- Lois acusa a Bugallo e a Feijóo de “vivir nunha realidade paralela, na que seguen fiando o destino de Santiago a que a Igrexa prorrogue o Ano Santo”
“A reunión celebrada onte ratifica o que xa sabiamos: que Bugallo foi o candidato de Feijóo nas eleccións municipais e que Feijóo foi o candidato de Bugallo nas autonómicas”. Así de contundente se mostrou hoxe Marta Lois, na súa valoración da xuntanza que onte mantiveron o alcalde de Santiago e o presidente da Xunta. Para a concelleira de CA, “Bugallo e Feijóo seguen demostrando a súa complicidade e proximidade ideolóxica, por iso non é de estrañar que se tapen mutuamente as vergoñas. Porque é unha auténcia vergoña a parálise das dúas administracións que presiden, en tempos tan complicados como os que vivimos”. Por iso, denunciou que e o alcalde “vai ás reunións co presidente cunha actitude pasiva, dá por bo todo canto lle diga Feijóo, aínda que lle volva vender os mesmos proxectos para Santiago, unha e outra vez”.
A voceira de Compostela Aberta lamentou que o Xacobeo volva ser o eixo da reunión entre Bugallo e Feijóo, “que seguen demostrando non ter máis proxectos de futuro para a capital do país que non sexa o turismo, aínda cando todas somos conscientes de que a pandemia da Covid-19 tén mudado radicalmente o escenario”. Ao respecto, Marta Lois lamentou que “Bugallo e Feijóo roguen á Igrexa por unha prórroga do Ano Santo como único remedio para a situación que atravesamos, e que o alcalde insista en falar do turismo en termos cualitativos, mostrando o seu convencemento de que a partir da próxima Semana Santa se recuperará o número de visitantes e de peregrinos”. Para Marta Lois, “o alcalde non está a facer unha correcta lectura da situación creada pola pandemia, como non fixo unha correcta lectura no seu momento dos riscos que supoñía para a cidade a saturación turística”. Ademais, lamentou que “tanto o alcalde como o presidente da Xunta insistan en falar de 2022, cando son moitos os autónomos dedicados á hostalería que non saben se serán capaces de rematar o 2020 cos seus negocios abertos”.
Na mesma liña, a concelleira de CA mostrou o seu escepticismo con respecto ao Plan de Sustentabilidade Turística “que se volve vender como un investimento real de catro millóns de euros, cando de momento o único que temos é un proxecto que aínda tén que recibir o visto bo do Estado, e no que se inclúen moitas medidas que non son nada novidosas, como a creación dun Observatorio turístico ou a aprobación dun Pacto Local polo Turismo.
“Cortina de fume do Xacobeo para tapar a nada”
Para Marta Lois, Bugallo e Feijóo “utilizan o Xacobeo como cortina de fume para non falar doutras cuestións para as que non teñen nin propostas nin respostas, como é o caso da política industrial”. A voceira de Compostela Aberta reiterou a necesidade de “mudar o paradigma económico de Santiago, de pasar das palabras aos feitos, porque a Xunta non fixo nada do comprometido en 2017 no acordo para a reindustrialización de Santiago, e o alcalde non é quen de afeárllelo a Feijóo”.
Do mesmo xeito, a concelleira de CA criticou que o alcalde siga sen levar á reunión con Feijóo, como xa fixo hai un ano, compromisos incumpridos pola Xunta con Santiago, como son o novo aparcamento do CHUS, o parque comarcal de bombeiros, a Casa de Acollida para Mulleres, a Cidade da Raqueta, ou o incremento de achegas pola Capitalidade. Tampouco se falou na xuntanza doutras necesidades que tén Compostela como a construción dun Centro de Día para menores, nin nada se concretou ao respecto da residencia de maiores que se vai construír no Restollal, “que estará financiada pola Fundación Amancio Ortega, e para a que Compostela Aberta esixe unha xestión pública, e máis despois do vivido nas residencias privatizadas durante a crise da Covid-19”.
Dúbidas sobre a EDAR
Marta Lois tamén mostrou a súa preocupación por todo o que tén que ver co financiamento da EDAR da Silvouta. A concelleira avanzou que “CA solicitará que se investigue por que a Xunta propuxo retirar os fondos europeos destinados a esta infraestructura, cando a directora xeral de Acuaes tiña asegurado que ese diñeiro sería para a depuradora de Santiago; e por que o Ministerio de Medio Ambiente cambiou de criterio con respecto ás condicións para a súa adxudicación”. Para a voceira de Compostela Aberta, “é preocupante que Bugallo non demande explicacións ao respecto, e pretenda gastar a parte que lle corresponde a Santiago do Fondo de Reestructuración Europeo en obras que xa tiñan o financiamento comprometido, como son a EDAR e a intermodal”.
Por último, Lois chamou a atención sobre “a disposición que mostrou onte o presidente da Xunta para que o Goberno galego asuma unha maior porcentaxe no financiamento da EDAR no caso de que se perdan fondos europeos, unha disposición que nunca mostrou co Goberno de Compostela Aberta”. A concelleira lamentou que “Feijóo volva demostrar o uso partidario que fai das institucións e dos fondos públicos que son de todos os galegos e galegas”. “É evidente”, concluiu Marta Lois, “que Feijóo trata a Bugallo como un dos seus, e que o alcalde responde coa máxima fidelidade política, á marxe dos intereses de Santiago”.