Marta Lois a Bugallo: “Nos vinte meses que leva gobernando desmontou por completo o mito do gran xestor”

A concelleira de CA pídelle a Bugallo que “abandone a soberbia, goberne con humildade e asuma que non tén a maioría absoluta”

A portavoz municipal de Compostela Aberta aproveitou hoxe o Debate sobre o Estado do Concello para evidenciar, unha vez máis, que “a imaxe do bo xestor coa que Bugallo chegou á alcaldía non era máis que un mito, e que o dramatismo co que describía a situación de Santiago durante a campaña electoral non coincidía en nada coa realidade”.”Se dicía que tiña pena pola cidade despois do mandato de CA, tras vinte meses gobernando debera seguir tendo pena, pero ademáis unha gran frustración”, sinalou Marta Lois, que lembrou que o goberno do PSOE mantivo moitos dos proxectos que criticaba de Compostela Aberta e non foi quen de licitar en tempo e forma os grandes contratos pendentes.

Marta Lois iniciou a súa intervención lembrando ás vítimas da Covid-19 e ás súas familias, en particular ás persoas falecidas nas residencias; e agradecendo ás persoas traballadoras dos servizos públicos o seu esforzo dos últimos meses, “sobre todo e fundamentalmente ao persoal da Sanidade Pública”. Esta situación excepcional da pandemia, sinalou a portavoz de CA, “é evidente que o condiciona todo, pero non pode ser utilizada como escusa  para todo, como pretende o alcalde”. Nesa liña, lembrou que a crise da Covid non impediu “que o Goberno traballara nos orzamentos con tempo, e non é a culpable de que non fora ata onte mesmo que o alcalde lle presentou o anteproxecto das contas aos grupos da oposición, aos que precisa para sacar adiante as contas porque goberna en minoría”.

A frustración de Bugallo

A concelleira de CA incidiu en que Bugallo utiliza a escusa da Covid para tapar a súa incapacidade, “que está moi afastada desa imaxe de gran xestor que se creou ao seu redor, ainda cando xa viña de estar na alcaldía durante doce anos e de non conseguir nese tempo desbloquear ningún dos grandes proxectos que sí desbloqueou Compostela Aberta durante o pasado mandato, como a intermodal ou a EDAR”. Para Marta Lois, “estes vinte meses de goberno demostraron que iso do bo xestor era un mito, e tamén que Bugallo tirou dun dramatismo que pouco tiña que ver coa realidade cando dixo en 2019 que se presentaba á alcaldía porque lle daba pena ver a situación na que quedara Santiago despois do mandato de CA”. “De ser así”, incidiu a concelleira, “agora debera sentir aínda máis pena e unha enorme frustración, porque o seu goberno non foi quen de solucionar ningunha das cuestións que tanto o escandalizaban ao PSOE no pasado, nin sequera de licitar aqueles contratos para os que recibiron uns pregos elaborados, e no caso dalgúns dos que sí licitaron, veu o TacGal e tumbarlles os procedementos”.

Marta Lois tirou de ironía para sinalar que “é xusto recoñecer que Bugallo está a conseguir moitos milagres, sobre todo nos medios de comunicación, pero tamén na propia acción municipal: sen cambiar case nada conseguiu que o deseño do viario Clara Campoamor pasara de ser un disparate a ser un proxecto á altura de Santiago; sen cambiar nada, conseguiu que a a intermodal deixara de ser un intercambiador indigno para a capital do país, para ser motivo de orgullo e de reiteradas fotografías; conseguiu o aplauso unánime para a licitación da EDAR da Silvouta mediante o modelo do diálogo competitivo no que o PSOE non cría no pasado mandato; e mesmo conseguiu adxudicarlle o servizo de comedores escolares á mesma empresa que os xestiona no pasado mandato, sen que se acabara o mundo”.

Vinte meses sen ideas propias

A portavoz de CA retou ao alcalde a indicar “tres políticas ou tres proxectos novos que impulsaran desde que chegaron ao Goberno, porque hoxe aquí Bugallo non está falando de nada máis que de iniciativas que forman parte da herdanza recibida de Compostela Aberta, que, definitivamente, non estaba tan envelenada como dicían, senón todo o contrario”. Ao respecto, Marta Lois volveulle citar ao alcalde a intermodal, posible grazas a un convenio asinado polo Goberno de CA; a EDAR, posible porque o Goberno de Compostela Aberta acordou con ACUAES o procedemento do diálogo competitivo do que desconfiaba o PSOE; as obras de recuperación dos Camiños de Santiago, negociadas durante o pasado mandato; os proxectos vinculados ao Smartiago; ou a instalación da fibra óptica na cidade histórica.

Marta Lois tamén lle afeou a Bugallo “a súa submisión ao presidente da Xunta, para o que non tén nin unha sóa reclamación, nin unha sóa crítica nin sequera para denunciar a xestión impresentable das residencias de maiores de Santiago durante a crise da Covid”.  A concelleira preguntouse se é esa submisión “a que lle garante que o PP de Santiago manteña agora unha oposición máis relaxada, que abandonara a súa paixón por rastrear expedientes e por elaborar sesudas árbores xenealóxicas que despois  exhibía performáticamente no Pleno”.

A portavoz de Compostela Aberta pediulle a Bugallo que “non siga a disfrazar a súa incapacidade con arrogancia, escoite aos grupos da oposición, á veciñanza, aos traballadores e traballadoras das empresas que prestan servizos esenciais no Concello e que non son escoitados nin recibidos polo Goberno”. En especial, Marta Lois instou ao alcalde a “deixar que a cidadanía coñeza e opine nos debates que son máis importantes, por exemplo o que tén que ver cun ben tan básico e un dereito humano como é a auga”. “Se pretenden continuar pola vía da arrogancia, non conten con Compostela Aberta. Se polo contrario, deciden a apostar por construír unha Compostela máis inclusiva, máis verde, máis social e máis xusta que todas e todos imaxinamos e desexamos, entón sí. Para isto si que poderán contar cos homes e mulleres de CA”, finalizou Lois.

Novas
relacionadas

María Rozas asina o acordo entre o Foro Cívico e as forzas políticas municipais para atender os retos de Santiago  

A candidata de Compostela Aberta cualifica de “moi positivo que se poña o foco sobre cuestións que van alén das grandes infraestruturas, e das que CA leva falando xa moitos anos como a gobernanza o turismo”

Compostela Aberta é a única formación que tén publicado e accesible o seu programa electoral

María Rozas aféalle a PSOE, PP e BNG que leven días “falando de propostas duns programas que non se sabe onde están nin que compromisos firmes incorporan”

Yolanda Díaz arroupa a Compostela Aberta no día grande da Ascensión

A vicepresidenta pediu o apoio para María Rozas nas eleccións do próximo día 28 “porque é a mostra dunha maneira de facer política en maiúsculas”

CA creará unha carteira pública de locais comerciais baleiros que serán postos en alugueiro a prezos taxados para comercio de interese municipal

María Rozas e Marta Lois presentaron as propostas de Compostela Aberta en materia de economía, emprego, industria e comercio

PARTICIPA

gRUPOS
DE TRABALLO

Selecciona a túa preferenza*
Podes participar en varios Grupos de Traballo