- A veciñanza do Ensanche cuestiona que a apertura cara San Pedro de Mezonzo garanta que a praza sexa máis soleada, como sostén Bugallo
A propìedade do Peleteiro aceptaría que a praza pública prevista na parcela estea aberta cara a rúa da República Arxentina, tal e como vén defendendo Compostela Aberta. Así llo confirmaron representantes da SAREB á portavoz municipal de CA, nunha reunión celebrada hai uns días. Marta Lois achegoulle esta información aos representantes do tecido comercial e veciñal do Ensanche este mediodía, nun encontro no que tamén lles adiantou que Compostela Aberta presentará a próxima semana unha nova proposta para a parcela, co obxectivo de desbloquear o proxecto “que xa acumula un atraso inxustificado por mor da falta de iniciativa do Goberno de Bugallo”.
Marta Lois mantivo hoxe unha xuntanza cos representantes das asociacións de comerciantes Santiago Centro, EmRede e Comercio Punto Compostela, así como de veciños e comunidades de propietarios da zona. Na reunión, a portavoz de CA explicou que, en contra do sinalado polo alcalde para defender a apertura da praza pública do Peleteiro cara San Pedro de Mezonzo, “a propiedade acepta que a parcela teña a configuración que foi consensuada durante o pasado mandato, e que segue contando co apoio dos comerciantes e da veciñanza do Ensanche, coa praza aberta cara a República Arxentina e nunha disposición semellante á do actual patio do colexio”. A concelleira explicou que así llo confirmaron representantes da SAREB nunha xuntanza celebrada a semana pasada, “na que quedou en evidencia que non hai motivos reais para que Bugallo se peche en banda a outras alternativas que non sexan a apertura cara San Pedro de Mezonzo”.
Ademais, na reunión celebrada hoxe, a veciñanza volveu cuestionar que a apertura cara San Pedro de Mezonzo garanta unha praza máis soleada, o outro argumento utilizado polo alcalde para rexeitar a configuración da parcela defendida maioritariamente polo tecido asociativo. Recollendo as demandas dos residentes, Marta Lois instou ao Goberno a “elaborar un informe claro ao respecto das condicións de soleamento da parcela, porque non está claro que a opción elixida por Bugallo sexa mellor que a que defenden CA e máis os colectivos do Ensanche, coa praza aberta cara República Arxentina e cunha rúa cara San Pedro de Mezonzo”.
Marta Lois comprometeuse coas asociacións de comerciantes e cos residentes “a seguir traballando para lograr a mellor solución para a parcela de Peleteiro”, e avanzou que a próxima semana Compostela Aberta presentará unha nova proposta ao respecto, contrastada con todos os sectores afectados. A portavoz de CA lamentou que “Bugallo pise o acelerador desde a súa habitual soberbia para saca adiante a súa proposta sen o consenso necesario, cando leva dous anos gobernando e sen abrir o necesario diálogo sobre unha operación que se comprometeu a desbloquear nos catro prieiros meses de mandato”