- O edil de Centros Socioculturais segue sen entregar un informe sobre o prezo de licitación do servizo de xestión dos centros que lle foi solicitado en tres ocasións
Compostela Aberta vén de denunciar as trabas que impón o Goberno local para que a oposición desenvolva o seu labor, atrasando o acceso á información solicitada oficialmente. A portavoz municipal de CA, Marta Lois, lamentou que “o modus operandi habitual de Bugallo e do seu equipo sexa o de non responder ningunha cuestión que se lle formula por escrito ata o último día do prazo establecido, e o de non facilitar ningunha documentación que se lle require, aproveitando que o regulamento municipal non determina un prazo para facelo”. A día de hoxe, relatou, o grupo municipal de CA está agardando por ata oito informes diferentes, solicitados nalgún caso ata en tres ocasións. Para a concelleira, “esta é unha mostra máis da actitude soberbia dun PSOE que cre gobernar coa maioría absoluta que non lle outorgaron as urnas”.
Informe de centros socioculturais
Un dos exemplos máis chamativos da mala praxe do Goberno de Bugallo tén que ver co departamento de centros socioculturais. O 2 de marzo, o grupo municipal de Compostela Aberta solicitou por escrito acceso ao informe que lle fora contratado á empresa Pilot para determinar o prezo de licitación do expediente de xestión dos centros socioculturais. Este contrato figura na relación de contratos menores do primeiro trimestre de 2020 e o Concello pagou por el 2.722,50 euros. Compostela Aberta reiterou a solicitude de acceso a esa documentación o 13 de marzo e, ante a falta de resposta, volveuna solicitar en novembro, despois de que no Pleno de outubro o concelleiro Javier Fernández asegurara que habería total transparencia e se facilitaría a documentación requirida. A día de hoxe, dous meses despois, os informes aínda non foron entregados. A portavoz de CA lembra que “o Goberno do PSOE aprobou dúas prórrogas do actual contrato, malia a ser moi crítico coa concesionaria da xestión dos centros e contar con ese estudo encargado desde hai case un ano”.
Xestión da auga
Compostela Aberta tamén realizou desde o comezo do mandato diferentes peticións de información e preguntas sobre a xestión da auga. A última solicitude foi, hai xa máis dun mes, a do acceso aos informes encargados polo Goberno en relación á licitación do servizo de abastecemento de auga e saneamento. En concreto, o grupo municipal de CA reclamou dous documentos aos que se referiu o propio alcalde no Pleno de novembro: un estudo comparativo dos diferentes sistemas de xestión da auga, e un informe sobre a orde de prioridades de actuación na rede de subministro; informes que Bugallo sinalou que só serían facilitados no caso de constituirse a comisión da auga, o que vulneraría o regulamento orgánico municipal do Concello de Santiago. Ademais, CA reclamou outros dous estudos que foron contratos polo Goberno local no primeiro trimestre do ano: un anteproxecto de explotación, pregos e outros documentos para o novo contrato do ciclo integral da auga, contratado en febreiro por un importe dalgo máis de 18.000 euros; e o Plan de necesidades do novo contrato do ciclo integral da auga a nivel anteproxecto, contratado no pasado mes de marzo, tamén por algo máis de 18.000 euros. O PSOE aínda non facilitou ningunha da documentación requirida.
EDUSI
A falta de transparencia do Goberno do PSOE aféctalle tamén á xestión dun programa tan importante como a EDUSI, a Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Integrado, para a que o Goberno de CA captou no pasado mandato dez millóns de euros de fondos europeos. Compostela Aberta solicitou o 13 de novembro varios documentos relativos a este programa, como os informes de descrición de cada unha das operacións incluídas na estratexia, informes de idoneidade e solicitudes ao Ministerio de Facenda para a inclusión de operacións; os informes entregados na comisión de seguimento da EDUSI, ou o último informe de execución dos proxectos incluídos na EDUSI. Ningún deses documentos lle foi aínda facilitado a día de hoxe ao grupo municipal.
Tamén en relación á EDUSI, Compostela Aberta preguntou reiteradamente polos plans do Goberno de Bugallo despois de ter desbotado o proxecto do Centro Municipal de Atención Integral ás Persoas sen Fogar, que ía ser financiado con estes fondos europeos. A concelleira de Políticas Sociais anunciara no pasado mes de febreiro que o “Goberno central aceptaba o reenfoque do proxecto”, pero a día de hoxe nada máis se soubo nin sobre os plans do Goberno de Bugallo nin sobre esa tramitación diante do Ministerio de Facenda.
Outras solicitudes
CA tamén segue sen obter resposta a outras solicitudes de documentación realizadas hai máis dun mes. É o caso dunha petición de información sobre o estado de execución das partidas da Ordenanza de Garantía Básica, do informe de fiscalización da nómina do mes de outubro do Concello de Santiago, ou da documentación sobre o Camiño de peregrinación a Santiago pola Ría de Muros-Noia”. O 1 de decembro, solicitouse nova documentación sobre o estudo de mobilidade ciclista contratado polo departamento de Obras, pero tampouco houbo resposta aínda.
Compostela Aberta lembra que o regulamento orgánico municipal do Concello de Santiago sinala, no seu artigo 18, que “no exercicio das funcións de control e fiscalización dos órganos de goberno, os concelleiros e concelleiras poderán solicitar a información que estea nos servizos municipais mediante escrito dirixido ao alcalde ou alcaldesa ou, se existise delegación expresa, ao órgano do Equipo de Goberno competente para a tramitación das peticións de información”. O regulamento fixa un prazo de cinco días para que o Goberno denegue as solicitudes, aclarando que “en todo caso, a resolución denegatoria deberá ser motivada e conterá as razóns fundadas en dereito que impidan facilitar a información solicitada”. Se non hai resposta negativa neses cinco días, o Goberno debe facilitar a información requirida polos grupos da oposición.