Marta Lois: “A Xerencia da Área Sanitaria de Santiago e a Xunta deben ser reprobadas pola perda de calidade da Atención Primaria e do Hospital Clínico”

A portavoz municipal traslada o apoio de Compostela Aberta “ao persoal do CHUS que se enfronta a represalias por procurar o mellor para os doentes”

Compostela Aberta demandará no Pleno da próxima semana que a Corporación municipal manifeste a súa reprobación da Xerencia da Área Sanitaria de Santiago e inste á Xunta de Galicia a cesar nas súas políticas de desmantelamento da sanidade pública galega. Anunciouno a portavoz municipal, Marta Lois, que salientou que “nas últimas semanas son moitas as novas que xustifican esta reprobación, como a situación da Atención Primaria cada vez máis precarizada, a perda de calidade  e reputación do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, ou a persecución á que se ven sometidos determinados profesionais do CHUS”.

Compostela Aberta levará ao Pleno unha moción na que insta á Corporación Municipal a manifestar a reprobación da Xerencia da Área Sanitaria de Santiago por causa da súa xestión, tanto do Hospital Clínico como da rede de atención primaria; e a manifestar o seu apoio ás persoas e colectivos que defenden a dignidade da sanidade pública galega e a súa solidariedade co persoal que sofre tentativas de represalias por defender este servizo público esencial. A proposta tamén insta á Xunta a cesar nas políticas de privatización e desmantelamento da sanidade pública galega, e en particular a repor todos os servizos e persoal da Atención Primaria da área sanitaria de Santiago e do CHUS.

Marta Lois explicou que “a situación de pandemia non fixo máis que evidenciar o enfraquecemento da sanidade pública galega durante os gobernos de Feijóo, que reduciron progresivamente o orzamento destinado á Atención Primaria, mesmo neste ano 2022 en plena crise da Covid”. Esas baixadas, sinalou, “traducíronse tamén en recortes en materia de persoal, na falta de de contratacións que levan a situacións como a que vivimos no centro de saúde de Galeras que carece de pediatra a tempo completo desde a xubilación da anterior profesional”. 

Perda de calidade e reputación do CHUS

As consecuencias das políticas sanitarias da Xunta tamén se deixan notar no Hospital Clínico Universitario de Santiago, “que está a sufrir unha preocupante perda de calidade e reputación”. Marta Lois referiuse ao Monitor de Reputación Sanitaria, un ranking elaborado a partir de case 8.000 enquisas a persoal sanitario, xerentes de hospitais, pacientes, xornalistas ou directivos de empresas de todo o Estado, e no que se analizan preto de 2.900 indicadores obxectivos específicos de máis de 2.700 servizos clínicos. A portavoz de CA explicou que “en só catro anos, o Hospital Clínico descendeu 34 postos nese ranking, desde o posto 31 que ocupaba en 2016 ata o posto 65 que ocupou en 2020, no que é unha clara mostra da degradación que está a sufrir o CHUS”.

Marta Lois lamentou que “a Xunta de Galicia a través do Sergas e a Xerencia da Xestión Integrada da Área Sanitaria de Santiago parecen máis preocupadas por ocultar esta clara degradación que en solucionala, e de aí as tentativas de solucionar calquera voz crítica ao respecto”. A portavoz de CA trasladou “o apoio do grupo municipal á doutora Fátima Nercellas, que se enfronta a un expediente disciplinario por trasladar un enfermo grave do corredor de Urxencias a unha zona máis acaída, un expediente que non se pode interpretar máis que como unha persecución dunha profesional amplamente recoñecida”.

Marta Lois concluiu lembrando que nos últimos  tempos son moitos os colectivos que veñen denunciando a grave situación na que se atopa a sanidade galega, como a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública, a Plataforma SOS Sanidade Pública, as Enfermeiras Eventuais en Loita, a Asociacións de Pacientes e usuarios dos servizos médicos, a Asociación Médicos Unidos polos seus Dereitos, ou os Facultativos Eventuais Galegos en Loita. “Diante desta precarización que tamén lle afecta á nosa área sanitaria, a Corporación municipal debe posicionarse, e mostrarlle á cidadanía se está co goberno dos recortes, da precarización e da degradación da sanidade pública, ou con quen defende a calidade e dignidade deste servizo público”.

PODES CONSULTAR AQUÍ A MOCIÓN DO GRUPO MUNICIPAL DE COMPOSTELA ABERTA EN DEFENSA DA SANIDADE PÚBLICA GALEGA E PARA A REPROBACIÓN Á XERENCIA SANITARIA DA ÁREA DE SANTIAGO

Documentación
relacionada
MOCIÓN DO GRUPO MUNICIPAL DE COMPOSTELA ABERTA EN DEFENSA DA SANIDADE PÚBLICA GALEGA E PARA A REPROBACIÓN Á XERENCIA SANITARIA DA ÁREA DE SANTIAGO
Novas
relacionadas

Compostela Aberta, BNG, PSOE e as concelleiras non adscritas presentan unha moción conxunta en apoio á mobilización de SOS Sanidade Pública do 1 de febreiro

Os grupos municipais de Compostela Aberta, BNG e PSOE e as concelleiras Non Adscritas acordaron unha moción conxunta, que levarán ao pleno deste mes xaneiro, en apoio á nova mobilización convocada pola Plataforma SOS Sanidade Pública de Galicia para o 1 de febreiro. A mobilización sairá ás 12 horas dende a Alameda ata a Praza do Obradoiro.

Os grupos do Compostela Aberta, BNG e GM Socialista presentan unha moción conxunta de apoio á mobilización de SOS Sanidade Pública

Os grupos municipais do BNG, Compostela Aberta e GM Socialista acordaron unha moción conxunta, que levarán ao pleno deste mes de marzo, en apoio á nova mobilización convocada pola Plataforma SOS Sanidade Pública de Galicia, o próximo 6 de abril do 2025. A mobilización sairá ás 12 horas dende a Alameda ata a Praza do Obradoiro.
María Rozas, Goretti Sanmartín e Gonzalo Muíños asinaron o acordo de orzamentos

Os grupos municipais de Compostela Aberta, Socialista e BNG pechan un acordo de orzamentos para 2025

María Rozas, en representación de Compostela Aberta, Gonzalo Muíños polo Grupo Municipal Socialista e Goretti Sanmartín, polo BNG asinaron este martes o acordo para os orzamentos municipais de 2025, “uns orzamentos ambiciosos mais equilibrados e enfocados ás necesidades reais de Santiago”.

Compostela Aberta lamenta que a Xunta “siga sen escoitar á veciñanza de Conxo e volva elixir a peor opción para a senda ciclable do Milladoiro”

Compostela Aberta lamenta que a Xunta de Galicia perdera a oportunidade de corrixir de verdade a barbaridade que cometeu ao definir o trazado da senda ciclista do Milladoiro, e presente hoxe unha alternativa que non mellora nada e que non contenta a ninguén. Para CA, o Goberno galego segue ignorando á veciñanza, e de caer no mesmo erro de planificar unha vía sen pisar o terreo.

PARTICIPA

gRUPOS
DE TRABALLO

Selecciona a túa preferenza*
Podes participar en varios Grupos de Traballo