Marta Lois: “Bugallo presumiu dun Plan de Contratación que axudaría á reactivación económica, e non é quen de iniciar as licitacións máis importantes”

Compostela Aberta reclamará no Pleno a inmediata licitación dos servizos de transporte urbano, recollida do lixo e xestión dos centros socioculturais
  • A portavoz de CA urxe ao Goberno a presentar as características dos contratos aos grupos da oposición e ao persoal das concesionarias, “que pode facer importantes achegas para mellorar os servizos”

Compostela Aberta demandará, no Pleno da próxima semana, que o Goberno inicie os procedementos de adxudicación dos contratos de transporte público, recollida do lixo e limpeza viaria e xestión dos centros socioculturais, e que previamente informe a todos os grupos municipais doas características desas licitacións. Así se recolle nunha proposición na que o grupo municipal de CA tamén urxe ao Executivo de Bugallo a establecer as necesarias canles de diálogo cos traballadores e traballadoras das empresas concesionarias, que se manifestaron ás portas do Pazo de Raxoi coincidindo cos Plenos ordinarios dos meses de outubro e novembro. A portavoz de Compostela Aberta, Marta Lois, lembrou que “o alcalde presentou en xuño un Plan de Contratación para este 2020 prometendo que contribuiría á reactivación económica do Concello, e o certo é que a piques de rematar o ano seguimos sen saber nada dos contratos máis importantes dese listado”.

A voceira municipal de CA foi moi crítica co equipo de Bugallo, “que volve demostrar que está moi lonxe de ser o Goberno dos grandes xestores que nos quixeron facer crer”. Marta Lois considerou “incomprensible” que, cando está a piques de rematar o ano, “sigamos sen coñecer os prazos para a licitación se servizos tan importantes como o do transporte público ou o da recollida do lixo, coa agravante de que nos dous casos o Goberno de Compostela Aberta deixara uns pregos preparados para poder iniciar os procedementos de adxudicación”. A concelleira salientou que “no caso do lixo, a concelleira Mila Castro comprometeuse a ter o contrato funcionando na primavera de 2020; e no relativo ao transporte, o edil Gonzalo Muíños asegurou tamén que a licitación comezaría antes de rematar o ano 2019”. Nos dous casos, incidiu Lois, “o Goberno incumpriu a súa palabra, como tamén a incumpriu o propio alcalde que incluiu eses dous contratos no Plan de Contratación para o ano 2020”. Nese listado tamén aparecía a licitación da xestión dos centros socioculturais, pero a realidade é que o Concello vén de aprobar unha segunda prórroga do actual contrato con Ferrovial, “malia a que o concelleiro Javier Fernández criticou publicamente á empresa e mostrou reiteradamente o seu descontento cos seus servizos”.

Goberno paralizado e pouco dialogante

A portavoz municipal de Compostela Aberta advertiu que “non vale a escusa da Covid-19 para xustificar os atrasos nas licitacións, porque Bugallo presentou o Plan de Contratación cando tiñan transcorridos tres meses da declaración do estado de alarma, e presumiu dunhas licitacións por 800 millóns de euros que, asegurou, ían contribuir á creación de emprego e á mellora da calidade dos servizos”. “O habitual optimismo do alcalde”, salientou Marta Lois, “choca coa realidade, que é que dese investimento millonario seguen pendentes non só os 425 millóns de euros que o PSOE quere pagar por manter o sistema privatizado da xestión da auga durante 25 anos, senón tamén os 114 millóns do contrato da recollida do lixo, que o Goberno prevé licitar por 10 anos prorrogables por dous máis; os 117 millóns de euros do contrato de 12 anos do transporte urbano; e os 4,2 millóns de euros do contrato para a xestión dos centros socioculturais”.

A concelleira de Compostela Aberta incidiu en que “estamos a falar de contratos de servizos que lles afectan moi directamente aos veciños e veciñas, e que no caso do lixo e do transporte urbano condicionarán a futuras corporacións municipais”. Por iso, Marta Lois urxiu ao Goberno a que, canto antes, informe a todos os grupos municipais das características das licitacións, “algo que é especialmente obrigado cando falamos dun Goberno en minoría”. Nesa liña, a portavoz de CA reclamoulle ao equipo de Bugallo “que mude a súa actitude e se abra ao diálogo, non só coa oposición, senón tamén cos traballadores e traballadoras das concesionarias, que xa se manifestaron en dúas ocasións na Praza do Obradoiro para pedir seren escoitados”. Lois lembroulle ao Goberno que “o persoal das contratas está directamente afectado polas licitacións, pero ademais é quen mellor coñece os servizos e podería facer importantes achegas de interese para os propios procedementos de adxudicación que redundarían no beneficio do conxunto da cidadanía”.

PODES CONSULTAR AQUÍ A PROPOSICIÓN DO GRUPO MUNICIPAL DE COMPOSTELA ABERTA SOBRE A LICITACIÓN DOS SERVIZOS DE RECOLLIDA DO LIXO E LIMPEZA VIARIA, TRANSPORTE PÚBLICO, E XESTIÓN DOS CENTROS SOCIOCULTURAIS

Novas
relacionadas

Moción conxunta para reclamarlle á Xunta que cumpra con Santiago e resolva o caos de tráfico e de falta de aparcadoiro no CHUS

María Rozas, Gonzalo Muíños e Míriam Louzao presentan unha iniciativa para que a Xunta asuma a súa competencia e realice o investimento necesario

María Rozas asina o acordo entre o Foro Cívico e as forzas políticas municipais para atender os retos de Santiago  

A candidata de Compostela Aberta cualifica de “moi positivo que se poña o foco sobre cuestións que van alén das grandes infraestruturas, e das que CA leva falando xa moitos anos como a gobernanza o turismo”

Compostela Aberta é a única formación que tén publicado e accesible o seu programa electoral

María Rozas aféalle a PSOE, PP e BNG que leven días “falando de propostas duns programas que non se sabe onde están nin que compromisos firmes incorporan”

Yolanda Díaz arroupa a Compostela Aberta no día grande da Ascensión

A vicepresidenta pediu o apoio para María Rozas nas eleccións do próximo día 28 “porque é a mostra dunha maneira de facer política en maiúsculas”

PARTICIPA

gRUPOS
DE TRABALLO

Selecciona a túa preferenza*
Podes participar en varios Grupos de Traballo