Marta Lois: “Bugallo perdeu ou a memoria ou a vergoña, porque presume de sacar adiante os proxectos que recibiu desbloqueados grazas ao Goberno de CA”

A portavoz de CA lembra que no pasado mandato iniciouse o procedemento de licitación da EDAR, asinouse o convenio da estación e adxudicouse o contrato para a implantación da administración electrónica
  • O PSOE sempre negou que Santiago fora a ter nova depuradora e intermodal, “e agora o alcalde declárase orgulloso ata do proxecto de Clara Campoamor que cualificaba de disparate”

“O alcalde de Santiago ou ben é un desmemoriado, ou a súa desvergoña non tén límites”. Así de contundente se mostra a portavoz de Compostela Aberta, despois de que Bugallo fixera onte balance de 2020 presumindo de que “foi o ano no que se desbloquearon catro proxectos importantísimos para a cidade: o orbital, a EDAR, a estación intermodal e a administración electrónica”. Marta Lois incidiu en que “o rexedor saca peito por actuacións que son produto do traballo feito durante o Goberno de CA, porque o certo é que da súa propia xestión non pode presumir máis que de non ser quen licitar ningún dos contratos prometidos, de non ser quen de pagarlle aos proveedores en tempo e forma, e de non ser quen de impulsar ningún proxecto novidoso, nin sequera de reformular aqueles que criticaba cando o PSOE era oposición e el o candidato”.

Marta Lois sinalou que “di moito do alcalde que sexa capaz de presumir de que o proxecto da EDAR estea encamiñado sen poñerse colorado, porque estando na oposición o PSOE cuestionou en todo momento os pasos dados por Compostela Aberta, os anuncios feitos por Acuaes, e a idoneidade do procedemento do diálogo competitivo”. A portavoz de CA lembrou que “despois dun enorme traballo para demostrar a viabilidade da nova depuradora no espazo que ocupa a actual da Silvouta, ACUAES iniciou a licitación da EDAR polo procedemento do diálogo competitivo antes das pasadas eleccións municipais e antes da chegada de Bugallo á alcaldía, de modo que pouco mérito tén o rexedor en que o procedemento siga o seu curso”. En canto ao financiamento da infraestructura, a concelleira lembrou que foi con Bugallo na alcaldía cando o ministerio, do mesmo partido que o alcalde, mudou os criterios para cuestionar que a EDAR debera recibir fondos europeos porque entendía que xa non había un problema de depuración en Santiago. Marta Lois recoñeceu non estar sorprendida pola desvergoña de Bugallo ao falar da EDAR “porque este é o mesmo alcalde que recoñeceu nun acto público ter chegado a un acordo en 2011 co conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández, para paralizar a licitación da depuradora atendendo a intereses puramente electorais, e esa foi precisamente a orixe da demora na construción desta infraestructura”.

Estación intermodal

Do mesmo modo, Marta Lois foi moi crítica con Bugallo por ter presumido de desbloquear a construción do AVE e as obras da intermodal. A portavoz de Compostela Aberta lembrou que “se temos unhas obras en marcha é porque o 15 de xuño de 2016 o Goberno de Martiño Noriega asinoi un convenio co Ministerio de Fomento e coa Xunta, por certo, nun acto ao que non acudiron nin os concelleiros do PP nin os do PSOE, porque sempre mantiveron que a estación non se ía construír”. Para Marta Lois, “que agora o alcalde presuma de actuación non demostra máis que o que xa sabiamos: que aos socialistas molestáballes unicamente que fora o Goberno de CA o que asinara o convenio que viabilizara esa actuación, e que ademais o fixera evitando a especulación urbanística e o aproveitamento comercial que Bugallo quería para esa zona”. Ademais, Marta Lois lembrou que o ADIF anunciou a licitación conxunta das dúas fases da nova estación intermodal en agosto de 2017, “e o tempo acabounos dando a razón tamén no que viñamos sinalando en canto á cláusula dos 3,5 millóns de pasaxeiros: non impedía a construción da estación intermodal”. A concelleira ironizou co feito de que “Bugallo presuma agora dunha estación intermodal, cando ata o mesmo día de entrar na alcaldía menosprezaba o proxecto insistindo en que Santiago só tería un intercambiador”.

Para Marta Lois, o mellor exemplo “da pouca vergoña e da pouca palabra que tén o alcalde de Santiago é que onte se declarara orgulloso por ter rematadas as obras do viario Clara Campoamor, porque en campaña Bugallo anunciou que paralizaría ese proxecto, cualificou de disparate e hipoteca para a cidade o deseño de Compostela Aberta, e finalmente mantívoo tras gastar 15.000 euros nun estudo que ditaminou que o proxecto estaba ben como estaba”.

Ano en branco de Bugallo

En canto á administración electrónica, outro dos “logros” dos que presumiu Bugallo, Marta Lois explicou que “foi tamén o Goberno de Compostela Aberta o que iniciou o proceso para modernizar o Concello de Santiago, empezando desde cero porque os sucesivos Gobernos de Bugallo nada fixeran ao respecto”. A portavoz de CA lembrou que foi no pasado mandato cando se adxudicou o contrato de subministro da administración electrónica e cando se iniciou a formación do persoal municipal, de xeito que o mérito de Bugallo foi seguir co plan iniciado.

Marta Lois lamentou que “Bugallo teña que sacar peito por actuacións nas que moi pouco tivo que ver para ocultar a paralización e a falta de ideas do seu equipo, que ano e medio despois da súa chegada ao Pazo de Raxoi segue demostrando a súa incapacidade e a súa soberbia”. Para a voceira de Compostela Aberta, “fronte aos triunfalismos do alcalde, o que temos é un Goberno que non foi quen de iniciar a licitación dos contratos pendentes, ainda presentando con toda a propaganda do mundo un plan de contratos para 2020; que só conseguiu cumprir o Periodo Medio de Pago a proveedores en 3 meses do mandato, e que se está a limitar a darlle continuidade a algúns dos proxectos do Goberno de Compostela Aberta”.

Novas
relacionadas

Moción conxunta para reclamarlle á Xunta que cumpra con Santiago e resolva o caos de tráfico e de falta de aparcadoiro no CHUS

María Rozas, Gonzalo Muíños e Míriam Louzao presentan unha iniciativa para que a Xunta asuma a súa competencia e realice o investimento necesario

María Rozas asina o acordo entre o Foro Cívico e as forzas políticas municipais para atender os retos de Santiago  

A candidata de Compostela Aberta cualifica de “moi positivo que se poña o foco sobre cuestións que van alén das grandes infraestruturas, e das que CA leva falando xa moitos anos como a gobernanza o turismo”

María Rozas: “Compostela Aberta é o voto útil para quen queira políticas progresistas en Santiago” 

Compostela Aberta celebrou o seu acto central de campaña na Sala Capitol, no que a candidata estivo arroupada polo exalcalde Martiño Noriega

Compostela Aberta é a única formación que tén publicado e accesible o seu programa electoral

María Rozas aféalle a PSOE, PP e BNG que leven días “falando de propostas duns programas que non se sabe onde están nin que compromisos firmes incorporan”

PARTICIPA

gRUPOS
DE TRABALLO

Selecciona a túa preferenza*
Podes participar en varios Grupos de Traballo