acheguen certa tranquilidade ás familias”. Nesa liña, Compostela Aberta pídelle ao Goberno local que poña a disposición da Consellería de Educación “equipamentos municipais que poidan ser utilizados na volta ao colexio, e que acheguen maiores garantías sanitarias, como centros socioculturais, bibliotecas, pavillóns deportivos ou espazos ao aire libre. Ademais, reclama o reforzo das liñas de autobuses que sexan utilizadas polo alumnado de Primaria e Secundaria nos horarios de entrada e saída dos centros educativos, para evitar posibles aglomeracións; e a ampliación do programa Colecamiños, adaptado á nova realidade da Covid-19. Por último, Marta Lois pediulle ao Goberno que “planifique un servizo de comedores escolares seguro, transparente coas familias as medidas adoptadas, e facilite os mecanismos que permitan compensar ás persoas usuarias no caso de producirse un incremento de prezos por mor das medidas de limpeza, seguridade e ampliación de espazos derivadas da Covid-19”.
PODES CONSULTAR AQUÍ O DOCUMENTO DE PROPOSTAS DE COMPOSTELA ABERTA PARA O INICIO DO CURSO ESCOLAR E PARA MELLORAR A EFICACIA DAS POLÍTICAS SOCIAIS DO CONCELLO DE SANTIAGO