Marta Lois advirte que “a lentitude do Goberno de Bugallo pón en risco a subvención do IGAPE para o polo biotecnolóxico da Sionlla”

A portavoz de Compostela Aberta explica que o prazo para xustificar a axuda de catro millóns de euros remata en xuño de 2022, e o Concello ainda non cedeu a parcela necesaria para a construción da infraestructura
  • CA reclamará no Pleno “un maior compromiso coa estratexia de reindustrialización de Santiago e que o Goberno axilice as tarefas que tén pendentes para a súa implementación”

A portavoz municipal de Compostela Aberta manifestou hoxe a súa preocupación pola pasividade coa que o Goberno local está a afrontar o desenvolvemento do chamado “polo biotecnolóxico da Sionlla”, un proxecto no que colaboran o Concello e a Universidade de Santiago, a través de Uninova,  e a Asociación Empresarial do Tambre. Marta Lois advertiu que “a lentitude do Goberno de Bugallo podería poñer en risco a subvención de máis de catro millóns de euros concedida polo IGAPE para a construción da infraestructura que albergará o polo”.

A portavoz de CA explicou que o polo biotecnolóxico terá a súa sede nunha parcela municipal no polígono da Sionlla, “que está comprometida polo Concello pero que aínda non foi cedida”. Por este motivo, explica Marta Lois, a Asociación Empresarial do Tambre non pode avanzar nos trámites para a construción do inmoble, “e ainda que a entidade fixo os deberes e xa conta cun anteproxecto, na actual situación dos terreos é imposible afrontar a redación do proxecto construtivo final”. A concelleira lembra que o prazo para xustificar a subvención de máis de catro millóns de euros concedida polo IGAPE para a construción da infraestructura remata en xuño de 2022, “e polo tanto para esa altura o polo biotecnolóxico debera estar funcionando, algo que semella complicado tendo en conta que os prazos que manexa a Asociación de Empresarios do Tambre achéganse aos 12 meses”.

Maior compromiso municipal

Para Marta Lois resulta “preocupante a lentitude e a pasividade coa que o Goberno de Bugallo está a afrontar este proxecto, que é fundamental para a reindustrialización de Santiago, lentitude que xa quedou en evidencia pola súa tardanza en regularizar as escrituras de Uninova, recollendo o novo equilibrio de participacións entre Concello e a USC nesta sociedade”. 

Por este motivo, Compostela Aberta levará ao Pleno do próximo día 31 unha proposición na que insta ao Goberno local a garantir o compromiso coa estratexia de reindustrialización de Santiago, concretizada no proxecto do polo biotecnolóxico da Sionlla; e a axilizar todas as tarefas municipais pendentes para que se poida xustificar en prazo a subvención do IGAPE. Ademais, CA pídelle ao Goberno que prevea os mecanismos necesarios para garantir que, no caso de que os atrasos na acción municipal deriven no incumprimento dos prazos para a xustificación da axuda, isto non repercuta negativamente no proxecto.

Marta Lois lembrou que o proxecto do polo biotecnolóxico da Sionlla é o resultado do traballo iniciado no pasado mandato para impulsar a reindustrialización de Santiago e favorecer a instalación de novas empresas no ámbito do polígono do Tambre. Foi en 2017 cando o Concello asinou un acordo co Instituto Galego da Vivenda e Solo, o Instituto Galego de Promoción Económica, a Cámara de Comercio e a Asociación Empresarial do Tambre para captar novos proxectos de investimento; e dese acordo naceu a actual mesa de traballo que permitiu impulsar o proxecto do polo de innovación en Biotecnoloxía, no que tamén está implicado BIOGA, o clúster tecnolóxico empresarial das ciencias da vida.

PODES CONSULTAR AQUÍ A PROPOSICIÓN DE COMPOSTELA ABERTA PARA GARANTIR O COMPROMISO COA REINSDUSTRIALIZACIÓN DE SANTIAGO E O PROXECTO DO POLO DE INNOVACIÓN DE BIOTECNOLOXÍA NA SIONLLA

Novas
relacionadas

Yolanda Díaz arroupa a Compostela Aberta no día grande da Ascensión

A vicepresidenta pediu o apoio para María Rozas nas eleccións do próximo día 28 “porque é a mostra dunha maneira de facer política en maiúsculas”

CA creará unha carteira pública de locais comerciais baleiros que serán postos en alugueiro a prezos taxados para comercio de interese municipal

María Rozas e Marta Lois presentaron as propostas de Compostela Aberta en materia de economía, emprego, industria e comercio

María Rozas preséntalle ao Club Financiero de Santiago as propostas de CA en materia de reindustrialización

A candidata de Compostela Aberta á alcaldía comprometeu a creación dunha Oficina de captación e retención de empresas “que facilite a burocracia aos empresarios e emprendedores”

María Rozas: “Compostela Aberta é o espazo da esperanza, porque somos activistas por un Santiago que merece máis”

Compostela Aberta presenta para o 28 de maio “unha candidatura feminista, que nace do asociacionismo, pegada ao territorio e solvente”

PARTICIPA

gRUPOS
DE TRABALLO

Selecciona a túa preferenza*
Podes participar en varios Grupos de Traballo